I FESTIVAL INTERNACIONAL CINE CARLOS VELO

14 / 02 / 2014

Os próximos 20 e 21 de xuño de 2014, Cartelle e Celanova (Ourense) acollerán a I Edición do Festival Internacional de Cine Carlos Velo, un espazo para a divulgación e exhibición de curtametraxes, documentais e de ficción, cunha temática relacionada co medio rural e coa recuperación da memoria material e inmaterial dos pobos do mundo. O I FICCVelo será tamén un punto de encontro para os profesionais do sector audiovisual, así como un espazo para o debate e a reflexión creativa sobre o pasado, o presente e o futuro do mundo rural. Con esta iniciativa reivindicamos a figura e o legado do gran cineasta de Cartelle, Carlos Velo.

No marco do Festival, promoveremos tamén a creación e o desenvolvemento de proxectos artísticos, sociais, culturais, económicos que viren ao redor do medio rural e do seu futuro.

Entre os obxectivos do Festival, cabo destacar o interese polo coñecemento, a conservación e a defensa das culturas e os acenos identitarias do medio rural, do seu singular patrimonio material e inmaterial, a recuperación e a codificación da memoria histórica, e a promoción do intercambio interxeracional e a participación cidadá.

Esta iniciativa persegue tamén que a comarca Terras de Celanova ocupe o lugar destacado que lle corresponde como referente cultural e artístico contemporáneo, organizando un evento que proporcione un espazo de encontro para a proxección exterior da alta concentración de talento creativo, pasado, presente e futuro, en diferentes disciplinas artísticas, que existe nesta zona de Galicia.

O Festival está organizado polos colectivos LAREIRA POP e ARRAIANOS e contará coa colaboración de personalidades da comarca vinculadas ao sector audiovisual e artístico, así como co apoio dos concellos de Cartelle, Celanova, a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia.

As bases do Festival poden consultarse na web do Festival así como na web www.uptofest.com. O prazo para o envío do material finaliza o 17 de maio de 2014.

Categoría: Novas
Etiquetas: