O FESTIVAL DE CURTAMETRAXES DE BUEU CELEBRA A SÚA EDICIÓN MÁIS INTERNACIONAL DO 2 AO 7 DE SETEMBRO

2 / 09 / 2013

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu celebrará este ano a máis internacional das seis edicións organizadas ata o momento, segundo puxeron de relevo esta mañá na presentación do evento o alcalde da vila, Félix Juncal, e o director do certame, Manuel Pena. Do 2 ao 6 de setembro visionaranse no Centro Social do Mar, en sesión dobre, as 25 cintas seleccionadas para a sección oficial, das que 22 son estranxeiras. O día 7 terá lugar a entrega de premios.

A internacionalización do FICBUEU2013 púxose xa de relevo no período de recepción das obras, durante o que “se bateu o récord de participación, con 670 curtas de case 60 países, co cal o traballo de preselección foi bastante complicado”, explicou Manuel Pena. A organización amosouse satisfeita “máis que por incrementar as cifras, por poder darlle cada ano ao evento un carácter máis internacional, que foi o obxectivo principal desde o comezo e que quizais nesta edición podemos dicir que realmente o acadamos, pois recibimos a gran maioría das propostas desde o estranxeiro, como queda reflectido na selección”.

Tamén o alcalde de Bueu salientou que “o FICBUEU foi gañando cada ano en participación, pero tamén en prestixio”. Apuntou ao respecto que “o festival conta cunha compoñente cultural, que é a máis importante, pero tamén ten unha dimensión turística de proxección do municipio no exterior, e polo tanto cumpre esa dupla función que leva a que o Concello aposte por garantir o financiamento necesario para que cada ano se poida seguir celebrando, nunhas datas ademais nas que remata o verán”.

O certame dispón dun orzamento total de 16.000 euros dos que o Concello financia a práctica totalidade. A edición deste ano conta cunha subvención de 2.000 euros da Deputación de Pontevedra, a través do Plan de Acción Municipal. A Fundación Novas patrocina ademais o premio á mellor curta galega, mentres que diversos establecementos da vila prestan a súa colaboración.

Implicación do público e II Ruta das Tapas

O FICBUEU2013 manterá unha estrutura semellante á do ano pasado, xa que entre o luns e o venres proxectaranse cinco curtas diarias, con entrada gratuíta. Haberá unha primeira sesión ás 20 horas e un segundo pase idéntico ás 22.15 horas, a fin de reducir as longas colas que se producen ante a masiva afluencia de público. O sábado terá lugar a gala de peche na que, ademais dunha pequena sorpresa inicial, se inclúe a entrega de premios, a exhibición das obras gañadoras e a posterior festa de clausura no pub Aturuxo.

Os asistentes recibirán en cada xornada unha ficha para puntuar as curtas e decidir así o premio do público. Ao tempo, disporán dunha quiniela para aventurar os títulos gañadores dos principais galardóns. As persoas que acerten as tres respostas terán unha butaca reservada na vindeira edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, amais de entrada de balde para o Cineclub ata final de ano.

Como novidade, o Concello de Bueu decidiu xunto cos restauradores da vila organizar para a semana do FICBUEU2013 a II Ruta das Tapas, que se desenvolverá entre os días 2 e 8 de setembro. Segundo o alcalde, Félix Juncal, “trátase dun aliciente máis para os centos de persoas que veñen gozar do festival”. A dinámica será parecida á da primeira edición e o prezo das tapas manterase en 1,50 euros, pero esta vez “estarán elaboradas con todo tipo de produtos do mar”, concretou.

Categoría: Novas
Etiquetas: