O FESTIVAL DE CINE DE OURENSE, UN ESPAZO PARA A PROXECCIÓN DO AUDIOVISUAL GALEGO

21 / 08 / 2013

A decimoitava edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (18OUFF), que se celebrará do 16 ao 24 de novembro de 2013, empraza un ano máis os creadores galegos a presentar as súas obras a un certame que renova o voto de continuidade e a súa aposta polos filmes máis comprometidos e controvertidos temática e formalmente. Nas oficinas do 18OUFF xa se recibiron case un cento de traballos susceptibles de participar na competición oficial (só longametraxes de ficción) ou en calquera das seccións paralelas que completarán a oferta fílmica deste 2013. Daquela, o OUFF fai unha chamada moi especial para os cineastas da nosa terra co desexo de converterse en escaparate e plataforma de lanzamento para os seus traballos, independentemente da súa temática, duración ou formato.

Un proceso en marcha
O 18OUFF atópase agora mesmo en pleno proceso de recepción de películas. A data límite para poder enviar traballos é o 25 de setembro, seguindo as instruccións recollidas na páxina web, data na que se iniciará o proceso de selección que configurará a selección oficial a concurso e os diferentes ciclos fóra de competición.

Como novidade máis salientable, o OUFF recupera este ano o Premio Cidade de Ourense, que se lle outorgará a unha recoñecida figura do sector audiovisual cuxa obra será obxecto dunha retrospectiva no Festival. Alén desta homenaxe, o OUFF dedicará un espazo nas súas pantallas para a cultura do viño, para o xénero documental e para as producións máis salientables do momento a nivel galego, iberoamericano e mundial.

Categoría: Novas
Etiquetas: