O FESTIVAL DE CINE INTERNACIONAL DE OURENSE INICIA A SÚA VENDA DE ENTRADAS

12 / 11 / 2014

O Auditorio Municipal convértese un ano máis na sede principal do 19OUFF, sendo o lugar onde se proxectarán todos os filmes da Competición Oficial, o filme de inauguración –A esmorga-, o filme de clausura –Schimbare- e parte das Seccións Paralelas.

Xa se poden adquirir todas as entradas de forma telemática en entradas.abanca.com, exceptuando as da Gala Inaugural, que se esgotaron esta mesma mañá minutos despois de saír á venda.

A partires do sábado 15 comezará a venda de entradas na billeteira do Auditorio nun horario de

17h30 a 20h30 durante ese día, e cun horario de 12h00 a 14h00 polas mañás e de 16h30 a 22h30 polas tardes no resto de días nos que se desenvolva o festival. O prezo será de 3€ por sesión (agás os bonos de 5 películas, que serán a 12€ e para os clientes de Abanca, a un prezo reducido de 10€).

Outras proxeccións e actividades

O Teatro Principal, o Centro Cultural Marcos Valcárcel e o Centro Cultural Ánxel Valente tamén se encherán de cine durante o 19OUFF.

Neste último levaranse a cabo as denominadas Sesións Lixeiras. Consistirán na proxección de xeito ininterrompido de diferentes traballos audiovisuais. As proxeccións terán lugar do 15 ao 22 de novembro, en horario de 11h00 a 14h00 e de 18h00 a 22h00. Poderanse ver curtametraxes de animación da USC School of Cinema Arts (Os Ánxeles, California), informacións e imaxes do No-Do relacionadas coa provincia de Ourense e cedidas polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), traballos realizados por centros ourensáns para o OUFF Escola 2014 así como os gañadores do concurso, a webserie PIB, a curtametraxe O demais e Sons do entroido. Alén disto, no Centro Cultural Ánxel Valente, a artista Maite Diz mostraranos a súa forma de mirar e de plasmar co seu pincel o que ve a través dun repaso á historia cinematográfica coa súa exposición Backstage.

No Teatro Principal terán lugar as proxeccións das seccións paralelas e as galas de entrega do Premio Cidade de Ourense a Emilio Martínez-Lázaro e do Premio Irmandade do Libro ao Mellor Guión Adaptado a Carlos Bardem por Alacrán enamorado. O Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá diferentes proxeccións pertencentes ao Panorama Galicia.

Roteiro literario e representación teatral

Unha boa oportunidade, ao fío da estrea da película A esmorga, é a que nos ofrece realizar o percorrido orixinal no que está baseada a famosa obra de Blanco Amor. Desta forma organizarase para o domingo día 16 a partires das 13h00 un roteiro con saída dende As Burgas con visita ás distintas zonas onde se desenvolve a trama, referenciadas en placas na rúa que conteñen citas textuais do libro.

Ademais, o grupo Baralláns Teatro, pertencente ao IES Blanco Amor do barrio da Ponte en

Ourense, renderalle unha homenaxe ao escritor ourensán por mor do XXXV aniversario do seu

pasamento. Deste xeito porá en escena, con entrada libre, o seu espectáculo Praza do Bispado. Por este acolledor espazo urbano deambulan moitos dos innumerábeis personaxes tirados da abondosa obra literaria de Eduardo Blanco Amor que amosan curiosas situacións escénicas e variados estados de ánimo. Terá lugar o venres 14 de novembro ás 18h00 no Centro Cultural Ánxel Valente.

Concertos

Diego Nóvoa | [Tragaluz, Praza San Martiño] 16/11 – 22h30. Nacido en Ourense no seo dunha familia con tradición musical, acaba de lanzar o seu primeiro álbum titulado Nueve.

Andhrea & The Black Cats | [Tragaluz, Praza San Martiño] 17/11 – 22h30. Trío de blues

compostelán que reinterpreta clásicos do blues dos anos 40, 50 e 60 dun xeito dinámico e

divertido. O repertorio comprende temas de Robert Jonson, Muddy Waters ou Son House.

Iria Estévez e Gonzo Piña |[Praza San Martiño] 18/11 – 22h30. Músicas de antes e de agora

interpretadas dun xeito moi particular.

The Lákazans | [Tragaluz, Praza San Martiño] 19/11 – 22h30. As súas influencias van dende o blues mais clásico ata o soul pasando polo country e sen esquecer os grandes clásicos e os novos talentos do rock & roll.

Pink Roe | [Tragaluz, Praza San Martiño] 20/11 – 22h30. Parten da música tradicional como base, tanto de Galiza como de calquera outra parte do mundo e reelabórana dándolle toques diferentes de voces e instrumentación.

Todas as proxeccións e actividades que teñan lugar fóra do Auditorio Municipal serán de carácter gratuíto ata completar aforo.

Para máis información www.ouff.org

 

Categoría: Novas
Etiquetas: