A asociación cultural Arela repartirá este ano máis de 5.000 exemplares gratuítos de CanZine, a primeira revista oficial do Festival de Cans. Editada pola asociación organizadora do festival, dirixida por Diego Giráldez e Amparo Rodríguez e maquetada por Manrique Fernández, a publicación recollerá toda a información sobre o VIII Festival de Cans. Haberá colaboracións de luxo e reportaxes e entrevistas tanto cos veciños e veciñas de Cans como con estrelas convidadas como Isabel Coixet, Fernando León ou María Pujalte. .

Algunhas das persoas que colaboran neste primeiro número, que entra hoxe mesmo en imprenta, son os productores Antón Reixa e Emma Lustres; os actores Carlos Blanco, Luis Zahera, Roberto Vilar, X.A. Touriñán, Monti Castiñeiras e María Bouzas; os realizadores Jorge Coira e Gustavo Balza; os críticos Xurxo González, Xosé González Filloy e Ana González Chouciño; os escritores Yolanda Castaño e Suso de Toro; xornalistas como Lucía Campo, Moisés Álvarez, Fernando González Gonzo e Quique Alvarellos; os músicos Nicolás Pastoriza e Eladio Santos; os guionistas Carlos Ares e Araceli Gonda; os fotógrafos Xurxo Lobato e Pablo Gallego; e o debuxante David Rubín.

 

ISABEL COIXET NON PODERÁ ASISTIR FINALMENTE AO VIII FESTIVAL DE CANS

A cineasta Isabel Coixet ven de comunicarlle á organización do Festival que sufriu un accidente nunha rodaxe en Nova York que a obrigou a cancelar a súa axenda para as próximas semanas e que fai que lle sexa imposible vir a Cans esta fin de semana, tal e como estaba previsto.

O Festival de Cans proxectará, igualmente, Escuchando al juez Garzón, o venres 20 ás 19h30 no baixo de Bugarín. O documental, que ata o momento só se puido ver na sección Berlinale Especial, do Festival Internacional de Cine de Berlín, xorde como un empeño persoal de Isabel Coixet para apoiar ao xuíz Garzón fronte aos procesos xudiciais abertos na súa contra. O escritor Manuel Rivas faille unha entrevista en profundidade a Baltasar Garzón e Coixet extrae 87 minutos dunha gravación de máis de seis horas, nos que o maxistrado repasa a súa traxectoria profesional, sen eludir ningunha pregunta. Afloran así, ao ver de Coixet, os temas definitorios do momento que estamos a vivir como país, entre eles, “o poder da corrupción institucional que calou de tal maneira que o problema xa non é a corrupción, senón que non te pillen”. A estrea en Cans contará coa presenza do entrevistador, Manuel Rivas.

A organización tiña tamén preparada xa a estrela de pedra de Isabel Coixet, para o Torreiro das Estrelas, e non descarta que a cineasta veña colocala no futuro.

Fernando León de Aranoa substituirá a Coixet á fronte do Coloquio na Leira, o sábado 21 ás 12h00. O cineasta español de gran prestixio dirixiu 9 películas, escribiu o guión para 20 e produciu as 2 últimas coa súa propia empresa, Reposado, que fundou en 2004, despois do enorme éxito de Los lunes al Sol. Outros fitos da súa filmografía foron Princesas, Barrio e a súa ópera prima Familia. Na actualidade ultima o filme Sabina.

Antes do coloquio, ás 11h00, o Jalpón Friki acollerá a proxección de tres pezas descoñecidas da súa carreira, escollidas por el mesmo para a ocasión baixo o título Afectos Secundarios. Estas pezas son Grúa, único spot rodado por Fernando León a finais dos 90 para Attitudes, unha pequena curta de minuto e medio que xira en torno á educación vial; Me llaman Calle, un videoclip rodado para Manu Chao en 2009, en devolución pola composición que o músico fixo para a película Princesas; e Rumbita, unha gravación doméstica de Manu Chao e os seus músicos.

 

DERRADEIRAS ENTRADAS Á VENDA

O Festival de Cans, que terá lugar do 18 ao 21 de maio en Cans (O Porriño), pon mañá á venda as derradeiras entradas desta edición. A cita é ás 19h horas no Local Social situado no torreiro de Cans, cun prezo de 8 euros por entrada e unha compra máxima de dúas entradas por persoa. Non se admiten reservas para estas entradas e a venda farase en rigorosa orde de chegada. Nesta edición a organización porá á venda un total de 800 entradas que dan acceso ás salas nas que se proxectan o sábado 21 de maio as curtametraxes a concurso. As 200 primeiras entradas puidéronse reservar o pasado luns pola mañá na web do festival e rematáronse en menos de 15 minutos.

As entradas dan acceso ás salas nas que se proxectan as curtas de ficción e de animación da selección oficial. Todo o demais é de balde: as actividades do mércores, xoves, venres e sábado pola mañá; os coloquios con Isabel Coixet, Fernando León e Jorge Coira; todos os concertos, incluídos os de El Gran Wyoming e Siniestro Total; e todas as proxeccións fóra de concurso, tanto no Centro Recreativo e Cultural do Porriño, como no Jalpón Friki e a Sala Multiúsos. Todo é de acceso libre, menos as proxeccións das curtas a concurso.

 

DEIXA O COCHE NO PORRIÑO E SUBE EN BUS!

A asociación cultural Arela anuncia, ademais, que os accesos a Cans serán restrinxidos por motivos de seguridade. Durante os días do festival, só poderán acceder a Cans a organización, os vehículos de carga e descarga e os veciños debidamente identificados. Para facilitar o acceso ao público xeral, a organización pon en marcha un dispositivo de parkings e buses gratuítos.

Ademais dos aparcadoiros gratuítos do Pavillón Polideportivo (xunto ao Instituto Pino Manso) e do restaurante Guanabara (a 5 minutos a pé da Rotonda do Can), o parking COTA 7, situado na Av. de Galicia (O Porriño), terá prezos especiais o venres 20 e o sábado 21 co gallo do Festival de Cans: de 07 a 23 horas por 1,50 euros e de 23 a 07 horas por outros 1,50 euros.

Do mesmo xeito que o ano pasado, grazas á colaboración con Autocares Iglesias a organización do Festival ofrece un servizo gratuíto de autobuses entre Cans e O Porriño, con paradas na av. de Galicia (xunto ao parking Cota 7), no Pavillón Polideportivo (xunto ao Insituto Pino Manso), no restaurante Guanabara e xunto á rotonda de Cans. Haberá servizo de ida e volta, cada 20 minutos, no seguinte horario: venres 20 de maio, de 20h a 4h; e sábado 21 de maio, de 15h a 20h e de 21h a 4h.