O FESTIVAL DE CANS ESTREARÁ EN GALICIA “SOMOS XENTE HONRADA”, DE ALEJANDRO MARZOA CON PACO TOUS, MIGUEL DE LIRA E UNAX UGALDE

15 / 04 / 2013

No décimo aniversario, o Festival de Cans vivirá unha estrea moi especial: polo elenco de actores e actrices participantes e porque é a primeira longametraxe dun director que xa foi premiado en Cans coas súas curtas. O xoves 23 de maio no Círculo Recreativo do Porriño poderase ver por primeira vez en Galicia Somos xente honrada, de Alejandro Marzoa, con Paco Tous, Miguel de Lira, Unax Ugalde e Manuela Vellés como protagonistas. Será logo de pasar pola sección oficial do Festival de Málaga e dúas semanas antes da chegada ás salas de cine desta comedia dramática.

Somos xente honrada conta a historia de Suso e Manuel, dous pais de familia e amigos de toda a vida que non pasan polo seu mellor momento. Tras chegar á cincuentena, viven sen traballo e sen diñeiro. Cando a situación é practicamente insostible é cando sucede o milagre: nun día de pesca, atópanse un paquete con dez quilos de cocaína. Os dous amigos deciden comezar a vender a droga para conseguir saír da miseria. Pero o dilema moral non é o seu único problema: que saben dous cincuentóns de cocaína?

O filme está producido pola produtora catalá El Terrat, que ademais de producir Tapas para o cine, está detrás de éxitos televisivos como Buenafuente, Salvados ou Alaska & Mario;  e a galega Vaca Films, responsable de Celda 211 e Invasor. Estará en sección oficial no Festival de Cine Español de Málaga, que se celebra do 20 ao 27 de abril, e chegará ás salas de cine o 7 de xuño. Antes poderá verse no Porriño, nun pase ao que asistirá boa parte do elenco de actores e actrices e do equipo técnico da película.

Alejandro Marzoa, premiado en Cans

A organización do Festival de Cans está moi satisfeita por poder estrear no seu décimo aniversario a primeira longametraxe de Alejandro Marzoa, que ata agora desenvolvera unha interesante carreira como director de curtametraxes. Dúas das súas curtas foron premiadas no festival: Temporada 92-93, gañadora de máis de 70 premios en todo o mundo, entre eles o premio do público en Cans 2007, e Padre Modelo, que obtivo máis de 10 galardóns, un deles o premio do xurado dos veciños en Cans 2010. Marzoa firma o guión xunto a Miguel Ángel Blanca e Juan Cruz (Goya por Tapas), coa colaboración de Jaume Ripoll.

O filme ten como protagonistas a Paco Tous (Los hombres de Paco, 23-F), Miguel de Lira (Crebinsky, O lapis do carpinteiro), Unax Ugalde (Che: El Argentino, Alatriste) e Manuela Vellés (Camino, Caótica Ana). Xunto a eles participa un elenco de secundarios de luxo, como Marisol Membrillo e os galegos Manuel Lozano, Antonio Durán “Morris”, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Luisa Meirelas,  Luis Iglesia, Ricardo de Barreiro e Santi Romay.

Somos xente honrada foi rodada integramente na Coruña e arredores no verán de 2012. Alejandro Marzoa sinala que a película quere resultar entrañable:  “non busco a gargallada, pero si provocar risas con situacións que se supón que non teñen a máis mínima gracia, mais ben todo o contrario”.

Da produción encargáronse Emma Lustres e José Corbacho. Lustres sinala que “Despois de ver as curtas dirixidas por Alejandro e ler o guión vimos claro que tiñamos que producir a película. É unha comedia deliciosa que fala de xente corrente en situacións un pouco extraordinarias”. Somos xente honrada está coproducida por Persona Non Grata Pictures (Portugal), conta coa participación de Televisión Española (TVE) e Televisió de Catalunya (TVC), co apoio do ICAA, o ICEC e Agadic e a colaboración de Base New Talent da ESCAC.

 

Cartel da décima edición por Rei Zentolo

Por outra parte, o Festival de Cans presenta o cartel da súa décima edición, deseñado por primeira vez pola coñecida marca de camisetas e complementos Rei Zentolo, responsables dalgunhas das imaxes máis populares da última década en Galicia. Rei Zentolo tamén cumpre dez anos en 2013, polo que festival e marca decidiron unir as súas forzas. O cartel celebra dez anos de agroglamour cunha imaxe elegante e festiva a un tempo, tal como require a ocasión. Rei Zentolo encargarase ademais do deseño das camisetas do festival, que se darán a coñecer nas próximas semanas. 


Categoría: Novas
Etiquetas: