FERNANDO LEÓN DE ARANOA PARTICIPARÁ NUN DOS COLOQUIOS DA OITAVA EDICIÓN DO FESTIVAL DE CANS

26 / 04 / 2011

Na súa oitava edición, o Festival de Cans segue a potenciar o diálogo entre cineastas de prestixio e os veciños, estudiantes, aficionados e visitantes que se achegan ao Festival. A asociación cultural Arela, organizadora do certame, anuncia dous coloquios con directores de gran prestixio e traballa coa posibilidade de contar con outra personalidade do mundo do cine do Estado.

As persoas que asistan este ano ao Festival de Cans terán o privilexio de poder conversar sobre cine cun director da talla de Fernando León de Aranoa, quen deixou unha fonda pegada en Galicia con Los lunes al sol, filme no que retratou o Vigo do 2001 e que obtivo cinco premios Goya. 

Baixo o título “Afectos Secundarios” o cineasta ofrecerá ademais tres pezas descoñecidas da súa carreira, escollidas por el mesmo para a ocasión. Estas pezas serán Grúa, único spot rodado polo director a finais dos 90 para Attitudes, unha pequena curta de minuto e medio que xira en torno á educación vial; Me llaman calle, un videoclip rodado para Manu Chao en 2009, en devolución pola composición que o músico fixo para a película Princesas; e Rumbita, unha gravación doméstica de Manu Chao e os seus músicos.

A proxección terá lugar o venres 20 de maio ás 20h e, despois, Fernando León participará en Cans nun coloquio presentado por Antonio Durán Morris, que traballou ás ordes do director madrileño nas súas tres últimas películas: Los lunes al sol, Princesas e Amador. A organización non descarta que haxa máis sorpresas e que outras caras moi coñecidas se unan á conversa. Ademais, Fernando León colocará a súa estrela no Torreiro das Estrelas de Cans, xunto coa gañadora do Premio Pedigree’11, María Pujalte.

 

19 Comidas

Jorge Coira, director da película triunfadora nos Mestre Mateo, 18 Comidas, é un incondicional de Cans. Debido á relación afectiva que o une co Festival, o cineasta lugués non só participará nun dos coloquios que terán lugar nesta oitava edición, senón que tamén ofrecerá unha peza que ata agora non viu a luz: a comida número 19, que gravou, pero que decidiu non incluir na película e que agora mostra por vez primeira. 

A proxección terá lugar o xoves 19 de maio ás 18h no Círculo Recreativo Cultural do Porriño, xunto co resto da película, e contará coa presenza de dous dos protagonistas da fita: Federico Pérez e Víctor Fábregas. Despois, Jorge Coira conversará coas persoas presentes. Esta proxección será o prato de entrada da estrea do filme Doentes, de Gustavo Balza, que terá lugar ese mesmo día ás 21h.

  

Fernando León de Aranoa

Naceu en Madrid en 1968. Dirixiu nove películas, escribiu o guión para vinte e produciu as dúas últimas coa súa propia empresa, Reposado, que fundou en 2004, despois do enorme éxito que lle reportou Los lunes al Sol. Na actualidade traballa na postprodución do seu próximo filme, Sabina. Tamén é docente en talleres de guión e dirección e colabora con periodicidade co Screenwriters & Directors Lab do Sundance Institute, así como coa Escola Internacional de Cine de San Antonio de los Baños, en Cuba. Algúns fitos da súa filmografía son os seguintes:

Dirixiu, escribiu e produciu Amador (2010)

Dirixiu e escribiu “Buenas noches, Ouma” (2007), documental incluído na obra colectiva Invisibles, gañadora do Goya á mellor película documental e que participou no Festival Internacial de Cine de Berlín

Dirixiu, escribiu e produciu Princesas (2005), que gañou tres premios Goya

Dirixiu e escribiu Los lunes al sol (2002), gañadora de cinco premios Goya, a Concha de Oro á mellor película do Festival de San Sebastián, así como os premios Fipresci, Fotogramas, Ondas, Jose María Forqué, Luis Buñuel e o premio Ariel da Academia mexicana de cine

Dirixiu e escribiu Caminantes (2001), premiado como mellor documental no Festival de Cine de La Habana, así como nos Premios de Cine Latino de Los Ángeles e Nova York

Dirixiu e escribiu Barrio (1998), que obtivo tres premios Goya, a Concha de Plata á mellor dirección do Festival de San Sebastián, así como os premios Fipresci, Fotogramas, Jose María Forqué, Sant Jordi e Turia, entre outros

Dirixiu e escribiu Familia (1996), a súa ópera prima, pola que recibiu o premio Goya á mellor dirección novel, así como o premio á mellor dirección, o premio Fipresci e o premio do público no Festival de cine de Valladolid. Obtivo tamén o premio á mellor película nos festivais de Houston, Miami e Angers

Dirixiu e escribiu unha única curtametraxe, Sirenas (1994)

 

Etiquetas: