FALECE O ACTOR GALEGO TUTO VÁZQUEZ

29 / 04 / 2010

O actor galego Xosé Manuel Vázquez Martínez faleceu hoxe aos 63 anos de idade despois dunha longa enfermidade. Aínda que comezou a súa carreira dramática no teatro, foi na televisión onde interpretou os seus personaxes máis populares; primeiro como ‘Ramón Couto’ en Mareas Vivas e, máis recentemente, como ‘Don Crisanto’ na serie de televisión Padre Casares.

Tuto Vázquez, nado en Ribeira en 1947, licenciouse en arte dramática polo Institut del Teatre de Barcelona e titulouse en declamación polo Conservatorio Profesional da Coruña. Comezou a súa carreira profesional en compañías teatrais nos anos sesenta, destacando no eido da dobraxe dende o nacemento da canle de televisión autonómica no anos oitenta.

Foi precisamente na Televisión de Galicia onde desenvolveu boa parte dos seus traballos, aos que se lle suman o  programa radiofónico “Preescolar na casa”, emitido por Radio Nacional de España durante oito anos.

Na súa filmografía, ademáis das series Mareas Vivas, Padre Casares, Avenida de América e Pratos combinados, figuran as películas Camiño de Santiago: A Orixe, O lapis do carpinteiro e Blanca Madison.

Categoría: Novas
Etiquetas: