EMPRESAS DO CLAG ANALIZAN EN MÁLAGA OS RETOS DE IMPLANTACIÓN DA TDT

10 / 04 / 2008

Nun momento crucial para a televisión dixital de ámbito local e autonómico e co obxectivo de coñecer todas as claves da man dos principais axentes do sector, unha delegación do Clúster Audiovisual Galego (CLAG) está a participar dende o martes no I Congreso Español de TV Dixital Autonómica e Local, que se clausura hoxe no Porto de Málaga promovido por ASODAL (Asociación Española de Televisións Dixitais Privadas Autonómicas e Locais).
As empresas asociadas ao CLAG que acudiron en misión empresarial a Málaga acompañadas do presidente do CLAG, Antón Reixa, son Correo TV, Área Audiovisual Corporación Voz de Galicia, Localia, Tecnocom e Vitelsa, todas elas implicadas en desenvolvementos de proxectos de TDT. As compañías galegas estableceron contactos de negocio coas diversas produtoras de contidos, provedores de material técnico, canles de TV e administracións públicas que reuniu o Congreso, o cal contou coa colaboración da Academia das Artes e Ciencias de Televisión, das grandes cadeas de televisións nacionais, a través de Unión de Televisións Comerciais Asociadas (UTECA), e de Impulsa TDT, a Asociación para a Implantación e o Desenvolvemento da TDT en España.
Informe do Encendido Dixital en Europa

Esta mañá presentouse o Informe do “Estado actual e panorama do Encendido Dixital en Europa”, realizado pola consultora Asset Media Consulting en colaboración coa Asociación Europea de Consultoras de Medios. Segundo o informe Reino Unido conta co maior nivel de penetración dixital de Europa (un 86% dos fogares en 2007), e en países como Francia, Italia, España e Alemaña, a dixitalización aínda está entre o 40 e 47%. En calquera caso, agárdase que a maioría dos países europeos acaden os seus obxetivos de dixitalización no 2012.

En relación á estrutura de distribución dixital, a televisión terrestre é a infraestrutura principal en España por fogares (78%), Italia (76%), Francia (69%) e Reino Unido (47%), pero menos importante en Alemaña (9%). Pola súa banda, o satélite ten unha cuota de mercado de máis dun tercio no Reino Unido e Alemaña, pero só do 23% en Italia, do 14% en Francia e do 12% en España.

Por outra banda, Manuel Campo Vidal, presidente da Academia das Ciencias e das Artes analizou onte nunha conferencia os desafíos da televisión que vén, destacando que está inmersa nun proceso de profundísima transformación xerada pola revolución no eido da tecnoloxía, no modelo de negocio e nos hábitos de consumo.

Todas as conferencias, exposicións e reunións celebraronse a bordo do barco Vision Athena e co obxectivo de fomentar o debate e a busca de solucións conxuntas que faciliten o desenvolvemento da Sociedade do Coñecemento e supuxo asemade unha oportunidade para subliñar algúns dos asuntos máis relevante para o sector. A regulación da TDT autonómica e local, o modelo de televisión pública e o seu financiamento, o proceso de dixitalización do sinal, a actitude das autoridades fronte ás televisións locais piratas, as chamadas televisións de proximidade, os contidos, o control das audiencias, os dereitos a soportar por estas televisións e a interactividade son algúns dos temas centrais que foron obxecto de análise no Congreso.

O I Congreso Español de TV Dixital Autonómica e Local enmárcase dentro do maior acontecemento dedicado ao mundo dos negocios en torno á Sociedade do Coñecemento, o Primeiro Málaga Valley Happening- Digital Media Meeting, un encontro que acolle máis de 3.000 produtoras de contidos, televisións, empresas de Internet, de telefonía 3G, industrias técnicas, axencias de publicidade, distribuidores e exhibidores máis destacados do Estado.

Categoría: Novas
Etiquetas: