EMPRESAS DO AUDIOVISUAL GALEGO PARTICIPAN EN MIPCOM BAIXO O PARAUGAS DO CLAG

8 / 10 / 2012

As empresas galegas Portocabo TV e Pequerrecho Subtitulación participan desde hoxe, luns, na 28ª edición de MIPCOM, baixo o paraugas do Clúster Audiovisual Galego (CLAG) e co apoio económico do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). MIPCOM é un dos mercados de contidos audiovisuais máis importantes do mundo e ten lugar ata o vindeiro 11 deoutubro na localidade francesa de Cannes.

A empresa Portocabo TV, que tamén acode a MIPCOM coa delegación do ICEX e terá  presenza no pavillón oficial español, viaxa a Cannes na procura de coprodución internacional para catro dos seus proxectos, entre os que está “El verano de los juguetes muertos”, a adaptación da primeira novel de Toni Hill, un thriller policiaco ambientado en Barcelona.

Pola súa banda, a empresa Pequerrecho Subtitulación é a primeira vez que participa en MIPCOM, aínda que os seus responsables, María Pérez e Sergio Sampedro, chegan a este mercado cunha axenda repleta de encontros. A través desta primeira toma de contacto buscan conseguir incrementar a súa carteira de clientes internacionais entre produtores, distribuidores, estudos de posprodución, etc. para ofrecer un servizo de carácter internacional en calquera lingua, tras traspasar xa a súa liña de negocio a mercado nacional.

“Audiovisual From Spain”

O ICEX -España Exportación e Inversiones-, xunto coa Xunta de Galicia e a Federación de Asociaciones de Productores Audiovisuales Españoles (FAPAE), organiza a participación española baixo o pavillón oficial e a marca “Audiovisual From Spain”, que contará con 23 exhibidores e máis de 100 profesionais participantes.

En concreto, o stand paraugas Audiovisual From Spain acollerá durante MIPCOM ás empresas Antena 3, Boomerang TV International, Comercial TV, Elastic Rights, Eurostar Mediagroup, Explora Films, Film Factory Entertainment, Filmax International, Filmotec, Finding4you, Grupo Ganga Producciones, Imira Entertainment, KWA, Latido Films, Nottingham Forest Media Advisors, Phileas Productions, Portocabo TV, Sogepaq, Telecinco–Cuatro, Grupo Veralia, Vértice Sales, Vodka e Grupo ZZJ.

A busca de socios coprodutores como fontes alternativas para o financiamento de proxectos será un dos obxectivos clave desta edición do MIPCOM para as empresas españolas dedicadas á produción audiovisual.

Categoría: Novas
Etiquetas: