O DOCUMENTAL “A FAZAÑA DA LIBERDADE” DE SENÉM OUTEIRO PRESÉNTASE EN CINEUROPA

27 / 11 / 2013

Este venres 29 de novembro ás 19:30 no Centro Cultural Fundación NovaCaixaGalicia de Compostela facendo parte da Sección Panorama Audiovisual Galego de Cineuropa, o director estradense Seném Outeiro presentará o seu filme documental “A Fazaña da Liberdade” que relata a biografía de Alexandre Bóveda.

Esta película está sendo proxectada por toda a xeografía galega e fora dela (Barcelona e Bilbao). Así o vindeiro martes 3 de decembro ás 19 horas recalará en terras arxentinas para ser presentada no Salón Arturo Cuadrado, ubicado no primeiro piso de Chacabuco 955, da Cidade Autónoma de Buenos Aires. O acto será organizado pola Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina cunha palestra que brindará o neto do dirixente galeguista Alexandre Bóveda, Valentín García Bóveda, quen presentará o documental.

O neto de Bóveda, que chega ao país para declarar ante a Xusticia na querella que os familiares impulsan contra os crímenes cometidos durante a dictadura franquista, aproveitará a súa breve estancia para coñecer a Federación, unha entidade emblemática da emigración que sempre defendeu os postulados republicanos. Foi nela onde en 1942 a Irmandade Galega instituíu o 17 de agosto como Día dos Mártires en lembranza do fusilamento de Alexandre Bóveda e a represión contra os galeguistas durante a Guerra Civil e a posguerra. Nese marco, Valentín García Bóveda, será recibido polo titular da institución, Francisco Lores Mascato, xunto á Comisión Directiva, e logo ofrecerá unha breve disertación previa á proxección do documental acerca da figura do seu avó, clave para la existencia de Galicia como Comunidade Autónoma e tamén para comprender a identidade como país.

Categoría: Novas
Etiquetas: