O 18 Festival de Cine Internacional de Ourense presenta a lista das 10 películas que competirán polas Calpurnias na súa decimo oitava edición. Dez películas provintes doutros tantos países diferentes e ao mando, na maioría dos casos, de directores que se enfrontan á longametraxe por primeira vez nas súas carreiras. Algunhas delas, ademais, xa veñen co galardón de mellor película ou premio especial do xurado -nos festivais de Shanghai, LA Indie, Ludwigshafen, Amiens, Roma ou JeonJu- baixo o brazo.

En canto á temática, a selección do 18OUFF percorre case todos os rexistros, dende os dramas -intimistas, como en Paradis Perdu ou El Rayo, sociais como en Agnus Dei, persoais como en Mulberry Stains- ás comedias, de ton máis ácedo no caso de Kohlhaas… ou máis histriónicas se falamos de Acá adentro-. Pero se hai algo que destaca en todas as películas da selección oficial do 18OUFF é certa denuncia social e crítica á realidade dos nosos tempos: ben pola soidade (Offline), ben pola inxustiza (Pizzas), ben pola indiferenza cara aos esquecidos (Innocents).

Por países, o 18OUFF pon en xogo dúas películas españolas, El triste olor de la carne e El Rayo -coproducida con Portugal-. O resto da selección é un mosaico de países entre os que atopamos certos clásicos desta competición como Alemaña, Estados Unidos, Arxentina, Francia (países que protagonizan ano tras ano a maior chegada de películas durante o período de recepción) ou, en menor medida, Bélxica (país que xa recibiu considerables premios nos últimos anos), e agradables sorpresas coma as de Singapur, Kosovo ou Letonia.

Velaquí a relación das películas seleccionadas.

ACÁ ADENTRO | Mateo Bendesky | Arxentina, 2013

David ten 25 anos. Non está no seu mellor momento económico, nin creativo, nin sentimental. Dedícase ao cine e cando lle piden o adianto dun guión non parece moi predisposto a escribir unhas liñas. Os seus pensamentos flúen dunha maneira obsesiva: o seu monólogo interno chéganos a través da súa voz en off.

AGNUS DEI | Agim Sopi | Kosovo, 2012

Peter, que vive unha vida arriscada en Serbia, vese obrigado a ir á guerra do seu Kosovo natal. Por efecto do azar, mata ao seu pai Dini, albanés, a quen nunca tivo a oportunidade de coñecer, e deserta do exército fuxindo con Maria, filla do asasinado. Xuntos escapan ás montañas e namoran sen saber que son irmáns.

EL RAYO | Fran Araújo-Ernesto de Nova | España-Portugal, 2013

Logo de 13 anos en España, Hassan xa non atopa traballo, así que decide emprender a viaxe de volta a casa. Inviste todos os seus aforros nun tractor de segunda man para gañarse a vida no seu país e lévao a Marrocos conducindo. Cando chegou a España non tiña nada, agora regresa coa súa única posesión: o Rayo.

EL TRISTE OLOR DE LA CARNE | Cristóbal Arteaga | España, 2013

Alfredo Barrera semella un tipo normal. Semella que ten traballo. Semella ter un fogar. Semella vivir feliz… Aínda que as cousas non sempre son o que parecen. En realidade perdeu o seu traballo hai meses e, en noventa minutos máis, vai perder a súa casa. Pero Alfredo ten un plan, e vaino executar custe o que custe.

INNOCENTS | Chen-Hsi Wong | Singapur, 2012

Na tempada de monzóns, unha estudante transferida a unha nova escola faise amiga dun neno marxinado, Huat. Incomprendidos e acosados, pasan as tardes nos sumidoiros xigantes que hai detrás da súa escola, forxando un mundo fráxil da fantasía. Pero segundo se intensifican as choivas, as circunstancias tórnanse tráxicas. 

KOHLHAAS OU A PROPORCIONALIDADE DOS MEDIOS
Aron Lehmann | Alemaña, 2012

Na campiña bávara ródase o drama histórico “Michael Kohlhaas”. O seu director, un tal Lehmann, loita pola súa película a pesar de que todos os fondos se cancelaran tras o primeiro día de rodaxe. Lehmann apela á imaxinación  e ao entusiasmo do seu equipo.

MULBERRY STAINS | JT Villalobos | Estados Unidos, 2012

Harper Breaux pasou os seus últimos dez anos fuxindo coa súa nova filla. Sen diñeiro e ninguén a quen acudir, non ten máis remedio que volver á pequena cidade de Texas que esperaba non volver pisar nunca. Perde rapidamente o control da súa vida cando os segredos de infancia néganse a seguir soterrados.

OFFLINE | Peter Monsaert | Bélxica, 2012

Despois de sete anos no cárcere, Rudy Vandekerckhove propúxose dous obxectivos claros: atopar un novo traballo como reparador de lavadoras e reconciliarse coa filla que deixara atrás. Malia a axuda dos seus bos amigos, os seus plans fracasan. Todo cambia cando unha conversa de chat descobre algo sorprendente.

PARADIS PERDU | Eve Deboise |Francia, 2012

Lucie, unha adolescente introvertida, vive co seu pai Hugo illada nun viveiro de árbores no sur de Francia. A partida da nai de Lucie, un ano antes, fortaleceu a relación entre pai e filla, reconfortante e perigoso… Porque un día a nai regresa e acaba provocando os ciumes e a ira de Hugo.

PIZZAS |Laila Pakalnina |Letonia, 2012

Oskars e Matiss, ao redor dos 18 anos, traballan como pizzeiros. É un traballo temporal para eles, que teñen grandes plans de futuro; por exemplo, estudar en Oxford. Pero as súas vidas poranse patas para arriba nunha noite. O máis probable é que sexan acusados do secuestro dun neno.