CURTOCIRCUÍTO REÚNE GRANDES NOMES DO CINEMA INTERNACIONAL

22 / 09 / 2014

Curtocircuíto Festival Internacional de Curtametraxes, mostrará máis de 120 filmes entre o 6 e o 11 de outubro, a proxectarse no Teatro Principal e na Zona C. Baixo a xestión de Pela del Álamo, o festival propón un novo modelo compacto, de calidade, e con vocación internacional. O certame reordena as seccións para pasar dunha división territorial a outra conceptual. Así, a sección oficial, que pretende ser diversa e recoller todas as tendencias do cinema, divídese en dous programas: Radar e Explora. Este último é xa un clásico de Curtocircuíto. Centrada na procura de novas caligrafías fílmicas, esta sección inclúe pezas dificilmente catalogables nun xénero, obras que dilúen a idea tradicional do cinema mediante a exploración de sendas innovadoras e as hibridacións próximas ao documental ou ao cinema de vangarda.

Pola súa banda, Radar é unha sección creada para acoller unha variada selección dos títulos que marcan tendencias a nivel internacional, tanto na ficción como na animación ou o documental. Cineastas experimentados conviven con novos realizadores aos que Curtocircuíto quere dar visibilidade. En esencia, a diferenza entre Radar e Explora radica no grao de exploración formal e narrativa das propostas incluídas en cada sección, como se un termómetro do nivel de experimentación, partido á metade, marcase a clasificación.

A filosofía do festival defínese tamén a través dos xurados. Os membros do xurado internacional Radar son o produtor galego de cinema independente Felipe Lage (Zeitun Films); a directora e produtora catalá da exitosa La plaga, Neus Ballús; a actriz fetiche dos cineastas modernos portugueses, Ana Moreira (Tabú); Tim Redford, antigo director de Curtocircuíto, agora coordinador da selección internacional no festival de Clermont-Ferrand, o máis importante certame de curtas de Europa; e a estrela da nova crítica internacional Adrian Martin, co-autor do influínte e reverenciado libro Mutacións do cinema contemporáneo. Aproveitando a súa visita, Martin ofrecerá ademais, xunto con Cristina Álvarez, no xurado Explora; unha charla aberta ao público sobre o ensaio audiovisual, que ambos os dous – traballan xuntos este formato – conciben como unha nova forma de facer crítica. Ballús e Lage tamén participarán nunha mesa redonda sobre modelos de produción no cinema de autor, xunto ao produtor catalán de Eddie Saeta Luis Miñarro, responsable de títulos de prestixio internacional como a premiada en Cannes El tío Boonme recuerda dus vidas pasadas (Apichatpong Weerasethakul, 2010).

O xurado internacional Explora non está menos nutrido. Compóñeno a co-editora de Transit Cristina Álvarez, unha das publicacións especializadas máis renovadoras da crítica cinematográfica en España; o cineasta vigués Lois Patiño, que vén de percorrer o mundo coa súa multipremiada longa Costa da Morte; o realizador venezolano Andrés Duque (Color perro que huye); a catedrática da USC e membro da Real Academia Galega Margarita Ledo; e o realizador ao que se lle dedica unha retrospectiva, Mike Hoolboom, referencia absoluta do cinema de vangarda internacional. Primeiro ciclo en España destas características, descubrirá aos composteláns un cineasta enérxico e vitalista. Hoolboom impartirá unha clase maxistral sobre os seus métodos.

Gabriel Abrantes, un neno moi malo

Amais de traer a Compostela grandes lendas do cinema, Curtocircuíto quere tamén dar a descubrir as novas promesas do cinema en formato curto. Por esta razón, crea a sección Púlsar, dedicada a mostrar o traballo de directores emerxentes. Nesta primeira edición, o luso Gabriel Abrantes mostrará sete películas da súa extensa produción, con 15 curtas dende 2008 e numerosos vídeos que foron exhibidos en importantes centros de arte contemporánea, coma o Serralves de Porto ou o Museo de Arte Moderna de París.

Nado en Carolina do Norte en 1984, cunha educación entre europea e norteamericana, Abrantes cursou os seus estudos superiores en Francia. É a partir da súa experiencia na prestixiosa escola parisiense Le Fresnoy, en 2007, que comeza a moverse do mundo da arte ao cinema, trabando amizade con outros directores europeos definitorios da súa xeración. Non houbera se cadra unha tan continental no noso contexto dende os mellores tempos do cinema moderno.

Ao principio, Abrantes apóiase en colegas para sacar adiante a súa obra, pero xa dende cedo deixa a súa inconfundible marca nestes traballos a catro mans. Pódese ver claramente na serie Olimpia (I e II, de 2008), asinada xunto a Katie Widloski, na que xoga coa iconografía dos espidos pictóricos neoclásicos para compoñer pezas de alto contido erótico e voluntariamente kitsch. Esta vontade refínase en A History of Mutual Respect (2010), premiada en Locarno e filmada cun colaborador habitual, Daniel Schmidt. Xunto á vertente erótica, entra aquí outra das teimas do director, unha sorte de conxura para dilapidar os trazos estéticos da época colonial, nun contexto histórico e artístico máis global, con contaminacións de ida e volta, no que constrúe identidades híbridas.

Esta querenza polas antigas colonias europeas queda reflectida noutras curtas do programa, como Birds (2012) ou Too Many Daddies, Mommies and Babies (2009), situadas en Haití e no Amazonas respectivamente. Moi representativas da súa filmografía, nelas podemos ver un “artista contemporáneo que trata de transcender certo caduco valor das imaxes, o micro e o macro, a historia con maiúsculas e os conflitos íntimos veñen impregnar con insistencia unha dupla perspectiva, dominada polo cuestionamento das categorías tradicionais”; como indica José Manuel Sande no texto de presentación da súa obra para o catálogo do festival.

As súas últimas pezas, Ennui ennui (2013) e Taprobana (2014) seguen a dinamitar os mitos da cultura occidental. Con vontade lúdico-transcendente, mesturando cultura popular e alta a partes iguais, Abrantes lanza unha enfurecida crítica aos dróns de Obama na primeira; ou realiza na segunda un retrato de Luis Vaz de Camões – figura seminal e reverenciada da literatura portuguesa – adicto ás drogas e o sexo. Grazas a este estilo, gañouse rapidamente a sona do enfant terrible luso, no contexto dunha xeración que tamén inclúe a Mati Diop, Benjamin Crotty ou Alexandre Melo, colaboradores habituais entre eles. Con estes traballos, Gabriel Abrantes é xa unha referencia do cinema europeo. Seguramente a súa sona alcance novas cotas co seu salto á longa, inminente cun proxecto que leva por título Tristes Monroes.

Un festival para toda a cidadanía

Fóra das seccións competitivas e destes dous ciclos a cineastas, que de seguro agradarán a todos os cinéfilos; o certame quere chegar a todo tipo de públicos, abrindo a súa programación a diversos colectivos da cidade. É por iso que programa sesión específicas para rapaces e adolescentes, para que estes aprendan a amar o cinema dende cativos. As seccións Criaturas e 14_17 cumpren esa función. Organizaranse en colaboración cos centros escolares, que encherán o Teatro Principal de nenos famentos de bo cinema; e na fin de semana poderán repetir xunto cos pais, indo en familia, en sesións abertas a todo o público.

Os máis malandríns contarán tamén co seu espazo na Noite Malandra, sesión canalla cas curtas máis atrevidas e divertidas. Un programa deseñado dende o humor e a troula, para aqueles espectadores que desexen fuxir por un momento do cinema máis transcendental doutras seccións. Penínsulas enténdese como sección panorámica que recolle interesantes filmes lusos e españois da tempada. Un conxunto diverso que non busca unha liña definida alén do interese de cada obra en si mesma.

A todas estas paralelas, súmanse un par de sesións especiais. Camping é perfecta para a tempada pos-estival. O equipo de programación detectou curtas variadas de temática diversa, todas situadas neses estraños lugares que son os cámpings. O lecer, os campamentos de verán, a política, a vida… Todo é posible nesas comunidades efémeras, que recollen as propostas incluídas nesta sesión. Pola súa banda, Blank Paper é un programa composto por pezas audiovisuais feitas por fotógrafos do colectivo homónimo, nas que exploran formas de narrar que xiran arredor de imaxes estáticas ou/e dinámicas; en torno á cuestión do tempo ou do non-tempo; do movemento ou da ausencia deste.

Estes programas paralelos estarán acompañados doutras actividades como obradoiros, presentacións, mesas redondas e seminarios; que pretenden ser espazo de encontro para o sector audiovisual e, ao tempo, lugar de exploración dos cinéfilos que desexen entender como se fai o cinema por dentro. As actividades son de balde, previa inscrición, xa aberta, na web do festival. Isto, unido a exposicións e concertos, completa unha extensa programación de Curtocircuíto, para públicos diversos, repartida entre o Teatro Principal, a Zona C, o CGAC e a sala de concertos Capitol.

Categoría: Novas
Etiquetas: