Curtocircuíto Festival Internacional de Curtametraxes, que terá lugar entre o 6 e o 11 de outubro, presentou onte a súa programación completa, a proxectarse no Teatro Principal e na Zona C. Con vontade internacional e a calidade como máxima, a sección oficial acolle 53 traballos, 27 deles estrea en España, 4 deles estrea mundial en Curtocircuíto. Todos pretenden recoller as tendencias actuais do cinema internacional, a través de dous programas que miden o nivel de exploración formal e narrativa da linguaxe cinematográfica: Radar (máis convencional) e Explora (para as propostas máis rompedoras). Estas películas foron elixidas polo equipo de programación logo do visionado dos máis de 3.400 filmes presentados este ano, chegados de 94 países. Isto supón un incremento de ao redor do 45% respecto da edición anterior, e o número máis alto de inscritos na traxectoria de Curtocircuíto. Os xurados internacionais Radar e Explora, con membros da categoría do cineasta canadense Mike Hoolboom ou o reputado crítico australiano Adrian Martin, a participar tamén nas actividades do festival; deberán elixir as cintas gañadoras, con premios valorados en 3.000 euros para cada categoría.

O criterio de programación conceptual, e non xeográfico, como nas edicións anteriores; aplícase tamén na terceira sección competitiva fóra da oficial. Planeta GZ nace para dar cabida aos traballos galegos máis arriscados do ano, en sintonía coa liña editorial do certame. Nove curtas compiten nesta categoría por un premio de 2.000 euros, amais de optar aos de mellor director galego e mellor guión, galardóns dotados de 500 euros cada un. Estes recoñecementos outórganos CREA (Asociación de Directores e Realizadores de Galicia) e AGAG (Asociación Galega de Guionistas) respectivamente, en colaboración co festival. Deste xeito, Curtocircuíto repartirá, sumando os galardóns do Xurado Novo e o do público, un total de 12.500 euros en premios.

Actividades e sesións para todos os gustos

Como festival público, Curtocircuíto debe e quere chegar a toda a cidadanía, por iso propón un amplo conxunto de actividades e seccións paralelas variadas, nas que deixa tamén a súa pegada. O cinema non podería existir sen os profesionais que o fan posible. Por iso, proponse un conxunto de actividades paralelas para que o espectador descubra o cinema por dentro.

Clase maxistral de Mike Hoolboom. O enérxico cineasta canadense, ao que o festival dedica a primeira retrospectiva en España, ofrecerá unha clase maxistral baseada na clásica adiviña zen «Por que ao animal non lle pasa a cola?». Nunha mestura de relatorio e proxección, o artista falará do cinema centrado no proceso, da cinematografía como práctica, dos métodos do non-saber e do crucial que resulta a investigación.

Charla sobre o ensaio audiovisual. O australiano Adrian Martin, autor de obras referenciais como Mutaciones del cine contemporáneo, é unha figura clave para entender a crítica. Cristina Álvarez é coeditora da revista Transit: cine y otros desvíos, unha das que máis contan no ámbito do cinema de autor actualmente na Internet. Xuntos, partindo da súa propia experiencia e servíndose tamén doutros exemplos, ofrecerán unha charla que titulan «Novos camiños para a crítica de cinema: o ensaio audiovisual», xénero de análise fílmica que ofrece infinitas posibilidades, cada vez máis popular entre as novas xeracións de críticos.

Mesa redonda sobre produción de cinema de autor. A crise económica, a democratización da tecnoloxía audiovisual e o desenvolvemento das redes de comunicación son algúns dos factores que levaron a un cambio de paradigma no sector audiovisual. As novas narrativas comportan novos modelos de produción e iso obrigou a redefinir os perfís profesionais; entre eles, a figura do produtor, que agora, alén de ser empresario, desempeña un papel determinante no proceso creativo. Tres referencias no sector, participarán nunha mesa redonda aberta ao público, para discutir sobre modelos de produción no cinema de autor. Elos son Luis Miñarro, responsable de grandes éxitos do cinema internacional coma O Estranho Caso de Angélica (Manoel de Oliveira, 2010) ou Tío Boonme recuerda sus vidas pasadas (Apichatpong Weerasethakul, 2010); o coruñés Felipe Lage, que dende Zeitun Films produciu algúns dos títulos máis relevantes do Novo Cinema Galego (Arraianos ou Costa da Morte); e a catalá Neus Ballús, que obtivo un gran éxito internacional con La plaga, estreada na Berlinale e nomeada aos premios Goya.

Seminario sobre cinema experimental español. A estas clases maxistrais, charlas e coloquios, súmanse ademais o seminario do historiador Luis E. Parés sobre o cinema experimental español; os encontros profesionais organizados por CREA (Asociación de Directores e Realizadores de Galicia); e presentacións de colectivos como NUMAX, sala de cinema que abrirá as súas portas en marzo en Compostela; o festival de documentais Porto/Post/Doc, a celebrarse por vez primeira este decembro; e a Unión de Cineastas, asociación cultural que nace coa idea de se conformar como un novo dinamizador no eido do cinema español.

Obradoiro Blank Paper. Por último, o obradoiro Blank Paper pretende reflexionar sobre a idea do tempo; por unha banda, dende un punto de vista metalingüístico, é dicir, como representa o cinema o tempo e de que mecanismos se serve a fotografía; e, por outra banda, dende unha perspectiva máis filosófica. Que é realmente o tempo? Pódese representar? Estas son as ideas en torno ás que virará o obradoiro, organizado polo colectivo homónimo e impartido polo fotógrafo Óscar Monzón e o cineasta Lois Patiño.

Todas estas actividades son de balde, previa inscrición na web do festival. Co espírito de ofrecer prezos asumibles para todos, Curtocircuíto só cobra 2 euros por sesión na sección oficial e na retrospectiva de Mike Hoolboom. O resto das sesións son de balde, previa retirada das entradas na billeteira. Entre estas sesións, inclúese un conxunto variado de seccións paralelas para todos os públicos. As entradas poden adquirirse xa no despacho de billetes do Teatro Principal.