A Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) puxo en marcha un novo concurso co que o ente público galego busca premiar a creatividade dos usuarios da súa páxina web. Co lema “Crea ou teu G”,os internautas deberán presentar fotografías nas que ideen unha “G” con motivos de Nadal.

Calquera imaxe creada ao redor dunha “G” e cunha temática de Nadal, xa sexan motivos comestibles, adornos ou calquera asunto relacionado con estas datas, será susceptible de participar en “Crea ou teu G”. As 10 fotografías máis valoradas polos usuarios da web da CRTVG, e 15 internautas que participen cos seus votos no concurso, recibirán premio. Os autores das imaxes ganadoras obterán unha estancia para dúas persoas no Pazo de San Damián, mentres que os usuarios participantes gozarán dunha estancia para dúas persoas no San Miguel Hotel Gastronómico.

O prazo de recepción de imaxes estará aberto ata o próximo 6 de xaneiro. Todas as fotografías que se remitan ao e-mail crtvg@crtvg.es subiranse á web da CRTVG a medida que sexan recibidas no área de Innovación e Novas Canles, e someteranse ás votacións dos usuarios desde o día 7 ata o 13 de xaneiro. Ao día seguinte publicaranse na web da CRTVG tanto os nomes dos dez ganadores do concurso como os dos quince participantes nas votacións que obtiveron galardón. As bases deste concurso están dispoñibles na páxina web www.crtvg.es