A longametraxe Crebinsky, de Enrique Otero, levouse a Violeta de Oro á mellor película no XVI Festival de Cine Español de Toulouse (Cinespaña), que se celebrou nesa ciudade gala e noutras localidades da zona de Midi-Pyrénées do 30 de setembro ao 9 de outubro. O outro gran triunfador na categoría foi 80 egunean, de José Mari Goenaga e Jon Garaño. En curtas impúxose Les (El bosque), e en documentais, La noche que no acaba.

 

Concursaban no Cinespaña 2011 de Toulouse, 7 filmes nacionais de recente produción que permanecen inéditos no país veciño. Un xurado profesional composto por Anne Alvaro, Daniel Chabannes, François Marthouret, François-Pier Pélinard-Lambert e Carlo Varini, outorgou a Violeta de Oro á mellor película, dotada con 7.500 euros, a Crebinsky, de Enrique Otero. Esta obra foi a gran triunfadora, xa que tamén se alzou cos premios á mellor interpretación masculina (compartido por Miguel de Lira e Sergio Zearreta) e á mellor música (Pablo Pérez). A outra vencedora foi 80 egunean, de José Mari Goenaga e Jon Garaño, que recibiu os premios á mellor interpretación feminina (tamén compartido, neste caso por Itziar Aizpuru e Mariasun Pagoaga) e ao mellor guión (obra dos dous directores), así como o premio do público, dotado con 2.000 euros e unha campaña de promoción en La Dépêche du Midi. Completou o palmarés do xurado profesional o premio á mellor fotografía para Rafael da Uz, por La mitad de Oscar, de Manuel Martín Cuenca.

Na competición de óperas primas, onde había outros 6 filmes finalistas, un xurado de estudiantes concedeu o premio á mellor obra, dotado con 1.000 euros, a Cruzando el límite, de Xavi Giménez. No que respecta á competición de curtametraxes de Cinespaña, na que participaban outros 13 traballos nacionais, un segundo xurado de profesionais integrado por Jean-Henri Meunier, Eric Jordana e Jean-Louis Dufour, outorgou o premio, dotado con 2.500 euros, a Les (El bosque), de Aida Ramazánova, e sendas menciones especiais, sen dotación económica, a La hégira, de Liteo Deliro, e Te odio, de Rafael Rojas-Díez. Por último, o premio ao mellor documental, ao que aspiraban 5 longametraxes do xénero, e que fallou outro xurado conformado por Neus Vila, Emmanuel Tronquart e Daniel Matías, foi para La noche que no acaba, de Isaki Lacuesta. Este galardón está dotado con outros 2.500 euros. Durante a cerimonia de entrega de premios, o pasado sábado 8 de outubro, homenaxeouse ao actor Juan Diego Botto. Este ano, o evento tamén recordou a Jorge Semprún e a Pilar Miró.