Teresa Fernández-Valdés e Ramón Campos, fundadores de Bambú Producciones, estarán a vindeira semana no Máster en Producción e Xestión Audiovisual (MPXA), título propio da Universidade da Coruña que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. Ramón Campos impartirá clase o xoves 24 sobre produción executiva de fición. Durante a sesión aportará as claves do desenvolvemento dun guión, o casting e os condicionantes da produción ata as negociacións coa cadena de televisión.

No ano 2004 Campos incorporouse a Voz Audiovisual como director do departamento de Desenvolvemento e produtor executivo. Tres anos máis tarde, incorporouse ao Grupo Ganga como produtor executivo da serie de fición Desaparecida, da que tamén é creador e guionista. Dende a súa empresa, Bambú Producciones, a súa primeira aposta televisiva foi Guante Blanco, para TVE. Os seguintes éxitos da produtora chegaron da man de Gran Reserva e Hispania, la leyenda.

O venres 25, Teresa Fernández‐Valdés abordará a negociación e o finanzamento en televisión e exporá casos prácticos da posta en marcha dunha empresa e de como orzamentar un proxecto documental ou un proxecto para televisión. A produtora de Bambú explicará tamén o plan, orde e calendario de rodaxe, así como a xustificación de gastos.

Fernández‐Valdés, alumna da promoción 2003‐2004 do MPXA, comenzou a súa traxectoria profesional en Voz Audiovisual. Máis tarde traballou como asesora da empresa Impulso TV, ao mesmo tiempo que se adicou ao desenvolvemento e venda de novos proxectos de fición e á coordinación de eventos de marketing e comunicación para Continental Producciones, Voz Audiovisual e Tic Tac Producciones. Ademais, foi produtora executiva adxunta no Grupo Ganga para a serie Desaparecida emitida en TVE. En 2008 fundou xunto a Ramón Campos Bambú Producciones, que tamén produciu as series de fición Gran Hotel e Velvet que no seu estreno o pasado luns logrou ser a emisión máis vista do prime time ao rexistrar un 24,6% de cuota de pantalla.

Na actualidade a produtora prepara Ladrones del tiempo para o grupo Atresmedia e dará o salto internacional ca preprodución do piloto de Contranatura para FOX e unha serie en coprodución con Atresmedia e a canle británica BBC baixo o título The refugees.