“CORES” DE MR MISTO FILMS GRAN TRIUNFADOR NO FESTIVAL DE CURTAS GALEGO DE SADA

5 / 05 / 2008

A curtametraxe “Cores” dirixida polo compostelán Jairo Iglesias e producida por Mr Misto Films continúa o seu triunfal percorrido por festivais e álzase co Premio á mellor Curtametraxe e ao mellor guión do Festival Galego de Curtas de Sada. No medio dunha gran expectación e ante a mirada das persoas congregadas no Auditorio de Sada, a curtametraxe “Cores” obtivo o premio como mellor película do Festival, unha vez que o xurado xa lle concedeu a distinción do mellor guión.

A iso das 9 da noite aproximadamente, o alcalde de Sada, Abel López Souto, esfollou a margarida e anunciou o premio do xurado, que recalou na peza de Jairo Iglesias, quen ascendeu ao anfiteatro “emocionado” e agradecendo este premio a todos os asistentes e especialmente “ós membros do equipo, porque sen eles esta curta non sería posible”.

Este traballo foi seleccionado xunto a outras 20 pezas, entre as máis de 50 curtametraxes que recibiu a organización. Hai que destacar que esta é a primeira edición deste Festival Galego de Curtametraxes, e onde se puideron ver as máis atractivas propostas do audiviosual galego actual.

Este é o segundo festival ao que se presenta esta historia ambientada na Guerra Civil e que representa o cuarto traballo de curta duración do premiado director Jairo Iglesias. A semana pasada xa obtivo o premio do público no Festival Redondela en curto.

A noite de premios non acabou aí. Jairo Iglesias aínda tivo que subir unha vez máis ó escenario. Esta vez para recoller en nome de Belén Constenla o premio como mellor actriz polo seu papel en “Rosa dos Ventos”, premio que a actriz puido agradecer a todos os asistentes, a través dunha chamada de teléfono co mans libres do aparello, e que puxo a guinda a unha noite inmellorable tanto para Mr Misto Films como para Jairo Iglesias.

Categoría: Novas
Etiquetas: