Protagonizada por Carmelo Gómez, Hugo Silva, Mabel Rivera, Celso Bugallo, Xavier Estévez, Isabel Blanco e Carlos Sante, entre outros moitos actores galegos, é producida por CONTINENTAL e ZEBRA.
Dende o 4 de agosto, ródase en Galicia a longametraxe AGALLAS que se adentra no mundo dos narcos en Galicia, nese submundo no que nada é o que parece. A rodaxe deste thriller durará sete semanas e desenvolverase en diversas localidades de A Coruña e Pontevedra.

A película dirixida por Samuel Martín Mateos e Andrés Luque, supon o debut cinematográfico destos dous directores, ainda que ambos contan cunha dilatada experiencia en televisión e sempre estiveron vinculados ao cine, xa que estiveron moitos anos dirixindo o programa de actualidade de cine CARTELERA TVE.

Cun guión asinado por Javier Félix Echániz e Juan Antonio Gil Bengoa, AGALLAS é un thriller de narcos nas rías galegas cheo de picaresca, de trampas mortais e de personaxes sen escrúpulos. Aquí todo vale para subir ó cume. Todo. Aquí gaña o máis forte. E o máis forte é o que ten máis medo… Cando un pensa que chegou ao máis alto, comproba que sempre hai alguén máis áxil, máis ruín, máis cruel. Lei de vida. AGALLAS ilustra esa lei cunha historia trepidante chea de humor ácido e de sobresaltos inesperados.

Na parte técnica para esta película, os directores contaron para a dirección de fotografía con Juan Carlos Gómez e Marta Villar se ocupará da dirección de arte. A montaxe realizarao Guillermo Represa e a música será composta por Xabi Font e Arturo Vaquero. A produción executiva corre a cargo de Carmen de Miguel. A longametraxe está producida por Pancho Casal e Antonio Saura.

Está previsto que a película se estree en cines o ano que vén e será emitida en televisión na primavera de 2009. Os dereitos foron adquiridos por TVE e TVG. A película conta co apoio da Xunta de Galicia e ICAA.