O CLAG ORGANIZA UNS FOROS ESTRATÉXICOS EN SANTIAGO

23 / 11 / 2011

O Clúster Audiovisual Galego organiza, coa cofinanciación da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, uns Foros Estratéxicos que terán lugar o venres 25 de novembro no Hotel Araguaney de Santiago, co título “O escenario dixital: incertezas, oportunidades e desafíos”. Tra-la inauguración do Foro ás 09:15 horas por parte de Andrés Barbé, presidente do Clúster Audiovisual Galego, e de Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, ás 09:30 horas iniciarase unha primeira mesa co título “Iniciativas crossmedia desenvolvidas baixo fórmulas de participación colectiva. Retos no proceso creativo e nos modelos de xestión” coa participación de Gemma Dunjó, cofundadora e Story Architect de Filmutea, e Paula Cons, directora de Contidos de Continental Producciones. Ás 11:30 horas comezará unha segunda mesa en torno a “O mercado internacional de videoxogos: estratexias de negocio para as pequenas empresas”, con María Sayáns, European Marketing Director de Electronic Arts, e Carlos Fernández, director de Moonbite Games.

Ás 13:30 horas iniciarase a terceira mesa, que leva por título “Oportunidades de negocio no ámbito das canles temáticas e produtos VOD. Estratexias de negocio para as pequenas empresas”, con Carlos Navia, director de Contidos de Televisión de Ono, e Alfonso Martínez, responsable de Márketing Audiovisual de R. Ás 15:00 horas terá lugar a clausura. O foro estará moderado por Antonio Fernández, director de contidos dixitais de AMETIC (Asociación de Empresas do Sector TIC, as Comunicacións e os Contidos Dixitais).

 

Categoría: Novas
Etiquetas: