O CLAG E A FUNDACIÓN AVERHÓ COLABORARÁN NA FORMACIÓN E INTEGRACIÓN LABORAL DE COLECTIVOS DESFAVORECIDOS

30 / 09 / 2014

Fomentar a formación de excelencia para o emprego e a integración de colectivos desfavorecidos no sector audiovisual é o obxecto final do acordo de colaboración asinado esta mañá, na Coruña, polo Clúster Audiovisual Galego (Clag) e a Fundación Averhó.

No acto de presentación deste acordo participaron o alcalde da Coruña, Carlos Negreira; a secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, e os presidentes do Clag e da Fundación Averhó, Andrés Barbé e Antonio Rodríguez, respectivamente, encargados estes últimos de rubricar o convenio.

Durante a súa intervención, Barbé salientou o gran momento que está a vivir o cine español, a pesar de manterse o IVE cultural no 21%. Neste sentido, o presidente do Clúster Audioviual Galego dixo que non se lle poden poñer cancelas á creatividade, e explicou que “a pesar desta carga fiscal o noso cine está obtendo grandes éxitos e o sector audiovisual apostando pola internacionalización dos seus produtos”.

En relación á colaboración coa Fundación Averhó, explicou que a través deste acordo establécese un marco colaborativo de cooperación activa para o aproveitamento e intercambio do coñecemento altamente especializado. Tamén anunciou que o acordo subscrito por ambas entidades inclúe a realización conxunta de eventos e outras accións formativas.

Pola súa parte, Antonio Rodríguez Sotillo referiuse á labor que está a desenvolver a Fundación Averhó a prol da integración laboral das persoas con mobilidade reducida a través da formación de excelencia no ámbito da animación audiovisual e salientou á “colocación” destas persoas como o obxectivo final da súa fundación.

Segundo o presidente de Averhó, este convenio “favorecerá o contacto directo coas empresas do audiovisual e captar as necesidades reais do sector gallego, permitíndonos mellorar a formación altamente especializada que xa se está a impartir”.

Para a secretaria xeral de Política Social do Goberno autonómico este acordo supón “un paso adiante para o proxecto que representa a Fundación Averhó” a través de novas actividades de divulgación e formativas, deseñadas de acordo coas necesidades específicas do sector audiovisual. Ademais, Coro Piñeiro salientou que, coincidindo con Averhó, unha das liñas estratéxicas da Consellería de Traballo e Benestar é conseguir a inclusión laboral das persoas coa discapacidade para o que o departamento autonómico destinará “ata 17 millóns de euros no presente ano 2014”.

O emprego e a integración son dúas ferramentas fundamentais para facer unha sociedade mellor. Así o puxo de manifesto o rexedor coruñés durante o peche do acto, no que tamén advertiu da necesidade de afondar na recuperación dos valores e da colaboración. Ademais, Carlos Negreira aproveitou a ocasión para referirse ao potencial da cidade herculina como plató cinematográfico, posto de manifesto coas últimas rodaxes realizadas na Coruña que –segundo o alcalde- axudan a “visualizar” á cidade.

Acordo de colaboración

A través deste acordo, o Clúster Audiovisual Galego e a Fundación Averhó comprométense a colaborar no aproveitamento e intercambio do coñecemento altamente especializado, a súa divulgación social e difusión mediática, co proxecto “Programa Alta Especialización en Animación 3D” para a integración social das persoas con discapacidade, que imparte a Fundación Averhó. Esta colaboración tamén se estenderá a outros temas de interese común para ambas institucións.

O acordo subscrito por ambas entidades inclúe a realización conxunta de eventos e outras accións cuxo obxectivo final é contribuír á formación de excelencia para o emprego e a integración das persoas con discapacidade no sector audiovisual.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: