O Clúster Audiovisual Galego (CLAG) viaxará a Río de Xaneiro, en Brasil, para participar na segunda edición do mercado Río Content Market, cunha delegación formada por catro compañías do sector audiovisual galego. As empresas que, xunto ao CLAG, representarán ao sector no mercado de contidos brasileiro, que terá lugar do 29 de febreiro ao 2 de marzo, son: Continental Producciones, Ficción Producciones, Moonbite Games&Animation e Zoa Media.

A presenza en Rio Content Market 2012 permitiralles ás empresas do audiovisual galego crear novas oportunidades de negocio para os contidos audiovisuais e multiplataforma en América Latina. Así como, coñecer de primeira man, discutir e presentar as tendencias e innovacións no campo dos contidos multiplataforma.

Referente en América Latina
Rio Content Market consolidouse como o mercado internacional de referencia de América Latina de empresas do sector audiovisual, contidos para móbiles e videoxogos, que reúne aos produtores, commissioning editors, e responsables de adquisicións de canles de televisión destes xéneros de todo o mundo.

Na súa primeira edición, Rio Content Market situou a Brasil como un dos principais centros da industria audiovisual e do entretemento de América Latina, e promoveu o encontro de 170 executivos do mercado nacional e internacional buscando o intercambio de experiencias, no cal participaron máis de 1.000 integrantes da industria da televisión e dos medios dixitais.

A segunda edición de Rio Content Market, que se celebrará no Hotel Windsor Barra de Río de Xaneiro, presentará keynotes e paneis de profesionais de referencia do sector. Tamén haberá debates, sesións de pitching, roldas de negocios e novidades, con respecto á súa primeira edición, como o Lab Transmedia, a programación NextMedia e un espazo para stands.