Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) e Cineclube Padre Feijóo anuncian, un mes máis, un novo ciclo para as tardes dos mércores. Co título +CINE: Marzo Francés, botarán unha ollada ás estreas máis salientables da cinematografía gala recente, dende filmes premiados en prestixiosos festivais internacionais ate coproducións nas que participan os máis importantes directores internacionais, como son os casos de Aki Kaurismäki ou Roman Polanski.

O ciclo inclúe cinco títulos: o primeiro será Tournée, de Mathieu Amalric, o mércores 29 de febreiro. Na semana vindeira, Marzo Francés abre unha paréntese para proxectar Nader e Simin, unha separación, película dirixida polo iraniano Asghar Farhadi e que servirá para celebrar o Día Internacional da Muller, proxección que conta coa colaboración da Concellaría de Igualdade e Voluntariado. Retomaremos o acento francés coas Le Havre, de Kaurismäki, o 14 de marzo, Pequenas mentiras sen importancia, de Guillaume Canet, o día 21, e pechará o ciclo unha semana despois Un deus salvaxe, de Roman Polanski.

As sesións de +CINE son todos os mércores no Cinebox, con pases ás 18:00, 20:30 e 23:00 horas. A entrada é de 4€, reducida (3€) para estudantes con carnet universitario, desempregados e maiores de 65 anos.