CINCO CINEASTAS GALEGOS ELABORAN PEZAS AUDIOVISUAIS PARA A EXPOSICIÓN “GALLAECIA PETREA” DA CIDADE DA CULTURA

11 / 06 / 2012

Cinco recoñecidos cineastas galegos -Jorge Coira, Marcos Nine, Jairo Iglesias, Juan Lesta e Belén Montero- realizaron diversas pezas audiovisuais para a exposición Gallaecia Petrea, que abrirá as súas portas o 15 de xuño no Museo da Cidade da Cultura de Santiago, onde permanecerá ata o 15 de decembro. Gallaecia Petrea ofrecerá un percorrido pola historia da construcción da cultura e da propia historia de Galicia, a través dun elemento tan emblemático e propio da súa identidade como é a pedra. A mostra preséntase como un proxecto colectivo no que participan, cedendo pezas, un total de 91 institucións de Galicia, España e Portugal. O material audiovisual estará presente en cada un dos seis períodos nos que se divide a exposición que se poderá visitar na Cidade da Cultura: Xeoloxía, Prehistoria, Roma, Medievo, Moderna e Contemporánea. Partindo do discurso que os comisarios pretenden trasladarlle ao visitante, os directores crearon 15 pequenas pezas audiovisuais que complementan as obras expostas, nas que deixaron a súa propia impronta, a súa firma ou identidade, pero cunha unidade artística froito do traballo en rede e dunha estreita colaboración. A mirada de Jairo Iglesias, que a pesar da súa xuventude xa é unha figura consolidada no mundo da curtametraxe por traballos como Rosa dos Ventos ou Cores, traslada ao espectador á orixe da Gallaecia a través dun traballo moi potente dende o punto de vista visual, capaz de recrear a aparición fai millóns de anos do territorio rocoso que conforma hoxe Galicia, presentando dunha forma moi moderna o discurso que comisaria o profesor Vidal Romaní. O discurso conceptual de Belén Montero e Juan Lesta, coñecidos polos seus traballos expostos por entidades culturais como o Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC), a Fundación Luis Seoane ou o Injuve, adáptase ao discurso poético do Renacemento e Barroco trasladado por Ana Goy.

A visión experimental de Marcos Nine casa coa mensaxe de Miguel Fernández Cid, comisario da época contemporánea, grazas a unha peza inquietante dunha gran potencia visual. Ademais, a destreza e experiencia coa imaxe fixa de Nine permitiu construír un discurso adaptado para a época de Roma, a cargo de Antonio Rodríguez Colmenero. Este cineasta encargouse tamén dunha peza didáctica do período prehistórico, na que se dará conta da tecnoloxía paleolítica cunha recreación realizada en exclusiva para esta exposición. Por último, o recoñecido director e guionista lucense Jorge Coira, autor de películas como Entre bateas ou 18 comidas, proxectará no Museo un relato visual moi atractivo con varias pezas audiovisuais do período prehistórico, comisariado por Xosé Ignacio Vilaseco, e botará man da forza narrativa que o caracteriza para condensar en pequenas pezas o amplo período medieval, a cargo de Carlos Valle. Na faceta audiovisual da exposición Gallaecia Petrea participaron produtoras galegas como Portocabo, Pixel Films, Ebora Cast, EAF Produccións e Tic Tac Producciones. Dende a consellería de Cultura e Educación da Xunta resaltaron o traballo de colaboración entre os diferentes equipos técnicos e artísticos para lograr un proxecto cunha unidade estética pero, a súa vez, cunha identidade propia. Este intenso traballo contou coa coordinación de dúas figuras recoñecidas no audiovisual galego: Fernanda del Nido, no papel de produtora executiva xeral, e María Liaño, como directora de produción.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: