A CIDADE DA CULTURA DE SANTIAGO ACOLLE UN ENCONTRO PARA ANALIZAR NOVAS FORMAS DE FINANCIAMENTO NA CULTURA

31 / 01 / 2012

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia impulsa o 16 e 17 de febreiro, na Cidade da Cultura, o I Encontro Internacional de Economía e Cultura, onde empresarios, artistas e creadores reuniranse co fin de explorar novas vías de financiamento para poñer en marcha proxectos artísticos ou culturais. O I Encontro Internacional de Economía e Cultura abordará fórmulas innovadoras dentro do mundo do patrocinio, o novo escenario que anuncia a futura Lei de Mecenado ou vías de obtención de recursos apoiadas nas novas tecnoloxías, como o crowdfunding. Ao mesmo tempo, tamén se presentarán “casos de éxito” de Galicia, do resto de España e de outros países (Brasil, Suecia, Reino Unido, etc). A fundación catalana Dóna Gustet será a encargada de expoñer as posibilidades do microfinanciamento ou financiamento en masa, a través da experiencia do Festival Crowdfunding, que se organiza en Madrid e Barcelona. No caso do mecenado, a coñecida firma de avogados Cuatrecasas explicará cal é o escenario económico e xurídico en España, e a situación de outros países como Brasil, onde esta fórmula está máis consolidada. No foro analizaranse ademais as posibilidades do patrocinio. Para isto contarase coa participación, entre outros, da Royal Academy of Arts, que aportará a súa experiencia na obtención de fondos a cambio de beneficios para os seus patrocinadores, coma o uso de espazos, descontos nas actividades culturais, presenza en medios e beneficios fiscais. Destacadas firmas galegas estarán tamén presentes, como Estrella Galicia ou Gadisa.

Máis alá do financiamento, o Encontro abordará a colaboración entre empresa e cultura dende outras perspectivas do que se bautizou como economía creativa: unión dos mundos da empresa, da cultura, das novas tecnoloxías, a innovación, a creatividade ou o emprendemento. Desta maneira, conceptos como o coworking ou as redes sociais de ideas estarán incluídos na programación. Durante estes dous días, a Cidade de la Cultura brindará tamén a oportunidade a emprendedores culturais en busca de socios ou patrocinadores, para que expoñan os seus proxectos neste foro. Ademais, está prevista unha sesión de Pecha Kucha, presentacións rápidas e breves de casos de éxito. A inscrición no I Encontro Internacional Economía e Cultura na Cidade da Cultura está limitada a 75 prazas e ten un prezo de 70 euros. Pode realizarse a través da web www.cidadedacultura.org. Da mesma maneira, os participantes que estean interesados en buscar socios para levar a cabo un proxecto novidoso poderán enviar a súa iniciativa a dito site.

Categoría: Novas
Etiquetas: