CICLO SOBRE “O ESTADO DO MUNDO” NO CGAI

22 / 04 / 2013

O Centro Galego de Artes da Imaxe dedica a programación desta semana (23 ao 26 de abril) ao ciclo “O estado do mundo”, catro propostas fílmicas que poñen sobre a mesa outras tantas posibilidades de debate arredor de temas específicos que nos axudan a explicar a situación socioeconómica do mundo contemporáneo. DESENCADRES: O ESTADO DO MUNDO


Pódese radiografar o estado do mundo a través do cine? Desde o estalido da crise foron moitas as películas que abordaron este tema conforme múltiples ángulos. Máis que catro diagnósticos, O estado do mundo pon sobre a mesa outras tantas posibilidades de debate arredor de temas específicos que nos axudan a explicar a situación socioeconómica do mundo contemporáneo. The Forgotten Space foi un libro e unha exposición de Allan Sekula antes ca un documental do propio Sekula e Noël Burch co mar como pouco usual protagonista. O seu tema, ou a súa denuncia, non é outro ca o da globalización, un termo ás veces demasiado abstracto que Sekula e Burch exemplifican co caso do tráfico mundial de contedores desde os portos europeos, americanos e asiáticos. California Company Town tamén nos fala dun espazo esquecido, aínda que este en terra firme, nos antigos pobos xurdidos derredor das fábricas ou minas californianas hoxe abandonadas. Lee Anne Schmidt (de quen puidemos ver no CGAI a súa película posterior, The Last Buffalo Hunt) sitúa o seu traballo na liña de John Gianvito e James Benning, un cine dos espazos baleiros, a imaxe máis implacable da crise industrial e o desemprego. As imaxes son precisamente o tema de Low Definition Control (Malfunctions #0), a segunda longametraxe documental do director austríaco Michael Pann, na que explora o emprego das cámaras de vixilancia no espazo público ou, máis ben, as imaxes que esas cámaras xeran. Para Palm estas imaxes conforman unha zona escura que se situaría entre a ciencia ou os feitos científicos e a ciencia ficción. A respecto das películas anteriores, Take Shelter é unha ficción pura e dura, ata unha película de ciencia ficción. Jeff Nichols retrata tamén a paisaxe moral da crise, o medo á perda do emprego ou o seguro médico, a necesidade atávica de se garantir un refuxio.

Martes 23 de abril (18.00 e 20.30 horas)
THE FORGOTTEN SPACE     
(Holanda-Austria, 2010)
Dirección e guión: Noël Burch e Allan Sekula. Produción: Doc. Eye Film. Fotografía: Attila Boa e Wolfgang Thaler. Duración: 112 minutos.  
Baseada no proxecto a longo prazo Fish Story, do escritor e artista Allan Sekula (Pennsylvania, 1951), un ensaio fílmico que tomando como centro o mar, analiza a crise e o universo da globalización a través do transporte (marítimo) de mercancías. Testemuños de especialistas e de xentes ignoradas polo sistema nun filme fascinante e revelador codirixido polo lendario teórico e cineasta político Noël Burch (San Francisco, 1932), autor do revolucionario ensaio escrito Praxis del cine (1969). Gran Premio do Xurado en Venecia.         

Mércores 24 de abril (18.00 e 20.30 horas)
CALIFORNIA COMPANY TOWN    
(Estados Unidos, 2008)
Dirección, guión, fotografía e produción: Lee Anne Schmitt. Duración: 77 minutos.  
Lee Anne Schmitt, da que o CGAI proxectara The Last Buffalo Hunt (2010), proporciona un paseo de dimensións tanto formais como sociais, na liña de mestres como James Benning ou John Gianvito, polos espazos baleiros e lugares esquecidos, neste caso a California da crise industrial, das fábricas e minas abandonadas, hoxe en descomposición.   

Xoves 25 de abril (18.00 e 20.30 horas)
LOW DEFINITION CONTROL (MALFUNCTIONS#0)      
(Austria, 2011)
Dirección, guión e fotografía: Michael Palm. Produción: Jahannes Hammel para Wien Kultur MA 7, Innovative Film Austria, ORF Film /Fernseh, Abkommen e Land Oberösterreich. Duración: 95 minutos.  
Unha estimulante e laboriosa exploración do emprego de cámaras de seguridade no espazo público, ou, nomeadamente, as imaxes xeradas por esas cámaras. Desde o control e os usos políticos, na súa segunda longametraxe, o director austríaco Michael Palm reflexiona sobre o carácter case que científico desas imaxes, un terreo mesmo próximo á ciencia-ficción.  

Venres 26 de abril (18.00 e 20.30 horas)
TAKE SHELTER     
(Estados Unidos, 2011)
Dirección e guión: Jeff Nichols. Produción: Hydraulx, REI Capital, Grove Hill Productions e Strange Matter Films. Fotografía: Adam Stone. Intérpretes: Michael Shannon, Jessica Chastain. Duración: 120 minutos.  
Brillante mestura ou abolición de xéneros, onde o drama de dimensións domésticas alterna co filme apocalíptico e o terror e o fantástico. Curtis vive nun pequeno lugar de Ohio coa súa muller e unha filla xorda de seis anos. Comeza a sufrir alucinacións e pesadelos, dalgún xeito agarda unha tormenta de proporcións xigantescas, apocalíptica. O seu refuxio antitornados pasa a ser unha obsesión. Un filme vibrante e misterioso, moi suxestivo, capaz de obter premios polo mundo adiante, de certames como Cannes ou Xixón a galardóns da crítica independente.

Categoría: Novas
Etiquetas: