CICLO NO CGAI SOBRE O CINEASTA ESTADOUNIDENSE JAMES BENNING

2 / 01 / 2009

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) (Rúa Durán Loriga, 10 baixo) comeza hoxe mércores 11 de febreiro o ciclo dedicado ao cineasta estadounidense James Benning (Milwaukee, 1942) coa proxección ás 20.30 horas de 13 LAKES (2004). Realizado en colaboración con Punto de Vista, Festival Internacional de Cine Documental de Navarra e a Fundación Luis Seoane da Coruña, é o ciclo máis amplo realizado sobre Benning en España ata o momento.
Trátase dunha retrospectiva con trece títulos que intenta cubrir as súas diferentes etapas creativas, a través de proxeccións en dúas sedes e que conta coa presenza do seu propio autor (martes 17 de febreiro, 20.30 horas), que intervirá nun diálogo co cineasta galego Alberte Pagán.

A obra de Benning iníciase a comezos dos anos setenta, independente e próxima ao estruturalismo. Benning filma paisaxes e escenarios urbanos dos Estados Unidos que, na súa primeira etapa, se acompañan dunha banda sonora con comentarios propios ou fragmentos de textos alleos asimilables ao filme-ensaio. A partir de 1998 o seu traballo co son sofre un xiro, limitándose a acompañar os seus planos paisaxísticos con ambientes sonoros, sincrónicos ou non. Utopia (1998) é a súa última película cun texto en off. Con El Valley Centro (1999) inicia a chamada “California Trilogy”, completada por Los (2000) e Sogobi (2001), películas compostas por 35 planos cunha duración fixa de dous minutos e medio cada un, planos de distintos escenarios de California. Non hai comentarios ou relato propiamente dito, si un discurso subterráneo sobre a política da auga no estado que enlaza distintos lugares.

Benning foi profesor de matemáticas antes que cineasta ou docente de cine, o que podería explicar a súa querenza por este tipo de estruturas prefixadas que nas películas posteriores, 13 LAKES (2004) e TEN SKIES (2004), se concreta en planos de duración exacta. Estes títulos funcionan como sinopse “argumental” das propias películas. Agora non hai relato ou discurso subterráneo de ningún tipo, fóra da sucesión de motivos da tradición pictórica paisaxística acompañados de sons ambientais. O cine de Benning non se singulariza polos seus temas, senón pola especial relación entre paisaxe e tempo, esixindo do espectador un posicionamento activo para percibir este desenvolvemento temporal: a única forma na que un pode entender a paisaxe é a través do tempo. A paisaxe é realmente unha función do tempo. E son paisaxes no tempo o que Benning segue filmando en RR (2007) e casting a glance (2007), as súas últimas películas.

Estes filmes son menos documentais experimentais sobre a xeografía e a historia de lugares determinados que experiencias cinemáticas sobre estar “en” determinados lugares durante unha prolongada duración cinemática. Benning expresa a esperanza de que, pola duración dos planos, o público chegue a ser consciente dun tipo distinto de historia: as series de aventuras persoais que emanan do que ven. Estas “pequenas historias” en etapas anteriores da súa filmografía non eran tan abstractas, xa que había pequenos gags ou xogos cómplices co espectador.

Tal vez busca tamén un tipo de espectador acostumado a outra contemplación, o walk in, walk out, termo que, como lembra Antonio Weinrichter, “designa aquelas obras audiovisuais de exposición que non se fixeron para velas sentados senón de forma pasaxeira e ambulante”. Benning realizou ao longo de toda a súa carreira distintas contribucións a iso que se deu en chamar screen art. Estas películas esixen un espectador cinematográfico. Están filmadas en 16mm. e o seu autor non autoriza a súa proxección noutro paso de proxector ou soporte. Pódense ver en museos ou grandes mostras de arte, pero afirman a súa esencia cinematográfica, obrigando ao espectador a compartir experiencia visual e temporal.

Mércores 11 de febreiro:
13 LAKES
(Estados Unidos-Alemaña, 2004)
Dirección e fotografía: James Benning. Produción: James Benning e Westdeutscher Rundfunk (WDR) (Alemaña). Duración: 133 minutos.
Trece lagos dos Estados Unidos filmados cunha estrutura fixa: planos de dez minutos. Benning entrelaza beleza e reflexión, temporalidade e harmónicas composicións rítmicas.

Martes 17 de febreiro:
UTOPIA
(Estados Unidos, 1998)
Dirección, produción e fotografía: James Benning. Duración: 91 minutos.
O autor confronta a súa metraxe, planos desérticos do Sur de California, coa banda de son totalmente apropiada do filme de Richard Dindo Ernesto Che Guevara. Diario de Bolivia (1994). Unha experiencia única que visibiliza as posibilidades combinatorias da relación imaxe-son e apela a elementos manifestos no cine-ensaio.

Mércores 18 de febreiro:
11X14
(Estados Unidos, 1976)
Dirección e fotografía: James Benning. Produción: James Benning co apoio do American Film Institute e The National Endowment for the Arts. Intérpretes: Serafina Bathrick, Paddy Whannel. Duración: 80 minutos.
Planos rodados en Wisconsin e South Dakota cheos de alusións á fotografía americana como resultado da multiplicación que indica o título. Son natural sincronizado e fundidos en negro como división entre eles nunha road-movie minimal, deconstruída, de narrativa desprazada, de movemento continuo e incidentes ocasionais.

Luns 23 de febreiro:
NORTH ON EVERS
(Estados Unidos, 1991)
Dirección, producción e fotografía: James Benning. Duración: 87 minutos.
O Easy rider de James Benning, un periplo en motocicleta durante dous veráns pola xeografía dos Estados Unidos. Revisitando lugares emblemáticos e artellando vibrantes xogos imaxe-texto a Historia do país e da súa xente ofrécensenos con nitidez.

Xoves 26 de febreiro:
RR
(Alemaña-Estados Unidos, 2007)
Dirección e fotografía: James Benning. Produción: James Benning e Westdeutscher Rundfunk (Alemaña). Duración: 112 minutos.
A filmación ao longo dos Estados Unidos de trens (ata 43) que unha vez tras outra cruzan o encadre vai descubrindo diferentes percepcións, microrrelatos onde a dimensión temporal se erixe en figura capital.

Sábado 28 de febreiro (18.00 horas):
DESERET
(Estados Unidos, 1995)
Dirección e fotografía: James Benning. Produción: James Benning co apoio de The Rockefeller Foundation. Duración: 81 minutos.
Filmada en Utah, Benning escudriña os resultados do deseño e a intervención humana na natureza. Mentres asistimos ás imaxes, textos extraídos do “New York Times” describen a Historia social do estado desde 1852, coa derrota progresiva ante os códigos estritos de Brigham Young e os mormóns.

Proxeccións FUNDACIÓN LUIS SEOANE:

Venres 20 de febreiro (20.30 horas):
EL VALLEY CENTRO
(Estados Unidos, 1999)
Dirección, produción e fotografía: James Benning. Duración: 90 minutos.
Primeiro título da chamada “California Trilogy” (Triloxía de California), unha plasmación visual con matices políticos da California das paraxes de Central Valley, cos seus sistemas de irrigación e vastas terras agrícolas. Exactamente 35 localizacións, con planos de dous minutos e medio.

Venres 27 de febreiro (20.30 horas):
LOS
(Estados Unidos, 2000)
Dirección, produción e fotografía: James Benning. Duración: 90 minutos.
Sucesión de imaxes ben pautadas (de novo 35 planos, tamén un cada dous minutos e medio) que amosan áreas funcionais da cidade de Los Ángeles. Segunda parte da “California Trilogy”.

Categoría: Novas
Etiquetas: