CICLO KONCHALOVSKY NO CGAI

25 / 09 / 2013

O Centro Galego de Artes da Imaxe comeza hoxe mércores día 25 de setembro o ciclo dedicado ao cineasta ruso Andréi Konchalovsky, coas proxeccións de El Primer Maestro (1965) (18.00 horas) e A Historia de Asia Klachina, que amó pero no quiso casarse (1966) (20.30 horas). O ciclo segue ata o día 11 de outubro.  

ANDRÉI KONCHALOVSKY:

En colaboración co Centro Ruso de Ciencia e Cultura, The Andréi Konchalovsky Production Center, IVAC-La Filmoteca de Valencia e Filmoteca de Andalucía.
 
Andréi Sergueyevich Konchalovsky (Moscú, 1937) é un dos máis coñecidos directores de cine rusos. Home de cine e teatro, actor, director de máis de vinte filmes e nove producións teatrais, escritor, guionista do primeiro Andréi Tarkovski (La infancia de Iván, 1962; Andrei Rubliev, 1966), fillo dun célebre poeta e irmán do tamén realizador Nikita Mikhalkov-Konchalovsky, de xeito ben singular e na fin da Guerra Fría, Andréi Konchalovsky desenvolve parte da súa carreira nos Estados Unidos.
Logo de recibir unha esmerada formación musical e cinematográfica, dirixe unha curtametraxe triunfal, Malchik i golub (El niño y la paloma), gañadora do premio para debutantes do Festival de cine de Venecia de 1962, e, en 1965, inspirado pola creatividade de Akira Kurosawa, filma Pervij uchitel (El primer maestro), historia dun mozo idealista, soldado do Exército Vermello que trata de alfabetizar os pastores dun lugar perdido de Asia Central. A súa seguinte película é Istoriya Asi Klyachinoy, kotoraya lyubila, da ne vyshla zamuzh (La historia de Asia Kachina, que amó pero no quiso casarse, 1967), un filme formalmente complexo e arriscado con problemas de censura que non ve a luz ata 1988, seguido dunha particular secuela: Kurochka Ryaba (La gallina de los huevos de oro, 1994). En 1969 volve a vista cara aos clásicos, e presenta Dvoryanskoe gnezdo (Nido de nobles) de Iván Turgueniev. No seu seguinte filme, Diadia Vania (Tío Vania, 1970), adapta con habelencia a Chéjov, co célebre actor e director Sergei Bondarchuk no papel de Astrov. Tío Vania obtén a Concha de Prata no Festival de San Sebastián.
Un enorme éxito de recadación (40 millóns de espectadores) e o Gran Premio en Karlovy Vary acompañan a Romans o vlyublyonnykh (Romance de enamorados, 1974). O memorable poema fílmico Sibiriada (Siberiada, 1979), rexistro épico de case un século enteiro de vida en Rusia, resulta galardoado co Premio Especial do Xurado no Festival de Cannes. En 1980, logo de ser nomeado Artista del Pueblo da URSS, Konchalovsky marcha a Occidente e traballa en Hollywood, onde amosa a súa capacidade tanto para a posta en escena como para a análise de personaxes extremosos. Alí dirixe, para a esquizofrénica produtora Cannon, películas de renome como Maria’s Lovers (Los amantes de María, 1984) ou Runaway Train (El tren del infierno, 1985), gaña a Concha de Ouro no Festival de San Sebastián con Homer & Eddie (Homer y Eddie, 1990) e proba no blockbuster con Tango & Cash (Tango y Cash, 1989) con Sylvester Stallone e Kurt Russell como protagonistas. Konchalovsky realiza tamén Duet for One (Ansias de vivir, 1986) e Shy People (Vidas distantes, 1987) en Estados Unidos. De regreso a unha Rusia poscomunista, roda The Inner Circle (El círculo del poder, 1991), reflexión sobre a esencia do estalinismo a través do destino dunha “persoa humilde”: o proxeccionista de Stalin. A luxosa serie The Odyssey (La Odisea, 1997), ten difusión en televisións de todo o mundo. Este proxecto foi, na súa época, a produción televisiva máis cara existente e recibiu un premio Emmy. En 2002, a súa película Dom durakov (La casa de los locos), relato dos residentes dun psiquiátrico próximo á fronteira chechena durante a primeira guerra de Chechenia, obtén o Gran Premio do Xurado en Venecia. En 2007 estrea a súa seguinte película, Glyanets / Gloss, co traballo da súa muller, a actriz Julia Visotskaya. Nos últimos anos, hiperactivo e polifacético, coproduce The Last Station (La última estación, 2009), película sobre os derradeiros días de León Tolstói, que recibe varios Globos de Ouro e resulta nomeada aos Óscar 2009; encárgase de montaxes teatrais, mesmo ópera e musicais, ao tempo que dá cabida á escritura, como articulista, blogueiro e autor de varios libros. Coa fundación en 2003 de The Andrei Konchalovski Production Center, realiza traballos para as principais canles rusas de televisión (NTV, RTR, Kultura e Zvezda), especializado en series de documentais biográficos, nomeadamente sobre artistas e políticos.

Mércores 25 de setembro (18.00 horas)
PERVY UCHITEL / EL PRIMER MAESTRO

(Unión Soviética, 1965)
Dirección: Andrei Mikhalkov-Konchalovsky. Guión: Chinguis Aitmatov, Andrei Mikhalkov-Konchalovsky e Boris Dobrodeiev. Produción: Kirghiz Film e Mosfilm Studios (URSS). Fotografía: Gueorgui Guerberg. Intérpretes: Natalia Arinbasárova, Bolot Beishenalíev, Idrís Nogáibaiev. Duración: 102 minutos.
Unha fábula ambientada no mundo agrario, onde non parece tan claro que logo da revolución rusa se alcanzase a conciencia revolucionaria bolxevique. Estamos en 1923 e un mestre chega a unha vila coa intención de educar os campesiños analfabetos. Primeira longametraxe do realizador de Siberiada e El tren del infierno.   

Mércores 25 de setembro (20.30 horas)
ISTORIYA ASI KLYACHINOY, KOTORAYA LYUBILA, DA NE VYSHLA ZAMUZH / [LA HISTORIA DE ASIA KLACHINA, QUE AMÓ PERO NO QUISO CASARSE]    
(URSS, 1967)
Dirección: Andréi Konchalovsky. Guión: Yuri Klepikov. Produción: Mosfilm. Fotografía: Georgi Rerberg. Intérpretes: Iya Savvina, Lyubov Sokolova. Duración: 94 minutos.  
Unha moza chamada Asia Klyachina, decide levar o seu embarazo sen se preocupar demasiado polo pai, que non parece interesado en recoñecer o seu fillo. Outros homes, un en especial, séntense atraídos por ela, pero a moza non amosa interese ningún por eles. A vida da aldea transcorre entre o traballo cotián, a ocasional ledicia e as loitas que se presentan a diario entre os campesiños. Poética e ruda, foi prohibida e a versión íntegra do filme só se puido estrear na Unión Soviética vinte anos despois, logo dun pase previo pola Berlinale co título de Asino scaste / La felicidad de Asia.

Xoves 26 de setembro (18.00 horas)
DVORIANSKOIE GNIEZDO / NIDO DE NOBLES
(URSS, 1969)
Dirección: Andréi Konchalovsky. Guión: Valentin Ezhov e Andréi Konchalovsky, sobre a obra de Iván Turgueniev. Produción: Mosfilm. Fotografía: Georgi Rerberg. Intérpretes: Irina Kupchenko, Leonid Kulagin. Duración: 105 minutos.  
Fiodor Ivánovich Lavretsky regresa á facenda da súa propiedade logo dunha longa tempada no estranxeiro, unha vez consumado o fracaso do seu matrimonio. Ao pouco de chegar coñece unha moza, Liza, filla da súa prima, e recibe a nova da morte da súa esposa. Despois dos problemas con The Story of Asia Klachina…, Konchalovsy vaise orientar cara ás adaptacións literarias de prestixio. Herdeiro dunha das grandes tradicións da pintura rusa, filma aquí unha versión en cor, de enorme beleza visual, de Nido de nobles de Turgueniev.     

Xoves 26 de setembro (20.30 horas)
DIADIA VANIA / TÍO VANIA  
(URSS, 1970)
Dirección e guión: Andréi Konchalovsky, sobre a obra de Antón Chéjov. Guión: . Produción: H. Fotografía: Georgi Rerberg e Yevgeni Guslinski. Intérpretes: Innokenti Smoktunovski, Sergei Bondarchuk, Irina Kupchenko. Duración: 104 minutos.  
Nunha propiedade dos Serebryakov atópanse o profesor xubilado Aleksandr Vladimirovich Serebryakov; a súa segunda muller, Elena; Sofía, a filla da súa primeira esposa; Iván Petrovich Voinitzkii, chamado o tío Vania; a ama Marina e o doutor Mijail Lvovich Astrov. Todos van ter un axitado encontro onde espirán as súas paixóns, temores, resentimentos…e algunha que outra verdade sobre a vida e as súas propias existencias. Adaptación da obra Tío Vania do escritor e dramaturgo ruso Antón Chéjov publicada en 1899. Para moitos, a mellor adaptación xamais filmada sobre a obra.   

Venres 27 de setembro (18.00 horas)
SIBIRIADA / SIBERIADA  
(URSS, 1979)
Dirección: Andréi Konchalovsky. Guión: Valentin Ezhov e Andréi Konchalovsky. Produción: Mosfilm, Satra e Sovexport Film. Fotografía: Levan Paatashvili. Intérpretes: Nikita Mikhalkov, Vitali Solomin, Natalya Andreychenko. Duración: 200 minutos.
A historia de dúas familias de distinta condición socioeconómica, os Solomin e os Ustuizhanin, pertencentes a Yelan, unha aldea perdida da Siberia, permite percorrer, de 1900 a 1965, a historia da Rusia do século XX ao modo do Novecento de Bernardo Bertolucci, con máis poesía e revolución polo medio. A relación directa coa natureza, o illamento e a presión dos cambios socio políticos constrúen un fresco histórico arredor de tres xeracións de enorme magnitude. Gran Premio do Xurado en Cannes 1979.    

Martes 1 de outubro (18.00 e 20.30 horas)
MARÍA’S LOVERS / LOS AMANTES DE MARÍA  
(Estados Unidos, 1984)
Dirección: Andréi Konchalovsky. Guión: Gerard Brach, Andréi Konchalovsky, Paul Zindel e Marjorie David. Produción: Cannon Group, Golan-Globus Productions. Fotografía: Juan Ruiz-Anchía. Intérpretes: Nasstassja Kinski, John Savage, Robert Mitchum, Keith Carradine. Duración: 111 minutos.  
No final da II Guerra Mundial, o soldado Iván Bibic regresa á súa cidade natal, Pittsburgh, coa idea de se encontrar coa muller da súa vida, María. O seu amor idealista faille perseverar e consegue casar con ela. Porén, tantos anos de soños románticos impiden que Iván sexa quen de sentir desexo por María. Unha singular combinación de relato de relacións persoais, amor e sacrificio, penitencia e redención, emigrantes e desarraigamento, por onde asoma a melancolía e o ensimesmamento eslavos. A produtora Cannon dálle liberdade a un Konchalovsky debutante nos Estados Unidos. Ollo ao xogo con imaxes filmadas por John Huston (Let there be Light) sobre a guerra. Sección Oficial Venecia 1984.

Mércores 2 de outubro (18.00 e 20.30 horas)
RUNAWAY TRAIN / EL TREN DEL INFIERNO  
(Estados Unidos, 1985)
Dirección: Andréi Konchalovsky. Guión: Edward Bunker, Andréi Konchalovsky e Djordje Milicevic, sobre un guión de Akira Kurosawa. Produción: Golan-Globus Productions e Northbrook Films. Fotografía: Alan Hume. Intérpretes: Jon Voight, Eric Roberts, Rebecca de Mornay. Duración: 100 minutos.  
Dous presidiarios foxen dunha prisión de máxima seguridade en Alaska. A morte do maquinista do tren en que se refuxian facilita unha tensa persecución, onde o tren desbocado compite en protagonismo. As interioridades dos códigos da cadea –o lendario literato ex convicto Edward Bunker é un dos asinantes do guión, baseado nun libreto do cineasta xaponés Akira Kurosawa- marcan o enfrontamento entre personalidades distintas, a dos dous reos fuxidos e a dun alcaide sádico. Un filme exitoso onde se privilexia o movemento, a acción, os espazos, o suspense e as excelentes interpretacións. Tres nominacións aos Óscars, Globo de Ouro para Jon Voight e participación en Cannes 1986.  

Mércores 9 de outubro (18.00 e 20.30 horas)
SHY PEOPLE / VIDAS DISTANTES
(Estados Unidos, 1987)
Dirección: Andréi Konchalovsky. Guión: Gérard Brach, Andréi Konchalovsky e Marjorie David. Produción: Cannon Group. Fotografía: Chris Menges. Intérpretes: Barbara Hershey, Jill Clayburgh, Martha Plimpton. Duración: 111 minutos.
Diana Sullivan é unha prestixiosa xornalista de Nova York. Xunto á súa problemática filla Grace trasládase a Louisiana. A súa intención é visitar uns familiares afastados, en concreto a súa curmá Ruth, unha muller de infancia difícil casada aos 12 anos e con tres fillos. Diana e Grace descobren neste sur do país un mundo estraño, ata perigoso, pero que mostra tamén o poder da natureza e da tradición. O lendario crítico Roger Ebert falou dela como “un dos grandes filmes visionarios”. Relato singular, cheo de humor e presidido por unha atmosfera suxestiva e misteriosa, obtivo o premio á mellor actriz para Barbara Hershey no Festival de Cannes 1987.

Xoves 10 de outubro (18.00 e 20.30 horas)
THE INNER CIRCLE / EL CÍRCULO DEL PODER
(Italia-URSS-Estados Unidos, 1991)
Dirección: Andrei Konchalovsky. Guión: Anatoli Usov e Andréi Konchalovsky. Produción: Mosfilm, Numero Uno Internacional e Columbia. Fotografía: Ennio Guarnieri. Intérpretes: Tom Hulce, Bob Hoskins, Lolita Davidovich. Duración: 102 minutos.
Crónica da vida de Ivan Sanshin, un leal cidadán soviético, oficial da KGB que foi o operador cinematográfico de Stalin, contada desde a súa perspectiva. Filmada no Kremlin e inspirada en feitos reais, o regreso a Rusia de Konchalovsky reflicte un fragmento interesante e pouco coñecido da intensa historia do século XX. Presentada no Festival de Berlín 1992.

Venres 11 de outubro (18.00 e 20.30 horas)
GLYANETS / THE GLOSS
(Rusia, 2007)
Dirección: Andréi Konchalovsky. Guión: Andréi Konchalovsky e Dunya Sminova. Produción: The Andrei Konchalovsky Production Center, Studio Canal, Cadran Productions e Motion Investment Group. Fotografía: María Solovyeva. Intérpretes: Ela Sanko, Yuris Lautsinsh. Duración: 118 minutos.
Unha moza de provincias viaxa a Moscova co soño de se converter en modelo. Logo de moitos esforzos, logra facerse un oco no luxoso mundo da moda que, máis tarde, se revelará menos fascinante do que aparenta.

Categoría: Novas
Etiquetas: