CICLO DE CINEMA OLLADAS DE MULLERES NO MUNDO NO CGAI

6 / 03 / 2014

O ciclo de cinema Olladas de mulleres no mundo, coordinado por Encarna Otero Cepeda da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, terá lugar os vindeiros 6, 7 e 8 de marzo no Centro Galego de Artes da Imaxe na Coruña

Con motivo do día da Muller traballadora preséntase este ciclo en que as figuras femininas son as protagonistas. Directoras, guionistas, produtoras, unha tentativa de amosar outra visión ou perspectiva. En La bicicleta verde, a voz oculta emerxe inmediatamente: Arabia Saudí e as prohibicións contra a muller. Las maestras de la República, Goya ao mellor documental, recupera un legado e un proxecto que moitos quixeron destruír. As producións galegas de Xisela Franco, Raquel Rei e Encarna Otero mesturan creación e temática feminina. Entrementres, o portugués Gonçalo Tocha achégase á relación da muller co mar, entendido este como lugar de traballo.  O ciclo de cinema está organizado polo Consello da Cultura Galega e o Centro Galego de Artes da Imaxe. A entrada é de balde.

Categoría: Novas
Etiquetas: