CICLO DE CINE PORTUGUÉS NO CGAI

21 / 11 / 2013

O Centro Galego de Artes da Imaxe comeza hoxe xoves día 21 de novembro (18.00 e 20.30 horas) un ciclo dedicado ao cine portugués contemporáneo coa proxección de Centro Histórico, o filme colectivo dirixido por Pedro Costa, Aki Kaurismäki, Víctor Erice e Manoel de Oliveira.  

CINE DO DESASOSEGO. PORTUGAL HOXE:
En colaboración co Festival de Cine Europeo de Sevilla, Agência da Curta Metragem e CulturArts-Filmoteca de Valencia.
 
Houbo un tempo, a comezos dos oitenta do século pasado, en que se dicía que Portugal era o país europeo con mellores cineastas por metro cadrado. A afirmación non respondía a ningunha estatística, tan só a unha mera apreciación e, como tal, esa apreciación sería perfectamente reivindicable hoxe en día. Como mostra este ciclo impulsado polo Festival de Cine Europeo de Sevilla en que se non están todos os que son, si se pode dicir que son todos os que están, pois ciclos recentes como “Cinema portugués. Hipóteses para un futuro” ou o dedicado a João Canijo xa presentaron outros moitos nomes. Algúns deles son vellos coñecidos do CGAI, cineastas aos que se lles prestou unha atención preferente nos últimos anos: Manoel de Oliveira, Pedro Costa, Miguel Gomes, João Pedro Rodrigues, Gonçalo Tocha, aínda que outros moitos (Joaquim Pinto, João Vladimiro, Salomé Lamas) non é a primeira vez que se asoman á nosa pantalla. Mais esta é tamén a mellor ocasión para darmos a coñecer a cineastas como Rita Azevedo Gomes, Margarida Gil, Tiago Pereira, Miguel Fonseca, João Rui Guerra da Mata, Sandro Aguilar ou João Nicolau. Destes dous últimos presentaranse, por exemplo, senllas sesións de curtametraxes, unha das especialidades do máis recente cinema portugués, tanto por vocación -é o caso dos citados- como por necesidade, en tanto que resposta aos problemas económicos que viviu a cinematografía lusa nos dous últimos anos. O máis sorprendente é comprobarmos como esta crise tan profunda non afectou no máis mínimo á creatividade destes cineastas. Mesmo se podería dicir que constituíu todo un acicate. A crise económica é, sen ir máis lonxe, o tema dalgunhas das mellores películas portuguesas (e mundiais) da última tempada, dende Redemption, a curtametraxe de Miguel Gomes (aínda está recente o pase de Tabú no CGAI), ata ese ensaio con forma de diario que conforma E agora? Lembra-me, de Joaquim Pinto, pasando por O Gebo e a sombra, de Manoel de Oliveira. O gran patriarca do cine portugués (e, outra vez, mundial), Oliveira, está presente por partida dobre, co seu episodio do filme colectivo Centro histórico (en que tamén participa Pedro Costa xunto a Aki Kaurismäki e Víctor Erice, dous ocasionais portugueses de adopción) e co seu segmento para a película promovida por Guimarães 2012, unha iniciativa coincidente con O fantasma do Novais, Torres e cometas ou certas curtas de Pereira, Rodrigues ou Nicolau. Foron iniciativas como Guimarães 2012 ou Estaleiro (vinculada ao Festival de Vila do Conde) as que, ao apostaren polos formatos curtos, fixeron máis levadeira a travesía do deserto en que poderían terse convertido estes anos de 2012 e 2013 de non mediar a extraordinaria capacidade dos cineastas portugueses para se adaptaren ás circunstancias máis adversas. É xusto que este sexa un dos eixes deste ciclo.

CENTRO HISTÓRICO
(Portugal, 2012)
Dirección e guión: Aki Kaurismäki, Pedro Costa, Víctor Erice e Manoel de Oliveira. Produción: Nautilus Films e Globalstone RV Films. Fotografía: Timo Salminen, Pedro Costa, Leonardo Simões e Valentín Álvarez. Intérpretes: Judite Araujo, Ventura. Duración: 96 minutos.
Catro directores –convocados polo produtor Rodrigo Areias– filman á súa maneira a cidade de Guimarães, Capital Europea da Cultura 2012. Kaurismäki fai unha lacónica traxicomedia de tasca finlandesa transplantada a Portugal. Pedro Costa recupera a Ventura, un ascensor, un soldado e a historia política do país. Erice segue na procura do tempo perdido nunha fábrica téxtil abandonada, en canto Oliveira traza agudos paralelismos entre o conquistador, prócer da patria, e os “conquistadores” do século XXI, os turistas.

Categoría: Novas
Etiquetas: