O pasado luns 23 de maio arrancou na cidade arxentina de Rosario o ciclo “Cines de Galicia”, unha actividade itinerante organizada polo Consorcio Audiovisual de Galicia, en colaboración coa Delegación do Goberno galego en Bós Aires, que levará sete películas galegas pola xeografía arxentina e chilena.

O ciclo itinerante “Cines de Galicia” confórmano os filmes de ficción galegos de recente produción A noite que deixou de chover, de Alfonso Zarauza, Celda 211, de Daniel Monzón, Pradolongo, de Ignacio Vilar, e Retornos, de Luis Avilés, o clásico O bosque animado, de José Luís Cuerda, a película de animación De profundis, de Miguelanxo Prado, e o traballo documental Eloxio da distancia, de Julio Llamazares e Felipe Vega. Todos foron seleccionados para “mostrar os diversos xéneros nos que traballa o audiovisual galego”, segundo Alejandro López Dobarro, delegado da Xunta de Galicia en Bós Aires.

O ciclo arrancou en Rosario, a capital da provincia arxentina de Santa Fé, onde se ofrece do luns 23 ao domingo 29 de maio na súa Universidade. Ao longo de 2011 outras cidades de Arxentina e de Chile coma Comodoro Rivadavia, Mar del Plata, Coronel Dorego, La Plata, Trelew, Puerto de San Xulián, Santiago de Chile, Valparaíso, Bahía Blanca e Río Gallegos ofrecerán gratuitamente, e con acceso libre, os títulos de “Cines de Galicia”. Esta iniciativa pretende contribuír á internacionalización e á difusión da imaxe dos produtos da industria audiovisual galega, e a achegalos á cidadanía arxentina e chilena.