CHANFAINA´LAB, ENCONTRO DE CINEASTAS EN SAN SADURNIÑO

4 / 09 / 2014

Os vindeiros  6 e 7 de setembro celébrase en San Sadurniño a Chanfaina’Lab, unha novidosa experiencia de creación audiovisual  colectiva que tenta poñer en valor o territorio deste pequeno concello coruñés a través dos ollos dos creadores audiovisuais galegos. A idea é simple: todos eles deberán preparar entre o sábado 6 e o domingo 7 unha peza cunha duración de entre 3 e 5 minutos tendo completa liberdade sobre o tema e o tratamento visual.. A ollada contemporánea sobre a paisaxe, a emigración, o devalar do tempo, as diferenzas paisaxísticas e sociolóxicas entre as sete parroquias que compoñen o concello, converten a San Sadurniño nun universo por descubrir e moi axeitado para debullar propostas visuais anovadoras.

O nome de chanfaina alude a unha receita tradicional dos territorios de antigos señoríos, cando as partes “nobres ” do animal entregábanselle aos Señores, mentres as vísceras e as partes mais pobres quedábanse na casa dos labregos, coas que preparaban a denominada chanfaina. A palabra chanfaina significa en realidade ” revolto de cousas diversas”. Esa precisamente é unha das súas características: acadar a harmonía a partires do diverso e do “pobre”. Moitas miradas, distintas maneiras de ver e outras tantas de tamizar a realidade dun territorio común. Que cada un busque posíbeis lecturas desta receita aplicada ao audiovisual galego ou español.

Entre os creadores que se achegarán á San Sadurniño coa súa cámara figuran  autores relevantes do audiovisual galego como Alberte Pagán, Jaione Camborda, Xurxo Chirro, Otto Roca, Xacio Baño, Marcos Nine, Angel Santos, Alfonso Zarauza, Victor Hugo Seoane, Guillermo Arias-Carvajal, Sonia Méndez, Felipe Lage, Xisela franco, Ánxela Caramés, Juan Lesta&Belén Montero, Mario Iglesias. Beli Martinez e Xose Manuel Sande, ademais de autores de Ferrolterra como Pablo Portero, Miguel Noval, Cesar Galdo, Ary López ou Brais Breijo.

O sábado pola noite no café DZINE proxéctase unha antoloxía do pezas  presentadas polos seus autores.

Este chanfaina de arrecendos, de imaxes e son gravadas na fin do verán, poderase ver no inverno na Casa de Cultura de San Sadurniño no Nadal do 2014.

Categoría: Novas
Etiquetas: