O Centro Galego de Artes da Imaxe comeza mañá martes día 18 de setembro (18.00 e 20.30 horas) a súa programación da tempada 2012/2013 coa proxección do filme italiano interpretado por Valeria Golino GIULIA NON ESCE LA SERA (2009) de Giuseppe Piccioni. O filme está encadrado dentro do ciclo comisariado por Daniel Aronica MIRADAS PERIFÉRICAS. O CINE ITALIANO DO SÉCULO XXI, que prosegue ata o día 10 de outubro.

MIRADAS PERIFÉRICAS. O CINE ITALIANO DO SÉCULO XXI
En colaboración co Centro di Studi sul Cinema Italiano (CSCI), Filmoteca de Andalucía, Filmoteca de Albacete e Filmoteca Navarra.
 
Comisariado por Daniela Aronica e en colaboración con Luce Cinecittà, o CGAI ofrece unha nova indagación no cine italiano contemporáneo.
“Que realidades, que mundos interiores, que aspiracións representan as películas que se fan hoxe en día en Italia? Quen son os seus protagonistas? Que pensan? Cal é a situación da industria cinematográfica no país transalpino? Un ciclo de cine, se ben extenso e representativo como o que –un ano máis– o Centro di Studi sul Cinema Italiano de Barcelona organiza co CGAI, non pretende contestar interrogantes de tan amplo alcance. Pero si converterse en ocasión para se reencontrar cunha produción de calidade, que a distribución marxina sistematicamente das salas. Uns poucos datos abondan para confirmalo:
-No período que vai de 2000 ata 2011 –en España– entre os 25 títulos de máis éxito cóntanse exclusivamente películas de fala inglesa e moi contadas películas españolas.
-Se falamos de cotas de mercado, Francia, Reino Unido e Alemaña sitúanse entre o 7 e o 9%; España ronda o 23% e Italia apenas supera o 2%. O resto de países da UE non chega ao 1%, sendo Estados Unidos o país que domina o mercado con máis dun 38% da cota de pantalla (2010).
-Os grandes éxitos de recadación como Toy Story 3 ou Avatar estréanse con máis de 500 copias (en Italia poden mesmo chegar a ocupar simultaneamente a terceira parte das salas existentes).
Á febleza da industria cinematográfica italiana responde, porén, a orixinalidade e profundidade das traxectorias de moitos autores coas súas apostas arriscadas (Guido Chiesa, Francesca Comencini, Giuseppe Piccioni). As imperfeccións, de as haber, tan só delatan que as súas obras son froito da intensa actividade de quen experimenta con escasos recursos e, a pesar diso, sabe chegar lonxe.
Atopámonos ante una xeración de cineastas que deixaron hai tempo de se mirar o embigo para confrontarse coa realidade e pór, se couber, o dedo na chaga (Gorbacióf, L’aria salata); que sabe mirar con descarnada lucidez cara aos momentos traumáticos da Historia recente de Italia (20 sigarette) ou representar con inquietudes socioantropolóxicas o lado escuro das provincias e das periferias (Sono stati loro, Alza la testa) ou do individuo (Giulia non esce la sera, Lo spazio bianco).
Tamén destaca, neste novo cine italiano, a tendencia á hibridación xenérica con resultados vitais, tanto no plano do discurso como no plano máis propiamente visual, aquí representados pola ópera prima Cosmonauta, a docu-fiction Sono stati loro e o documental de footage Bellissime. Non mingua, finalmente, a querenza tan tipicamente italiana pola comedia (La rivincita di natale), iso si, renovada en fondo e forma(s).
Contan, todas estas películas, con actores que bordan interpretacións difíciles de esquecer: algúns de primeira magnitude (Toni Servillo, Margherita Buy, Sergio Castellitto, Fabrizio Bentivoglio, Sergio Rubini, Valerio Mastandrea, Valeria Golino), outros debutantes que hoxe xa teñen ás súas costas unha afortunada traxectoria (Giorgio Pasotti, Michela Cescon) e moitos non profesionais pero totalmente cómodos nos seus papeis. Olladas intensas que veñen das periferias do Bel Paese e que tratan de cruzar –en ocasións como esta– as de novos espectadores”.
Daniela Aronica, comisaria do ciclo.

Martes 18 de setembro (18.00 e 20.30 horas)
GIULIA NON ESCE LA SERA    
(Italia, 2009)
Dirección: Giuseppe Piccioni. Guión: Federica Pontremoli e Giuseppe Piccioni. Produción: Lumière&Co. e Rai Cinema. Fotografía: Luca Bigazzi. Intérpretes: Valerio Mastandrea, Valeria Golino. Duración: 105 minutos.  
Guido, escritor afamado, quere descubrir que secreto se agocha no pasado misterioso da atractiva muller que coñeceu na piscina onde el está aprendendo a nadar. A auga, en cambio, semella o elemento natural de Giulia. Presente nos certames de Busamn e Toronto.  
 
Mércores 19 de setembro (18.00 e 20.30 horas)
LO SPAZIO BIANCO    
(Italia, 2009)
Dirección: Francesca Comencini. Guión: Federica Pontremoli e Francesca Comencini, sobre unha novela de Valeria Parrella. Produción: Fandango e Rai Cinema. Fotografía: Luca Bigazzi. Intérpretes: Margherita Buy, Antonia Truppo. Duración: 98 minutos.  
María, unha muller sen moita sorte no amor, queda embarazada e, a pesar de que o pai se desentende de ela,  decide ter a nena. Premiada en Venecia.

Xoves 20 de setembro (18.00 e 20.30 horas)
LA RIVINCITA DI NATALE     
(Italia, 2004)
Dirección e guión: Pupi Avati. Produción: Medusa Produzione, Duea Film e Medusa Film. Fotografía: Pasquale Rachini. Intérpretes: Diego Abatantuono, Gianni Cavina. Duración: 99 minutos.  
1986. Cinco amigos reúnense case vinte anos despois dunha partida de póquer que arruinou a un deles. Este, xa recuperado economicamente, dono de numerosas salas de cine, desexa vingarse do home que o humillu aquel día de Noiteboa, o avogado Santelia. Traxicomedia do popular director Pupi Avati planteada a modo de secuela do filme Regalo di Natale (1986).

Venres 21 de setembro (18.00 e 20.30 horas)
L’ARIA SALATA    
(Italia, 2006)
Dirección: Alessandro Angelini. Guión: Angelo Carbone e Alessandro Angelini. Produción: Bianca Filme RAI Cinema. Fotografía: Arnaldo Catinari. Intérpretes: Giorgio Pasotti, Giorgio Colangeli, Michela Cescon. Duración: 85 minutos.  
Unha atípica relación pai/fillo ten un xiro inesperado. O fillo é asistente social e axuda a persoas detidas. O pai, que o abandonou cando era un cativo, está el mesmo en prisión. Excelente xogo interpretativo entre ambos protagonistas nun relato fílmico que recibiu premios David di Donatello e pasou por festivais como Jeonju e Karlovy Vary.

Martes 2 de outubro (18.00 e 20.30 horas)
COSMONAUTA    
(Italia, 2009)
Dirección: Susanna Nicchiarelli. Guión: Teresa Ciabatti e Susanna Nicchiarelli. Produción: Fandango, Rai Cinema. Fotografía: Gherardo Gossi. Intérpretes: Claudia Pandolfi, Sergio Rubini. Duración: 85 minutos.  
1957. Luciana ten nove anos e non quere facer a comuñón porque -di- é comunista. Comunista como o seu  irmán Arturo, epiléptico cunha grande paixón polo espazo; como o seu pai, ao que por selo non se lle fixo o funeral na igrexa; e como a cadela Laika. Ao se facer grande, Luciana ha descubrir que as cousas non son como as imaxinaba, pero que soñar é aínda moito máis importante. Premiada en Venecia.

Mércores 3 de outubro (18.00 e 20.30 horas)
ALZA LA TESTA  
(Italia, 2010)
Dirección: Alessandro Angelini. Guión: Angelo Carbone, Francesca Marciano e Alessandro Angelini. Produción: Bianca Film, Rai Cinema, Alien Produzioni. Fotografía: Arnaldo Catinari. Intérpretes: Sergio Castellitto, Gabriele Campanelli. Duración: 86 minutos.  
Mero é obreiro e pai solteiro. O seu fillo Lorenzo -nado da súa relación cunha muller albanesa– é a gran razón da súa vida. E o seu maior soño é que se converta nun campión de boxeo. Esfórzase para que así sexa, mais o equilibrio cómplice entre os dous homes non durará. Premio a Sergio Castellito como mellor actor no Festival de Roma.

Xoves 4 de outubro (18.00 horas)
SONO STATI LORO    
(Italia, 2003)
Dirección: Guido Chiesa. Guión: Piersandro Pallavicini e Guido Chiesa. Produción: Fandango en colaboración con Tele +. Fotografía: Gherardo Gossi. Intérpretes: Valerio Binasco, Shirley Falchi. Duración: 50 minutos.  
21 de febreiro de 2001. A vida de Novi Ligure, pequena e tranquila cidade de provincias, muda dramaticamente: nun casa residencial dos arredores son asasinados Susy Cassini, de 45 anos, e o seu fillo Gianluca, de 12. A única sobrevivinte é Erika, a filla de 16 años de Susy e Francesco De Nardo, coñecido director dunha fábrica da zona. Horas despois, será Erika quen confese ter matado a súa nai e o seu irmán na compaña do seu mozo. A docu-fiction interroga o espectador sobre a (re)construción mediática dos feitos.

Venres 5 de outubro (18.00 e 20.30 horas)
GORBACIÒF  
(Italia, 2010)
Dirección: Stefano Incerti. Guión: Diego de Silva e Stefano Incerti. Produción: Devon Cinematografica, Surf Film, The Bottom Line, Immagine & Cinema, Teatri Uniti en colaboración con Rai Cinema. Fotografía: Pasquale Mari. Intérpretes: Toni Servillo, Mi Yang. Duración: 85 minutos.  
Marino Pacileo (cuxo alcume é Gorbaciof por mor da súa rechamante mancha na fronte) é o contador do cárcere de Poggioreale en Nápoles. Ten unha única paixón: o xogo de azar. Pola noite adoita apostar miles de euros para salvar da prostitución a Lila, a moza chinesa da que está namorado. Desesperado por gañar, subtrae unha gran cantidade de cartos da caixa da prisión, pero unha serie de perdas no xogo non lle permiten devolver a contía roubada.

Martes 9 de outubro (18.00 e 20.30 horas)
20 SIGARETTE    
(Italia, 2010)
Dirección: Aureliano Amadei. Guión: Francesco Trento, Gianni Romoli, Volfango De Biasi e Aureliano Amadei. Produción: R&C Produzioni en colaboración con Rai Cinema. Fotografía: Vittorio Omodei Zorini. Intérpretes: Vinicio Marchioni, Carolina Crescentini. Duración: 94 minutos.  
Aureliano, un mozo antimilitarista con problemas de traballo, é convocado como axudante de dirección para a realización dunha película en Irak. Trátase dunha experiencia difícil, que ata lle provoca un conflito ideolóxico. Acaba, finalmente, aceptando a oferta en contra de todos os consellos de seus amigos e familiares. Será o único sobrevivinte dun atentado sufrido en Nassirija polas tropas italianas ás que, nese tempo, coñecera baixo un prisma distinto ao habitual. Gañadora de catro David di Donatello e mais premiada en Venecia.


BELLISSIME    
(Italia, 2004)
Dirección e guión: Giovanna Gagliardo. Produción: Istituto Luce. Fotografía: Massimiliano Maggi. Duración: 125 minutos.  
Documental de montaxe de arquivo en catro capítulos (Le madri del Novecento, Donne tra passato e futuro, Penelope va alla guerra, Nessuno le può giudicare) sobre a historia da muller italiana no século XX. Plebeas e divinas, intelectuais e obreiras, todas a contribuír coa súa persoal voz a este relato colectivo. Aparicións de Monica Vitti e Anna Magnani.