Aproveitando a celebración do certame (S8) III Mostra de Cine Periférico (A Coruña, 30 e maio-3 de xuño) o CGAI programa títulos afíns, entendidos como complemento adecuado. Buenas noches, España do filipino Raya Martin (con produción española), a estrea en España do último Nathaniel Dorsky e a recuperación de traballos de mestres da vangarda como Peter Tscherkassky e o estadounidense Stan Brakhage proseguen a labor de visibilización deste material.

Mércores 30 de maio (18.15 e 20,30 horas)

BUENAS NOCHES, ESPAÑA
(España-Filipinas, 2011)
Dirección e guión: Raya Martin. Produción: Pantalla Partida, ACC, ICAA. Fotografía: Víctor Iriarte. Intérpretes: Pilar López de Ayala, Andrés Gertrúdix. Duración: 71 minutos.
O filipino Raya Martin, figura precoz (Independencia, A short film about Indio Nacional, Autohystoria) do cine mundial, filma con medios mínimos (inexistentes) unha peza experimental vertebrada arredor de catro temas básicos: amor, colonialismo (o dos españois sobre os filipinos), viaxes (de todo tipo) e metanarración (en concreto metacine). Autoproducida por novos talentos e filmada en España, con Pilar López de Ayala como protagonista, recrea toda unha tradición de cine experimental, periférico e underground que lle servirá para competir na Sección Oficial do Festival de Locarno.     

Venres 1 de xuño (18.15 horas)   
17 REASONS WHY
(Estados Unidos, 1985-1987)
Dirección, produción e fotografía: Nathaniel Dorsky. Duración: 20 minutos.
Nathaniel Dorsky, cineasta clásico da vangarda norteamericana, ten dúas grandes motivacións: as posibilidades da luz e do silencio, e a exploración dese campo de enerxía creado entre a pantalla e o espectador. Mestre da montaxe, recuperamos un traballo seu dos anos 80, nova entrega do seu universo exquisito e hipnótico. Regresamos, logo das sesións presentadas por el mesmo hai agora un ano, ao xenio único de Dorsky.  

THE RETURN
(Estados Unidos, 2011)
Dirección, produción e fotografía: Nathaniel Dorsky. Duración: 27 minutos.
Como todos os grandes cineastas da tradición experimental norteamericana, Dorsky leva adiante un universo paralelo e individual, con regras propias (16mm mudo a 18 fotogramas por segundo) enmarcado nunha sensibilidade visual de magnitudes épicas. Esta peza, estrea en España, é descrita por Dorsky como “un recordo xa perdido”. Un novo documento desa visión inconfundible, no que o mundo cotián aparece interpelado por un ollo calmo e melancolicamente cinemático que se atreve a amosarnos as cousas non como son, senón máis ben como deberían ser.

COMING ATTRACTIONS
(Austria, 2010)
Dirección, guión e produción: Peter Tscherkassky. Duración: 25 minutos.
Estruturada en varios episodios independentes, unha homenaxe do mestre Tscherkassky aos pioneiros da arte cinematográfica, que desenvolveron o coñecido como “cine de atraccións”. O autor emprega as técnicas propias da avant-garde e aplícaas a material atopado procedente de filmacións comerciais de décadas pasadas. Premio en Xixón 2010.

Sábado 2 de xuño (18.00 horas)
THE RIDDLE OF LUMEN
(Estados Unidos, 1972)
Dirección e fotografía: Stan Brakhage. Duración: 14 minutos.
A obra do cineasta estadounidense Stan Brakhage (1933-2003) ofrece a aventura da percepción. Os seus filmes achegan unha nova mirada, un xeito de comprender a realidade visual de modo diferente. Como en Dorsky, a luz, o seu movemento mesmo, é un elemento esencial. Nesta poética curtametraxe aparece un tipo de percepción interior, que o autor chamou visión hipnagóxica, aludindo ao estado que precede ao soño e ás representacións visuais emanadas de pecharmos os ollos.

THE TEXT OF LIGHT
(Estados Unidos, 1974)
Dirección e fotografía: Stan Brakhage. Produción: New York Filmmakers Cooperative. Duración: 70 minutos.
A captación da luz, esencia do mundo dos obxectos ou da materia, a través de todas as súas variacións luminosas facilita este traballo. Brakhage emprega un groso cinceiro verde para rexistrar as formas abstractas que xorden unha vez que distintas luces impactan contra o obxecto. A luz como elemento que explica o noso coñecemento do mundo, a súa influencia na emulsión fotográfica. En vez de distraernos cos obxectos que a luz axuda a recoñecermos, Brakhage conduce á espectadora, ao espectador a un nivel máis primario, un mostrario dos ritmos e tonalidades que crea. Unha anticipación dos seus filmes abstractos non fotográficos das décadas seguintes.