O CGAI PRESENTA VIKINGLAND, DE XURXO CHIRRO

27 / 01 / 2012

O Centro Galego de Artes da Imaxe proxecta mañá sábado día 28 de xaneiro (18.00 horas) Vikingland (2011) de Xurxo Chirro, título galego participante no FIDD de Marsella, un dos festivais de documental máis prestixiosos do mundo, logo presente en certames da relevancia de Mar del Plata e Xixón. Un titulo que expresa á perfección a riqueza, talento e versatilidade do panorama audiovisual galego actual. O seu autor, Xurxo Chirro presentara o filme e, ao rematar, terá un encontro co público. A entrada é gratuíta.

VIKINGLAND    
(España, 2011)
Dirección: Xurxo Chirro. Produción: Filmica Galaika. Fotografía: Luis Lomba “O Haia”. Intérpretes: Luis Lomba “O Haia”, Manuel González. Duración: 99 minutos.  
Un singular filme (galego) que obtivo recoñementos en Marsella, Mar del Plata e Gijón, o éxito creativo do ano. Detectando á perfección as tendencias creativas da mellor non ficción contemporánea, Vikingland, “idea e manipulación” a cargo de Xurxo Chirro, provén dun material acumulado alleo, produto das gravacións persoais do mariñeiro Luis Lomba ‘o Haia’, compañeiro de viaxe do pai de Chirro, e realizadas en Dinamarca e Alemaña entre outubro de 1993 e marzo de 1994. Unha inmersión moderna e rotundo cuestionamento do (suposto) atraso estético audiovisual propio, un título pletórico e inzado de humor –retranca-, Chirro plantexa unha transposición máis que libre do Moby Dick de Melville –incrusta unha estrutura narrativa dividida en capítulos- que lle permite engarzar coa mellor tradición da remontaxe, procurándolle un novo sentido ás (sorprendentes) imaxes e fundindo con sagacidade diario, epístola, ensaio e apropiacionismo, un fresco discurso sobre a condición da mirada, o efecto de representación e as consecuencias do metarrelato.

Categoría: Novas
Etiquetas: