O CGAI PRESENTA A SÚA PROGRAMACIÓN PARA OS MESES DE NOVEMBRO E DECEMBRO

31 / 10 / 2012

O Centro Galego de Artes da Imaxe presenta a súa programación correspondente aos meses de novembro e decembro.   Os ciclos que poderedes ver son:

*LUIS GARCÍA BERLANGA. Retrospectiva completa que se desenvolverá nos vindeiros meses con motivo da restauración e tirada de copias novas da filmografía do cineasta valenciano. En novembro ESA PAREJA FELIZ, a curta EL CIRCO, BIENVENIDO, MISTER MARSHALL, NOVIO A LA VISTA, CALABUCH, LOS JUEVES MILAGRO máis a mediometraxe SE VENDE UN TRANVÍA. En decembro PLÁCIDO, a longametraxe de epìsodios LAS CUATRO VERDADES, EL VERDUGO, LA BOUTIQUE, ¡VIVAN LOS NOVIOS! E TAMAÑO NATURAL.
*JOAO CANIJO. Proxección dunha selección de títulos do cineasta portugués: LOS ZAPATOS NEGROS (1998), GANHAR A VIDA (2001), NOITE ESCURA (2004) e SANGUE DO MEU SANGUE (2011), con el documental sobre le proceso de trabajo de esta última TRABALHO DE ACTRIZ, TRABALHO DE ACTOR (2011).  
*CINE E EMIGRACIÓN. Organizado co Consello da Cultura Galega. Material NO-DO, RTIERRA DE NUESTROS MAYORES (1960) de Manuel Arís, LA PUERTA DEL CIELO de Michael Cimino, ÉRASE UNA VEZ EN AMÉRICA  de Sergio Leone, NORTEADO (2009) de Rigoberto Pérezcano e a última película de Margarita Ledo, A CICATRIZ BRANCA.
*AMAL. Antoloxía de títulos deste certame de cine Euroárabe (10ª edición).  
*FÓRA DE SERIE. LEVIATHAN (2012) de Véréna Paravel e Lucien Castaing-Taylor

E as habituais sección da programación OFF GALICIA, con nomes como Abelardo Rendo, Galicieiras, Alber Ponte, Manuel Fernández-Valdés e o certame de videocreación XUVENTIDE CREA, e CGAI JÚNIOR.    

Novembro/ Decembro 2012

Programación 219

LUIS GARCÍA BERLANGA

CINE E EMIGRACIÓN

JOÃO CANIJO

FESTIVAL EUROÁRABE AMAL

FÓRA DE SERIE

OFF GALICIA

CGAI JÚNIOR

 

 

INFORMACIÓN XERAL

Todos os filmes se proxectan en versión orixinal, agás indicación contraria.

A duración dos filmes é orientadora e aproximada.

Esta programación pódese ver alterada por razóns alleas á nosa vontade.

Unha vez comezada a sesión non se permitirá a entrada á sala de proxeccións.

 

As sesións de capacidade limitada teñen reservado un número indeterminado de butacas.

As sesións sinaladas con signos de exclamación (¡!) sofren modificacións respecto dos horarios habituais.

 

PREZO DA ENTRADA

Xeral: 1’20 €

Carné Xove: 0’60 €

Aboamento para 10 sesións: 9 €

As sesións de entrada gratuíta notificaranse no programa.

A venda de entradas iniciarase 15 minutos antes de comezaren as sesións (non se venden entradas anticipadamente).

Só se venderán un máximo de dúas entradas por persoa.

 

SALA DE PROXECCIÓNS

CGAI. Durán Loriga, 10 baixo, 15003 A Coruña

Tel.: 881 881 270 Fax: 881 881 271

e-mail: programacion@cgai.org, documentacion@cgai.org

SUBTITULADO EN GALEGO

Subtitula’m S.L.

INFORMACIÓN ADICIONAL SOBRE CICLOS E FILMES

http://www.cgai.org

 

 

LUIS GARCÍA BERLANGA

En colaboración con Filmoteca Española e IVAC-La Filmoteca de Valencia.

O empeño de Filmoteca Española e IVAC-La Filmoteca de Valencia por conservar e restaurar a obra do cineasta español Luis García Berlanga (1921-2010), permite unha completa retrospectiva do seu cine, con copias nas mellores condicións, dous anos despois do seu falecemento.  

Figura esencial na historia da nosa cinematografía, Berlanga aparece, dono dun particular talante enmarcado nun medio complexo, como diplomado en realización no Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas (IIEC). Logo de asinar as fábulas de tinturas neorrealistas -derivadas da breve e fértil colaboración con Juan Antonio Bardem- Esa pareja feliz (1951) ou ¡Bienvenido, Mister Marshall! (1952), a súa produción pasa inmediatamente a un progresivo endurecemento e carácter autenticamente liberador. Pezas maxistrais como Plácido (1961) e El verdugo (1963) semellan ocultar non só outras moitas obras valiosas, senón tamén a sociedade na que se desenvolve, as dificultades permanentes coa censura e coas administracións que o levan a renunciar a infinidade de proxectos –uns 40- e a realizar en Francia Tamaño natural (1973), o máis desesperanzado dos seus títulos, narración dos amoríos entre un burgués de boa posición (o gran Michel Piccoli) e unha boneca. A supresión da censura posterior ao fin da ditadura axudou a Berlanga a construír novas e audaces metáforas da rapina humana, coa triloxía da familia aristocrática Leguineche comezada con La escopeta nacional (1978) como emblema. Sainete con doses de esperpento, enxeñoso retrato de grupo de ponderada pericia estilística, exemplificaba a desinhibición e o espírito satírico do seu autor, conformando saga histórica, éxito crítico e fenómeno sociolóxico.

Nin beato, nin moralista, nin testamenteiro do progresismo, o cine de Berlanga diseca con sumo coidado na dimensión formal –lendarios os elaborados planos secuencia que acadan o xenial en Patrimonio nacional (1980) invalidando toda acusación de desamaño formal- a mesquindade, a traizón e o desamor, ao tempo que amosa comprensión cara ao individuo, vergoñoso e entrañable. Enmascarando a súa personalidade e con extrema lucidez, el mesmo –“fanfurriñeiro negativo” en expresión de Bardem- era consciente dos seus gustos e logros. Alto, amable, contraditorio e con mellor memoria da que dicía ter, a posteridade permitirá recuperar obras magnas como a moi negra e turbadora ¡Vivan los novios! (1969) e Patrimonio nacional. A comicidade máis grosa impregna a súa produción a partir de Nacional III (1982) e os parabéns oficiais (premios Goya) chegan por medio de ¡Todos a la cárcel! (1993), despois de cumprir co seu vello proxecto sobre a guerra civil, La vaquilla (1985). A testamentaria París-Tombuctú (1999), antoloxía do seu cine e recuperación de Michel Piccoli, aínda amosaba o vigor dun gran cineasta, esbozando un itinerario irrepetible polo absurdo da existencia.

Son moitos os feitos polos que o seu cine atinxe o maxistral: o aproveitamento das tradicións culturais en sabia convivencia con elementos modernos; a asimilación de rostros e tipoloxías xenéricas populares integrados en valentes composicións corais; a singular reunión de motivos temáticos e filias; a sólida formación dun imaxinario de fantasías e mitos converxentes cos acentuados perfís do español do momento; a interrogación escéptica sobre o suxeito.   

A aparición sorprendente dunha veta de traballos dirixidos por outros emanados da súa escritura compartida con Rafael Azcona –Alla mia cara mamma nel giorno del suo cumpleanno ou Una noche embarazosa-, as colaboracións como actor, a supervisión dun proxecto atractivo (logo truncado) para TVE como Se vende un tranvía (1959), a condición de experto erotómano con consecuencias editoriais e o labor de lanzador de proxectos como El inquilino (1957) e Tenemos 18 años (1958), sitúan a Berlanga como figura esencial da nosa Historia cultural. Labores como a de profesor da Escola Oficial de Cine ou director da daquela Filmoteca Nacional, sumado a peripecias persoais propias da época que lle tocou vivir (combatente na División Azul) revelan a complexa e inesquecible dimensión de quen foi sutil oficiante do caos, un observador irónico que entendeu que o sentido tráxico da existencia (española) só podía ter, á maneira do esperpento, unha deformación subversiva das formas.  

 

EL CIRCO   

(España, 1950)

Dirección e guión: Luis García Berlanga. Produción: Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas (IIEC). Fotografía: Juan Julio Baena. Duración: 15 minutos. 

A chegada do Circo Americano a Madrid é a escusa perfecta para que un mozo Berlanga, estudante na Escola de Cine do momento, o IIEC (Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas), realice a súa práctica de fin de curso, terceiro ano, xa con experiencia como guionista para Serrano de Osma (a inacabada Cerco de ira). O cineasta valenciano gradúase -só o conseguirían desta promoción inicial á primeira tentativa el e García Maesso- con este traballo, mudo, dono dun curioso inserto metanarrativo e filmado en 16 milímetros.    

 

ESA PAREJA FELIZ   

(España, 1951)

Dirección e guión: Luis García Berlanga e Juan Antonio Bardem. Produción: Industrias Cinematográficas Altamira SL. Fotografía: Guillermo Goldberger. Intérpretes: Fernndo Fernán-Gómez, Elvira Quintillá, José Luis Ozores. Duración: 83 minutos. 

Un humilde matrimonio madrileño, Juan e Carmen, gaña un concurso patrocinado por unha marca de xabón en que se elixe a parella feliz. Ela é ama de casa e el electricista nuns estudios de cine. Non saben que acaba de comezar o seu particular calvario. Amigos desde a súa etapa no IIEC, Bardem e Berlanga debutan na longametraxe repartindo as funcións –Bardem dirección de actores, Berlanga movementos de cámara- e aplicando con sabedoría os espellos deformadores, o distanciamento mais un acentuado sentido do humor e capacidade crítica sobre a realidade do seu tempo.    

 

BIENVENIDO MISTER MARSHALL   

(España, 1952)

Dirección: Luis García Berlanga. Guión: Juan Antonio Bardem, Luis García Berlanga e Miguel Mihura. Produción: UNINCI. Fotografía: Manuel Berenguer. Intérpretes: José Isbert, Manolo Morán, Lolita Sevilla. Duración: 78 minutos. 

O alcalde de Villar del Río recibe unha notificación dos seus superiores. Unha delegación estadounidense visitará o pobo, disposta a satisfacer todas as súas necesidades. As forzas vivas conveñen en organizarlles unha calorosa acollida. Primeira longametraxe de Berlanga en solitario, un sutil e enxeñoso xogo de tradición e proveito de elementos culturais autóctonos propios (dos xéneros populares ao esperpento pasando pola participación de excelentes actores), modernidade (a especial voz omnisciente de Fernando Rey) e pegadas dos mellores modelos alleos foráneos (Capra, o neorrealismo). Presente en Cannes, premios do Círculo de Escritores Cinematográficos (CEC).       

 

NOVIO A LA VISTA   

(España, 1954)

Dirección: Luis García Berlanga. Guión: Edgar Neville, Luis García Berlanga, Juan Antonio Bardem e José Luis Colina, sobre a narración de Edgar Neville Quince años. Produción: Benito Perojo PC e C.E.A. Fotografía: Cecilio Paniagua, Sebastián Parera, Antonio Ballesteros, Miguel Milá e Ángel Ampuero. Intérpretes: Josette Arno, Jorge Vico, José María Rodero. Duración: 83 minutos. 

Anos 10. Loli é unha adolescente a quen a súa nai leva á praia de San Sebastián co secreto propósito de que a moza atope un mozo conveniente, concretamente Federico, un prometedor enxeñeiro a quen coñecen de veranear sempre nese lugar. Pero Loli está namorada de Enrique, un  mozo que vai pasar o verán preparando os exames de setembro. Filme cheo de achados formais, Berlanga amosa o seu amplo coñecemento do cine e filtra o carácter máis lúdico e fresco da súa obra, neste caso unha ben curiosa farsa antimilitarista que parte dun conflito xeracional.      

 

CALABUCH   

(España-Italia, 1956)

Dirección: Luis García Berlanga. Guión: Leonardo Martín, Luis García Berlanga, Florentino Soria e Ennnio Flaiano, sobre un argumento de Leonardo Martín. Produción: Águila Films (España) e Films Costellazione (Italia). Fotografía: Francisco Sempere. Intérpretes: Edmund Gween, Franco Fabrizzi, Valentina Cortese. Duración: 96 minutos. 

Un físico nuclear norteamericano foxe do seu país para non seguir colaborando na fabricación de bombas atómicas. Facéndose pasar por un vagabundo indocumentado e ignorante, recala en Calabuch, un pequeno lugar da costa mediterránea. Unha das poucas veces nas que Berlanga recibe un relato alleo, de Leonaro Martín, o que aproveita para mesturar o mundo pirotécnico valenciano coa comedia sentimental de Hollywood. Premio en Venecia.        

 

LOS JUEVES MILAGRO / ARRIVEDERCI DIMAS   

(España-Italia, 1957)

Dirección: Luis García Berlanga. Guión: José Luis Colina e Luis García Berlanga, sobre argumento de Luis García Berlanga. Produción: Ariel S.A. (España) e Continentale Produzione Domiziana Internazionale Cinematografica (Italia). Fotografía: Francisco Sempere. Intérpretes: Richard Basehart, José Isbert, Paolo Stoppa. Duración: 90 minutos. 

O balneario do lugar de Fuentecilla é unha ruína, non o visita ninguén. Os donos, para erguer o negocio, inventan que San Dimas apareceu no seu estabelecemento. O milagre relixioso fai que o lugar volva a encherse de clientes. Un dos filmes, dado o contexto, co argumento máis apetitoso da obra de Berlanga, enfrontado a censores e produtores, unha sátira penetrante con coprodución italiana que ten que renunciar a algunhas ideas (algunhas do seu guión El gran festival). A pericia estilística do autor seguía en crecemento. 

 

SE VENDE UN TRANVÍA   

(España, 1959)

Dirección: Luis García Berlanga e Juan Estelrich. Guión: Rafael Azcona e Luis García Berlanga. Produción: Juan Julio Baena para Estudios Moro S.A. Fotografía: Francisco Sempere. Intérpretes: José Luis López Vázquez, Antonio García Quijada. Duración: 28 minutos. 

No patio do cárcere, un dos presos conta como tentou colocar un tranvía a un rico e inculto agricultor. Episodio piloto dunha serie de 36 prevista para Televisión Española, Los pícaros, que non pasaría o corte a pesar do talento despregado e do engarce temático e formal con toda a obra do cineasta valenciano. Berlanga supervisa e axuda a un novel na dirección, Estelrich (El anacoreta), e incorpora a un colaborador fundamental, o guionista Rafael Azcona.  

 

PLÁCIDO  

(España, 1961)

Dirección: Luis García Berlanga. Guión: Rafael Azcona e Luis García Berlanga. Produción: Jet Films S.A. Fotografía: Francisco Sempere. Intérpretes: Cassen, José Luis López Vázquez. Duración: 85 minutos. 

Unhas beatas organizan unha campaña de acollida de pobres para o día de Noitevella. O lema é “Sente un pobre á súa mesa”. No medio dos preparativos encóntrase Plácido, contratado para participar co seu motocarro na cabalgata. Pero ese mesmo día vence a primeira letra do motocarro, o seu único medio de vida. Memorable fresco social, excepcional manexo da coralidade dun magno grupo de intérpretes, hiperbólico uso da expresión grotesco-esperpéntica cultural, unha mostra da profundidade e das varias capas de lectura formal e narrativa do cine de Berlanga. Finalista ao Oscar á mellor película estranxeira.       

 

LAS CUATRO VERDADES  

(España-Francia-Italia, 1962)

Dirección: Luis García Berlanga, Alessandro Blasetti, Hervé Bromberger e René Clair. Guión: Rafael Azcona, Luis García Berlanga, Alessandro Blasetti, Hervé Bromberger, René Clair e Frédéric Grendel, sobre fabulas de Jean de La Fontaine. Produción: Madeleine Films, Franco London Film (Francia), Hispamer Film (España) e Ajace Produzione Cinematografica (Italia). Fotografía: Francisco Sempere, Carlo Di Palma, Jacques Merchanton e Armand Thirard. Intérpretes: Hardy Krüger, Ana Casares, Monica Vitti, Sylva Koscina, Michel Serrault, Anna Karina, Leslie Caron, Charles Aznavour. Duración: 114 minutos. 

Filme colectivo de episodios que adapta fábulas de Jean de La Fontaine: La muerte y el leñador (Berlanga), La liebre y la tortuga (Blasetti), El cuervo y el zorro (Bromberger) e Los dos pichones (Clair). Berlanga e o seu guionista, Azcona, levan ao seu terreo a fábula e elaboran un severo retrato dunha sociedade en mutación como a española dos primeiros anos 60, ao integraren o segmento á perfección no resto da súa obra e ao se destacaren sobre os compañeiros de película.  

 

EL VERDUGO / LA BALLATA DEL BOIA    

(España-Italia, 1963)

Dirección: Luis García Berlanga. Guión: Luis García Berlanga, Rafael Azcona e Ennio Flaiano, sobre un argumento de Luis García Berlanga. Produción: Naga Films S.A. (España) e Zebra Films S.P.A. (Italia). Fotografía: Tonino Delli Colli. Intérpretes: Nino Manfredi, José Isbert, Emma Penella. Duración: 87 minutos. 

O empregado dunha funeraria casa coa filla dun verdugo. Por mor da carencia de medios e de vivenda, vese obrigado a seguir os pasos laborais do seu sogro. Axiña recibe a orde de executar  un reo. Premio da crítica en Venecia para outro feroz microcosmos de grotesco humor, creba co realismo social ao uso, libera o espazo da coralidade anterior –na procura de novos empeños- e posúe unha meticulosa e ben medida estrutura. Outra peza maxistral.         

 

LA BOUTIQUE / LAS PIRAÑAS   

(España-Arxentina, 1967)

Dirección: Luis García Berlanga. Guión: Rafael Azcona e Luis García Berlanga. Produción: Cesáreo González PC (España) e Argentina Sono Films S.A.C.I. (Arxentina). Fotografía: Américo Hoss. Intérpretes: Sonia Bruno, Rodolfo Bebán. Duración: 88 minutos. 

Ricardo é un home de negocios casado. Mentres a súa Muller, Carmen, se aburre, Ricardo divírtese coas carreiras de coches e algún ca outro flirteo. Carmen pide axuda á súa nai. Un dos filmes menos coñecido de Berlanga, preto do espírito de certa comedia italiana, unha coprodución do galego Cesáreo González con Arxentina, onde a indagación vai cara a unha das vertentes cruciais na obra seguinte de Berlanga, do varón reprimido ás conflitivas relacións home-muller e a representación de ambos a dous.   

 

¡VIVAN LOS NOVIOS!   

(España, 1969)

Dirección: Luis García Berlanga. Guión: Luis García Berlanga e Rafael Azcona. Produción: Cesáreo González PC. Fotografía: Aurelio G. Larraya. Intérpretes: José Luis López Vázquez, Laly Soldevila, José María Prada. Duración: 83 minutos. 

Leo Pozas, natural de Burgos e alto empregado de banca, chega a un lugar da Costa Brava acompañado de súa nai para se casar con Loli. A nai de Leo morre de xeito inesperado. Isto pode representar a suspensión da voda e un ano de loito, así que a parella decide ocultar o sucedido e agochar o cadáver ata despois da cerimonia. Título a recuperar, formou parte das películas que competiron na Sección Oficial de Cannes 1970. É tamén o primeiro filme en cor da súa traxectoria, unha subversión de tanta comedia desarrollista (e do landismo que comezaría a triunfar), un relato negro, coral e magnífico.   

 

GRANDEUR NATURE / TAMAÑO NATURAL / LIFE SIZE   

(Francia-Italia-España, 1973)

Dirección: Luis García Berlanga. Guión: Rafael Azcona e Luis García Berlanga. Produción: Les Productions Fox Europa, Films 66, Uranus Productions France (Francia), Verona Produzione (Italia) e Jet Films S.A. (España). Fotografía: Alain Derobe. Intérpretes: Michel Piccoli, Rada Rassimov. Duración: 101 minutos. 

Rodada en Francia e non estreada en España ata 1977, Berlanga ofrece o insólito relato dun dentista burgués (inesquecible Michel Piccoli), casado, farto do amor con mulleres -pola súa consideración de que sempre se lle pide algo en troques do amor-, decide buscar unha amante submisa. A elixida é unha boneca de plástico de tamaño natural. A soidade e a incomunicación nun filme (inesperadamente) polémico e mal entendido no seu momento, unha traxedia sen concesións nin blindaxe que ofrece algunhas das constantes que Berlanga viña desenvolvendo nos  anos previos.       

 

Agradecementos: Share Total, Video Mercury, Fernando Riera, José Luis Arbona, Arturo Marcos, Impala, Estela Films, José Antonio Hurtado, Cristina Bernáldez, Inmaculada Trull, Filmoteca de Cataluña, Joana Raja. 

 

FESTIVAL EUROÁRABE AMAL

En colaboración coa 10ª edición do Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal.

 

Co lema “Dez anos dando voz aos que son enmudecidos”, entre o 14 e o 20 de outubro celebrouse a décima edición do Festival Amal (Santiago de Compostela), certame que proxectou desde os seus comezos máis de trescentos títulos producidos ou co-producidos por países árabes. Unha selección de títulos, sobre as máis de trinta longametraxes e curtas de ficción e non ficción que concursaron na edición deste ano, permite ao espectador do CGAI gozar dunha programación singular, que vai do descubrimento da chegada da electricidade a Marrocos á inmigración europea ou o papel das mulleres nas culturas musulmás. Filmes que nos falarán dos países árabes, da súa xente, dos seus costumes e das súas preocupacións, que resaltarán o poder da amizade, do sentido do humor e das conviccións nun mundo no que tomar a palabra recobra o seu sentido orixinal: o de transformar o cine nun acto e nunha reivindicación.

 

BLAGUE À PART / (NO) LAUGHING MATTER / BROMAS APARTE

(Francia-Palestina, 2010)

Dirección: Vanessa Rousselot. Produción: Eo Productions. Fotografía: Philippe Bellaiche. Duración: 54 minutos. 

Convencida de que o humor non ten fronteiras, unha realizadora lánzase, nun periplo nada habitual, na procura do humor en Cisxordania. Chistes, comentarios políticos burlóns e anécdotas agridoces somérxena nun universo descoñecido, onde segue brillando unha chispa de esperanza e de humanidade entre as sombras do conflito.  

 

EN ATTENTE… / WAITING   

(Bélxica, 2011)

Dirección: Naël Khleifi. Produción: CBA, Sourat Films e Sindibad. Duración: 45 minutos. 

O filme narra a vida diaria da comunidade de inmigrantes indocumentados de orixe afgá que viven en Calais. Son invisibles para a sociedade, aínda que perseguidos pola policía, e convértense en auténticas sombras que se agachan nas vías do tren e nos terreos abandonados. Debut de Naël Khleifi, fillo do director palestino Michel Khleifi, premiado en Cannes. 

 

RABAT   

(Holanda, 2011)

Dirección e guión: Jim Taihuttu e Victor Ponten. Produción: Habbekrats. Fotografía: Lennart Versteggen e Alex Wuijts. Intérpretes: Nasrdin Dchar, Achmed Akkabi, Marwan Kenzari. Duración: 102 minutos. 

O periplo de tres amigos (Nadir, Abdel e Zakaria) por unha estrada. Cando un día o pai de Nadir o manda levar o seu vello taxi desde Amsterdam ata Rabat, os seus dous mellores amigos considéranse convidados. A viaxe conduciraos por Europa, pasando por España, ata a cidade marroquí. Premio á mellor longametraxe de ficción, director e actor (o trío protagonista) en Amal 2012.      

 

LE THÉ OU L’ÉLECTRICITÉ   

(Bélxica-Marrocos, 2011)

Dirección e guión: Jérôme le Maire. Produción: Iota Production. Duración: 93 minutos. 

A historia épica da chegada da electricidade a unha aldea illada no corazón do Alto Atlas marroquí. Ante a nosa mirada faise realidade a modernización implacable do lugar. Premio á mellor longametraxe documental en Amal 2012.     

 

EID   

(Palestina, 2011)

Dirección e produción: Saaheb Collective. Duración: 9 minutos. 

Eid é un beduíno que vive en Palestina Baixo a ocupación israelí e que se dedica a recoller refugallo para convertelo en arte. Unha celebración do optimismo e a integridade que enarbora a expresión artística como forma de loita. Primeiro proxecto do colectivo Saaheb. Premio á mellor curtametraxe documental en Amal 2012.  

 

HOUSE   

(Xordania-Alemaña, 2011)

Dirección, produción e fotografía: Ahmad Saleh. Guión: Ahmad Saleh e Saleh Saleh. Duración: 4 minutos. 

Durante xeracións, unha familia viviu nunha casa espazosa, bonita e acolledora. Os amigos acudían para pasar un día agradable. Ata que un día un convidado se presenta cunha intención ben distinta.  

 

PARTAGE   

(Exipto-Libia, 2010)

Dirección, guión e produción: Salah Ghuwedr. Fotografía: Evangelos Vlachakis. Intérpretes: Abduuelrahim Ettaher, Zuhra Mosbah. Duración: 11 minutos. 

Drama sen diálogos que amosa unha familia humilde que só pode mercar un único par de zapatos para os seus dous fillos. Polo camiño, unha reflexión sobre o custo da guerra para os máis débiles. 

 

SUR LA ROUTE DU PARADIS  

(Francia, 2011)

Dirección: Uda Benyamina. Guión: Uda Benyamina e Malik Rumeau. Produción: Easy Tiger. Fotografía: Michaël Capron. Intérpretes: Majdouline Idrissi, Sanna Marouk. Duración: 43 minutos. 

Leila e os seus dous fillos, Sarah e Bilal, deixaron a súa terra natal para se instalar en Francia. Sen papeis, na procura do seu marido refuxiado en Inglaterra, Leila desexa ofrecerlle á súa familia unha vida mellor na clandestinidade. Benyamina, tamén actriz e guionista de orixe siria-marroquí, prepara na actualidade a súa primeira longametraxe.   

 

LIVING IN THE NILE   

(Exipto, 2010)

Dirección e produción: Mohammad El Wassify. Duración: 10 minutos. 

Fares é pescador polo día e traballa nun barco turístico pola noite. Coa súa muller e seus tres fillos vive no río Nilo. Para eles, o Nilo o é todo.   

 

BEIRUT, BUENOS AIRES, BEIRUT   

(Qatar-Arxentina, 2011)

Dirección: Hernán Belón. Guión: Hernán Belón e Grace Spinelli. Produción: Grace Spinelli. Duración: 84 minutos. 

Grace é unha muller de orixe libanesa que vive en Bos Aires. Un día a súa tía avoa cóntalle que o seu bisavó Mohammed non morreu na Arxentina: volveu ao Líbano, o seu país de orixe. Grace decide investigar a súa vida a través dunhas cartas e do testemuño da súa tía avoa.    

 

JOÃO CANIJO

En colaboración con Cineuropa.

 

João Canijo (Lisboa, 1958) explica sempre que pode que toda a súa obra tenta ser un reflexo da realidade social do Portugal do seu tempo sen necesidade de ter que amosar todo aquilo que marca e condiciona o lugar. Referíndose en ocasións ao seu último filme, Sangue do meu sangue (2011), premio FIPRESCI en San Sebastián, Canijo escolle momentos dos seus personaxes e do tempo en que viven, porque “para dar fe dunha realidade concreta non é necesario ensinar todo para que algo fique”.Así funciona a particular idiosincrasia deste realizador, formado como asistente de dirección e director de produción en títulos de Manoel de Oliveira (A caixa; O convento) ou Wim Wenders (El estado de las cosas) e Werner Schroeter (Der Rosenkönig) rodados en terras portuguesas.

A súa primeira película, Três menos eu, bosquexa algúns dos aspectos fundamentais da súa posterior filmografía. No ámbito temático centra a atención nos diversos membros dunha mesma familia: vidas desmembradas unidas por un estilo cinematográfico que apela indistintamente á modernidade como ao clasicismo do melodrama e o folletín. En Sapatos pretos (1998) explora as diferenzas entre o campo e a cidade a partir dunha historia de vernices criminais baseada en feitos reais. Pola contra, as súas dúas películas seguintes describen con aberto ton naturalista os arrabaldes urbanos: con Ganhar a vida (2001), ambientada nos barrios baixos de París, volve ao núcleo familiar para amosar outra relación nai/fillo, e en Noite escura (2004) analiza os negocios da prostitución e as mafias rusas. Ambos e dous filmes teñen como coguionista a Pierre Hodgson, colaborador de Philippe Grandrieux en Sombre. Mal nascida e Sangue do meu sangue inciden na mesma liña, co melodrama como continente e a familia como contido.No terreo documental, Canijo realiza dous interesantes filmes. Fantasia lusitana é un traballo con material de arquivo que retrata un Portugal contraditorio durante a Segunda Guerra Mundial. Trabalho de actriz, trabalho de actor (2011) resulta algo máis que un complemento de Sangue do meu sangue, en absoluto un making off desta peza, senón un ensaio didáctico que permite ver como Canijo e os seus actores elaboran conxuntamente as características esenciais dos personaxes e da trama.O CGAI, en colaboración con Cineuropa, fai unha escolma dos seus traballos.

 

SAPATOS PRETOS    

(Portugal, 1998)

Dirección e guión: João Canijo. Produción: Paulo Branco para Madragoa Filmes e RTP. Fotografía: Mário Castanheira. Intérpretes: Ana Bustorff, Joâo Reis. Duración: 97 minutos. 

Dalila, logo de facer unha revisión médica, decide mudar de imaxe. Corta o cabelo e merca un vestido cinguido. Cadno regresa á casa, os homes da zona comezan a mirala e a se achegaren a ela. Isto provoca un conflito entre cada un deles e o seu home, un reloxeiro que pasa o día no negocio que ambos posúen nunha pequena localidade. A culpa dunha historia de celos, traizóns e asasinatos ao redor dos amores furtivos e incómodos tena Lisboa. Canijo deixa atrás a urbe definitivamente. A estratexia é intelixente: presenta Lisboa como unha sombra incómoda, un fóra de campo que marca e reconfigura o destino do lugar onde enclava a súa narrativa. A capital branca e brillante queda só na memoria, Canijo fala doutra cidade, un lugar escuro e perigoso.

GANHAR A VIDA   

(Portugal-Francia, 2001)

Dirección: João Canijo. Guión: João Canijo e Céline Pouillon. Produción: Paulo Branco para Madragoa Filmes, Gémini Films, ICAM, RTP e La Sept-Arte. Fotografía: Mário Castanheira. Intérpretes: Rita Blanco, Adriano Luz, Teresa Madruga. Duración: 115 minutos. 

A historia dunha comunidade de portugueses en Francia. Cidália perde o seu fillo máis vello nun incidente violento. Incapaz de asimilalo, decide reclamar xustiza encabezando unha marcha de mulleres á comisaría, pero alí descobre que a bala que matou ao seu fillo non foi disparada pola policía. A protesta, televisada, atrae a atención sobre unha comunidade que non desexa expoñerse publicamente polo que, como Antígona, Cidália desafía en simultaneo a lei do silencio da súa comunidade e a lei a secas. Tal e como lembra o crítico Augusto M. Seabra este é o filme co que Canijo comezou a se definir como un director especificamente portugués, un sinal de identidade arraigado en toda a súa produción, unha inxente observación da realidade lusa. 

 

TRABALHO DE ACTRIZ, TRABALHO DE ACTOR    

(Portugal, 2011)

Dirección: João Canijo. Produción: Pedro Borges para Midas Filmes. Fotografía: João Canijo, Patrick Mendes, Mário Castanheira e Mayanna von Ledebur. Intérpretes: Rita Blanco, Anabela Moreira. Duración: 84 minutos. 

Entre setembro de 2008 e abril de 2010, Rita Blanco, Anabela Moreira, Vera Barreto, Cleia Almeida, Rafael Morais, Marcello Urgeghe, Beatriz Batarda, Nuno Lopes, Teresa Madruga, Wilma de Brito e João Canijo –elenco e director de Sangue do meu sangue– traballaron xuntos na creación dos personaxes, a historia e o guión do que un día se convertería na nova película de Canijo. As longas xornadas de debate, discusión, ensaios, os diálogos inventados, anotados, borrados, reescritos: todo está aquí, incluídas, na súa forma final, tres das escenas principais de Sangue do meu sangue. O rexistro minucioso de métodos e procesos creativos permite iluminar en dúas direccións a comprensión da película: o traballo dos intérpretes e o do cineasta mesmo. 

 

SANGUE DO MEU SANGUE   

(Portugal, 2011)

Dirección e guión: João Canijo. Produción: Pedro Borges para Midas Filmes. Fotografía: Mário Castanheira. Intérpretes: Rita Blanco, Anabela Moreira. Duración: 191 minutos. 

Un documental, unha versión para televisión de tres episodios, unha versión fílmica (máis breve: 140 minutos); con Sangue do meu sangue Canijo crea un mundo enteiro. Un microcosmos familiar cheo de singularidades: unha muller que sostén a súa familia; unha filla comprometida en matrimonio que se namora dun home máis vello; un fillo pequeno sometido ás drogas. Unha sucesión de feitos cotiáns e de aparencia melodramática que Canijo sabe resolver. Embarazos non desexados, relacións case incestuosas, fillos ilexítimos, infidelidades, amores non correspondidos. Canijo presenta a superación da telenovela, o culebrón ou a soap opera por medio da súa destreza formal, mestre do fóra do campo, dono dunha cámara áxil, móbil, capaz de corresponder ao axitado da trama.   

NOITE ESCURA   

(Portugal, 2004)

Dirección: João Canijo. Guión: Pierre Hodgson, Mayanna von Ledebur e Joâo Canijo. Produción: Paulo Branco para Madragoa Filmes e Gémini Films. Fotografía: Mário Castanheira. Intérpretes: Rita Blanco, Beatriz Batarda. Duración: 94 minutos. 

Despois da súa experiencia francesa en Ganhar a vida, João Canijo regresa ao Portugal profundo. O clásico de Eurípides, Ifigenia en Áulide, é trasladado a unha “casa de alterne”, unha mestura de cabaret e prostíbulo. O dono do estabelecemento, o home da propietaria, vese forzado a saldar unha débeda coa mafia rusa –organización que no filme non só trafica con mozas do leste en Portugal, senón que tamén exporta mulleres portuguesas a España– e entrega a súa filla menor á escravitude e á prostitución. Sen denuncia nin lastre moral, Canijo crea unha atmosfera de ignorancia e sordidez como resposta imaxinativa á traxedia clásica, un limbo que anestesia os protagonistas contra a brutalidade e o horror. Unha catarse final engade complexidade ao asunto.

 

Agradecementos: Joâo Canijo, Midas Filmes, Instituto Camôes. 

 

CINE E EMIGRACIÓN

Organizado co Consello da Cultura Galega.

 

Ciclo promovido polo Consello da Cultura Galega co fío condutor das relacións cine-emigración e dous epicentros ben sinalados. Por unha banda, recollemos o apuntamento histórico autóctono facilitado a través das imaxes do NO-DO –un documental, Aires de mi tierra (1958) e unha nova sobre emigrantes en Vigo-, rexistro acaparador da imaxe documental no período da ditadura franquista, ou da longametraxe Tierra de nuestros mayores (1960), do pontevedrés afincado en Uruguai Manuel Arís, emblema do documento da emigración ou material de correspondencia cinematográfica galega destinado ao público residente en Latinoamérica. A última película de Margarita Ledo, A cicatriz branca (2012), contribúe a recuperar de xeito fascinante as pisadas, xestos, ecos e lugares dos fluxos migratorios galegos na Arxentina mesturando sabiamente ficción e fondo documental.

O outro motor deste ciclo pasa polo desprazamento físico, antropolóxico e vivencial aos Estados Unidos. Un filme premiado en Rotterdam e San Sebastián, Norteado (2009) de Rigoberto Pérezcano ou o percorrido sobrevivente desde México, e mais senllas pezas de culto que acaban de exhibir respectivamente a súa versión completa e a restaurada en prestixiosos certames (Venecia; Cannes e Locarno): La puerta del cielo (1980) de Michael Cimino e Érase una vez en América (1984) de Sergio Leone. O filme de Cimino, fermosa e poética superprodución, conducía á creba á United Artists ao tempo que era dolorosamente mutilado. Ofrece un relato que socava a idealización de Estados Unidos como terra de promisión co retrato do inmigrante (neste caso da Europa do Leste) entendido como paria e/ou chibo expiatorio. En Érase una vez en América, o inmigrante, aquí de orixe hebrea, aparece caracterizado de xeito complexo, abocado tantas veces á figura do arribista, o delincuente ou o home de negocios.  Leone, último filme da súa coherente traxectoria, finalizaba a ambiciosa triloxía “Once upon a time” -despois de Hasta que llegó su hora (1968) e ¡Agáchate, maldito! (1971)- cun retablo completo e memorable do século XX.  

 

Noticiario 930 A   

(España, 1960)

Dirección e produción: NO-DO. Duración: 1 minuto. 

Imaxes de emigrantes en Vigo.  

 

AIRES DE MI TIERRA   

(España, 1958)

Dirección: Alberto Carles Blat. Produción: NO-DO. Fotografía: Ismael Palacio. Duración: 10  minutos. 

O emigrante percorre Galicia logo dunha longa ausencia. Vistas e percorridos pola Coruña ou Santiago de Compostela.  

 

TIERRA DE NUESTROS MAYORES   

(España, 1960)

Dirección: Manuel Arís. Guión: Germán Fernández Fraga. Produción: Hispanoamericana Cine Producción. Fotografía: Luis Galán de la Tierra. Intérpretes: Amalia Sánchez Ariño. Duración: 79 minutos. 

O fillo que chega rico de América para visitar a nai. A anécdota serve para unha viaxe polas vistas, espazos, modos de vida e paisaxes de Galicia. O pontevedrés Manuel Arís filma outro dos seus títulos para goce da emigración radicada en Latinoamérica, un material histórico.   

 

HEAVEN’S GATE / LA PUERTA DEL CIELO    

(Estados Unidos, 1980)

Dirección e guión: Michael Cimino. Produción: United Artists. Fotografía: Vilmos Zsigmond. Intérpretes: Kris Kristofferson, Isabelle Huppert, Christopher Walken. Duración: 216 minutos. 

En 1870, dous amigos, Averill e Irvine, conclúen os seus estudos en Harvard. Vinte anos despois, Averill é xerife federal e Irvine, alcoholizado, é membro dunha asociación involucrada nun conflito social e de terras con agricultores de orixe europea. O éxito d’El cazador (1978) fixo do director Michael Cimino (1939) un cineasta mimado e concedeulle unha enorme liberdade creativa para o seu seguinte filme. Western lírico e conmovedor que convén rehabilitar, unha rodaxe de catro meses e medio derivou en 220 horas de celuloide, un custo enorme, unha montaxe inconexa e un fracaso económico que levou á morte da United Artists e de parte do espírito do Novo Hollywood. Recuperación da montaxe do director cun elenco brillante, que, para alén dos protagonistas, inclúe a John Hurt, Sam Waterston, Brad Dourif, Joseph Cotten, Jeff Bridges ou Geoffrey Lewis. 

 

C’ERA UNA VOLTA IN AMERICA / ONCE UPON A TIME IN AMERICA / ÉRASE UNA VEZ EN AMÉRICA    

(Estados Unidos-Italia, 1984)

Dirección: Sergio Leone. Guión: Leonardo Benvenuti, Piero di Bernardi, Enrico Medioli, Franco Arcalli, Franco Ferrini e Sergio Leone, sobre a narración de Harry Grey The Hoods (1953). Produción: Arnon Milchan para The Ladd Company. Fotografía: Tonino Delli Colli. Intérpretes: Robert de Niro, James Woods, Elizabeth McGovern. Duración: 229 minutos. 

A curta e estimulante filmografía de Sergio Leone (1929-1989) remata con este proxecto. En estado de xestación desde 1967 -logo de que pasaran polo proxecto xentes tan heteroxéneas como Norman Mailer, John Milius, Gérard Depardieu ou Jean Gabin- a rodaxe comezaría por fin en xuño de 1982. Fresco total do século XX, a historia dun grupo de rapaces de orixe hebrea que acaban por se tornar na época da lei seca nunha importante banda criminal. A banda sonora do maxistral Morricone, o sólido e conxuntado reparto (Tuesday Weld, Burt Young, Joe Pesci, Danny Aiello, Treat Williams, William Forsythe, Jennifer Connelly), o sentido épico e poético de Leone contribúen a recuperar este filme maxistral recibido no seu momento de xeito desigual.   

 

NORTEADO   

(México-España, 2009)

Dirección: Rigoberto Pérezcano. Guión: Edgar San Juan e Rigoberto Pérezcano. Produción: Tiburón Filmes e Mediapro. Fotografía: Alejandro Cantú. Intérpretes: Harold Torres, Alicia Laguna, Sonia Couoh. Duración: 95 minutos. 

Andrés chega á fronteira de México con Estados Unidos. En Tijuana descobre as dificultades da cidade e do pase dun país a outro. Minimalista e contida, Pérezcano nos afasta da denuncia inane ou da épica gratuita para conferirlle dignidade e autenticidade aos seus protagonistas. Premios nos certames de Rotterdam e San Sebastián.       

 

A CICATRIZ BRANCA   

(España, 2012)

Dirección e guión: Margarita Ledo. Produción: Nós P.C., Haddock Films e CRTVG. Fotografía: Pablo Cayuela. Intérpretes: Eva Veiga, Xabier Deive. Duración: 92 minutos. 

Na primeira metade  do século XX, milleiros de mulleres saíron saoas de Galicia cara a América. Moitas delas eran ilegais, con papeis que falsificaban a súa idade e mesmo a súa identidade. Historias ordinarias como a de Merce, destinada a servir e, entre lusco e fusco, despedida. Pasa tres días na Estación Constitución onde a sú vida entrenza coa de outras migrantes. A partir do real documental, un filme galego mosaico e palimpsesto capaz de agrupar materiais de diversa procedencia –incluso unha novela, Porta blindada, da propia cineasta- e de relacionar de xeito sutil uns elementos ou pezas con outras (imaxes, xestos, ton, espazos, música, lus, sons).

 

Agradecementos: Margarita Ledo, Silvia Roca.

 

 

FÓRA DE SERIE

 

LEVIATHAN    

(Estados Unidos-Gran Bretaña-Francia, 2012)

Dirección e fotografía: Lucien Castaing-Taylor e Véréna Paravel. Produción: Arrête ton Cinéma. Duración: 87 minutos. 

Fusión de talentos do cine moderno, Véréna Paravel (Foreign parts) e Lucien Castaing-Taylor (Sweetgrass) firman un fascinante itinerario inspirado por Moby Dick. Ambos fanse á mar nun barco pesqueiro é o resultado é unha experiencia sensorial inesquecible. Premio FIPRESCI e mención especial en Locarno. 

 

OFF GALICIA

 

SULFATO   

(España, 2008)

Dirección e guión: Abelardo Rendo. Produción: Pepón Tallón, Fernando Lema e Abelardo Rendo. Fotografía: Paco Rocha. Intérpretes: Berta Barcia, Xandre Rendo. Duración: 7 minutos. 

Unha historia sobre as nais, sobre a importancia das cousas pequenas, eses anaquiños de maxia que nos regala a vida de cando en vez, que nos dan folgos e que nos debuxan un sorriso para continuar.   

 

O MARCO   

(España, 2010)

Dirección e guión: Abelardo Rendo. Produción: Senunpeso Producións Audiovisuais. Fotografía: Paco Rocha. Intérpretes: Antonio Vázquez, Fina Guitián. Duración: 8 minutos. 

Os marcos indican o sentido da propiedade e derivan en ocasións en fonte de disputas. Unha pequena historia localizada no mundo rural galego. 

 

MPH MANN   

(España, 2011)

Dirección e guión: Abelardo Rendo. Produción: Pepón Tallón, Fina Guitián e Abelardo Rendo. Fotografía: Gonzalo Suárez e Fernando Lema. Intérpretes: . Duración: 61 minutos. 

“Película documental sobre a carreira máis antiga, rápida, famosa e perigosa do mundo do motociclismo: o TT da Illa de Man. Seguimos ao piloto almeriense Antonio Maeso na súa participación no TT 2010. Facemos un repaso á historia desta mítica carreira. Indagamos no porqué de que cada ano os pilotos se xoguen a vida nesta proba motociclista” (Abelardo Rendo).

 

Pezas gañadoras CONCURSO XUVENTUDE CREA 2012    

(España, 2012)

Dirección: Alexandre Martínez, Clara Elisa Sobrino, Estela Rodriguez e Olalla Castro. Duración: 29 minutos. 

Proxección das pezas premiadas no concurso Xuventude Crea 2012, categoría videocreación, organizado pola Xunta de Galicia. As pezas premiadas son: Súper 8 (1º premio) de Alexandre Martínez; A costureira (2º premio) de Clara Elisa Sobrino; A incrible historia de Santi Pingüin (3º premio) de Estela Rodríguez e Arrevoa os meus cabelos (3º premio ex aequo) de Olalla Castro.        

 

TRADUCID MALDITOS!   

(España-Arxentina-Gran Bretaña, 1994-2012)

Dirección e produción: Galicieiras, Henry Butcher e Charlie Behrens. Duración: 57 minutos. 

GALICIEIRAS (Lochos & José Luis Ducid) xestionaron a presenza de dous mozos realizadores británicos no CGAI, Henry Butcher e Charlie Behrens -fillo do escritor e pintor londiniense Tim Behrens, afincado na Coruña desde hai 25 anos-, para presentar conxuntamente unha serie de pezas audiovisuais relacionadas coa íntima necesidade de resemantizar o pasado. De volver… (aínda sabendo que se trata dunha viaxe imposible). Para tentar conseguilo sérvense da reciclaxe de distintos formatos reivindicando a imperfección, o pestanexar, a interferencia, como expresión fidedigna da memoria. Os subtítulos, claves nesta sesión, son entendidos a nivel formal como parte constituínte do encadre máis aló da súa función evidente. Chama a atención en Traducid, malditos! que, malia a diferenza de idades e procedencias, os catro coincidan en tan amistosa, nostálxica e, á vez, moderna chiscadela.

Sesión formada polos traballos:

How to be born human and become as an argentinian (Arxentina-España, 1994-2012) de Galicieiras. Vídeo. 38′.

Acoustic Memory (Gran Bretaña, 2012) de Henry Butcher. Súper 8. 5′.

Digital Switchover (filename: TV Face Test) (Gran Bretaña, 2012) de Charlie Behrens. Vídeo. 2′.

Split (Gran Bretaña, 2012) de Charlie Behrens. Súper 8. 2′.

Cartoons In Love (Gran Bretaña, 2012) de Charlie Behrens. Súper 8. 2′.

Do you want to See? (Gran Bretaña, 2012) de Charlie Behrens. Vídeo. 3′.

Algorithmic Architecture (Gran Bretaña, 2012) de Charlie Behrens. Vídeo. 3′.

Blink A Coruña (España-Gran Bretaña, 2011) de Charlie Behrens. Súper 8. 2′.

 

DEMASIADO LEJOS   

(España, 2010)

Dirección e guión: Alber Ponte. Produción: Producciones Sierra Madre. Fotografía: Roberto San Eugenio. Intérpretes: Celia Guerrero, Zack Eisaku. Duración: 20 minutos. 

Nas illas Filipinas de finais do século XIX, Salu, un nativo que malvive traballando nas terras dun terratenente español, visita a Irmá Águeda para pedirlle un gran favor.

 

ME LLAMO RAMA   

(España, 2011)

Dirección e guión: Alber Ponte. Produción: Producciones Sierra Madre. Fotografía: Roberto San Eugenio. Intérpretes: Fran Grela, Camila Bossa, Mabel Rivera, Xosé Manuel Olveira «Pico». Duración: 30 minutos. 

Luísa visita a seus pais, residentes nunha pequena vila próxima a Santiago de Compostela, coa intención de presentarlles a súa parella. O que eles aínda non saben é que o mozo da súa filla é Rama, un hindú sikh.

 

YOU KNOW WHERE I AM   

(España, 2012)

Dirección e guión: Alber Ponte. Produción: Producciones Sierra Madre. Fotografía: José Luis Solomón. Intérpretes: Isabel Peris Jensen, Alfonso Barquero, Alber Ponte, Celia Guerrero. Duración: 9 minutos.

Mary e Jimmy son irmáns e viven á beira dun gran río que cruza Carolina do Norte (Estados Unidos). Ela quere vivir con el para sempre. Con música de Sergio Pena, a curtametraxe ten a súa estrea en España.  

 

LOS PÁJAROS PERDIDOS   

(España, 2012)

Dirección e guión: Alber Ponte. Produción: Producciones Sierra Madre e Producciones Guanabacoa. Fotografía: Roberto San Eugenio. Intérpretes: Manuel Botana, Celia Guerrero, Gustavo Salmerón. Duración: 14 minutos. 

Sebastián é un home maior que padece Alzheimer. Elena é unha muller cunha abafante vida privada, e que, entre outras cousas, traballa coidando de Sebastián. Ambos os dous son paxaros perdidos.Estrea. 

FRAGA Y FIDEL SIN EMBARGO   

(España, 2012)

Dirección e guión: Manuel Fernández-Valdés. Produción: Bambú Producciones. Fotografía: Carlos Vásquez e Enrique Baró. Duración: 98 minutos. 

“En 1992, o gobernante cubano Fidel Castro viaxou a Galicia (España) e visitou a casa na que nacera o seu pai. Daquela o presidente galego era Manuel Fraga, ministro durante a dictadura de Franco. Fraga recibiu a Castro con grandes honores e lle preparou unha axenda cargada de paseos, homenaxes e celebracións. A pesar dos supostos contrastes, ambos pasaron dous días xuntos. Esta película é unha viaxe persoal a través desas cuarenta e oito horas. Dúas ideas principais recorren a película. Unha é a revisión do tópico que plantea o encontro entre ambos gobernantes como exemplo de ‘violentos contrastes’. Durante os dous días que durou a festa pop que Fraga preparou a Castro só se observaron ‘violentas identificacións’. A outra ten que ver co papel da sociedade no acontecemento e a evidencia de que todos os reis teñen a súa corte” (Manuel Fernández-Valdés, autor tamén do singular documental Manuel y Elisa).

 

CGAI JÚNIOR

 

CUENTOS DE CANADÁ   

(Canadá, 1966-1988)

Dirección e guión: Gayle Thomas, Les Drew, Co Hoedeman, Grant Munro e Ron Tunis. Produción: National Film Board. Duración: 50 minutos. 

Escolma de curtametraxes producidas polo prestixioso National Film Board de Canadá en que podemos encontrar historias moi diferentes realizadas con técnicas moi singulares onde a experimentación se une á fantasía. Versión castelá. A partir dos tres anos.

As pezas proxectadas son as seguintes:

*El niño y la oca (1984) de Gayle Thomas. Un día de primavera, un neno encóntrase unha gansa ferida. Cúraa, cóidaa e dálle de comer. Fanse moi amigos e pasan todo o verán xogando, pero co frío do outono a gansa inicia a súa migración. Duración: 11 minutos.

*La flauta mágica (1977) de Gayle Thomas. Un rapaz encontra unha frauta e comeza a xogar con ela. Acontecen cousas marabillosas. Empréstalle o instrumento a outros pequenos e a maxia continúa ata que un neno lla arrebata a outro con malicia. A frauta daquela comeza a facer cousas raras. Duración: 8 minutos.

*Dayoh, Donna y Dee Dee (1988) de Les Drew. Simpática historia de como Doris co seu enxeño logra salvar os seus tres gatos dun forte temporal e confirmar aquilo de que despois da tormenta sempre chega a calma. Duración: 10 minutos.

*La caja animada (1989) de Co Hoedeman. Historia do gañador dun Oscar Co Hoedeman, en que un debuxante dá vida á súa creación e nos convida a coñecer e gozar mundos máis amplos. Duración: 11 minutos.

*Animales en movimiento (1966) de Grant Munro e Ron Tunis. Un rapaz descobre que non pode competir cun mono, unha serpe ou un cabalo imitando o modo en que se moven. Duración: 10 minutos.

 

ARTHUR CHRISTMAS: OPERACIÓN REGALO   

(Gran Bretaña, 2011)

Dirección: Sarah Smith e Barry Cook. Guión: Peter Baynham e Sarah Smith. Produción: estudos Aardman. Duración: 100 minutos. 

Santa Claus cre que o seu reinado está próximo á súa fin e que lle chega a hora de se xubilar. Confía en que seu fillo Steven, que é moi eficiente e responsable, aínda que non moi alegre, estea preparado para tomar o relevo de contado. Non obstante, ese Nadal xorde un problema: un dos 600 millóns de nenos aos que había que visitar queda sen o seu agasallo. Comedia de acción e aventuras escrita por Peter Baynham (Borat) e producida polos estudos Aardman, responsables de títulos como Wallace&Gromit ou Evasión en la granja. Versión castelá. A partir dos seis anos. 

Categoría: Novas
Etiquetas: