O CGAI COMEZA UN CICLO DEDICADO AO CINEASTA MATÍAS PIÑEIRO

9 / 11 / 2011

O Centro Galego de Artes da Imaxe comeza mañá xoves día 10 de novembro o ciclo dedicado ao cineasta arxentino Matías Piñeiro (Buenos Aires, 1982). A presentación das películas deste mozo cineasta de orixe galega acompáñase dunha Carta Branca para a que Piñeiro seleccionou catro títulos, tres de eles firmados por compañeiros xeracionais (Santiago Palavecino, Gonzalo Castro e Alejo Moguillansky) e outro, dun inequívoco referente, Eduardo de Gregorio, outro bonaerense, non por casualidade, guionista de Rivette.

Matías Piñeiro presentará tres das súas películas e un dos títulos da Carta Branca, todos os días (15, 16, 17 e 18 de novembro, sesión das 20.45 horas, entrada gratuíta) da vindeira semana.    

MATÍAS PIÑEIRO / CARTA BRANCA:
Nado en Buenos Aires en 1982 e con orixes familiares na provincia de Lugo, Matías Piñeiro é un dos máis destacados directores da última xeración do Novo Cine Arxentino. O movemento que se fraguou no cambio de século, e que deu a coñecer internacionalmente os nomes de Pablo Trapero, Lisandro Alonso ou Lucrecia Martel, non deixou de renovarse cunha avalancha de novos directores que fan da cinematografía arxentina unha das máis vivas e estimulantes do panorama mundial. Nestes últimos anos a renovación concretouse en torno a dous polos. Dun lado as películas de Pampero Cine, a produtora de Mariano Llinás (Historias extraordinarias, vista no CGAI en 2010); do outro, unha das escolas de cine máis prestixiosas de toda Latinoamérica, a Universidad del Cine (FUC), que rematou por revelarse como unha canteira inesgotable de cineastas, actores e técnicos. Cabe entender A propósito de Buenos Aires (2006) como un manifiesto da nova xeración de graduados na FUC, unha película cofirmada en conxunto por once directores máis que unha película composta por once episodios independentes. Un deses directores era Matías Piñeiro que, un ano despois, presentaba no Bafici El hombre robado (2007), singular ópera prima chea de referencias literarias inusuais no cine arxentino (en particular Domingo Faustino Sarmiento) e xogos metanarrativos que poderían lembrar vagamente o cine de Jacques Rivette. Este sorprendente debut anticipa de forma moi clara Todos mienten (2009, presentada de novo no Bafici e Locarno), unha parábola sobre a historia arxentina que encerra aos seus personaxes nunha quinta e que non oculta as súas influencias teatrais, que todavía serán máis perceptibles en Rosalinda (2010), mediometraxe que forma parte do Jeonju Digital Project de aquel ano e na que Piñeiro participou xunto a outros dous directores americanos, Denis Cotê e James Benning. Segundo declara o propio Piñeiro, Rosalinda quere ser o primeiro duns traballos en torno a unha serie de personajes de Shakespeare, proxecto no que está embarcado nestes momentos. A presentación das películas deste mozo cineasta de orixe galega acompáñase dunha Carta Branca para a que Piñeiro seleccionou catro títulos, tres de eles firmados por compañeiros xeracionais (Santiago Palavecino, Gonzalo Castro e Alejo Moguillansky) e outro, dun inequívoco referente, Eduardo de Gregorio, outro bonaerense, non por casualidade, guionista de Rivette.

Xoves 10 de novembro (18.00 horas)
OTRA VUELTA    
(Arxentina, 2005)
Dirección e guión: Santiago Palavecino. Produción: Sigma Cine. Fotografía: Fernando Lockett. Intérpretes: José Ignacio Marsiletti, Valentina Bassi. Duración: 80 minutos.  
Otra vuelta foi a miña primeira experiencia cinematográfica no sentido máis concreto del término: con moi pouca experiencia, sendo asistente de dirección, puiden enfrontarme de preto a como unha película de baixo orzamento se leva a cabo desde a preprodución ata a súa estrea e percorrido por festivais. Santiago Palavecino é un director que procura, onde non o fixeron tantos, unha sensibilidade especial. É sempre un excelente receptor no desenvolvemento das miñas películas, que moito antes de estar escritas sobre un papel, narrábanlle oralmente dun xeito caótico e fragmentario. É un guía e apoio fiel para a posta en camiño das miñas películas”(Matías Piñeiro).
 
Xoves 10 de novembro (20.45 horas)
INVERNADERO    
(Arxentina, 2010)
Dirección, guión e fotografía: Gonzalo Castro. Produción: Unacorda. Intérpretes: Mario Bellatín, Marcela Castañeda. Duración: 92 minutos.  
“Nesta película, Gonzalo Castro retrata dun modo que me intriga ata a data a un grupo de persoas que admiro moitísimo. Sorte de artesán do cine, este director ao que tamén admiro como escritor e editor literario, traballa en soidade na realización das súas películas, poñendo en evidencia que o cine pode saírse das formas máis burocráticas nas que adoita acomodarse. O escritor Mario Bellatín, protagonista deste filme, é unha fonte de inspiración para a escritura dalgunhas das miñas películas. Penso que a súa literatura pode axudar ao cine a ser mellor do que é” (Matías Piñeiro).

Venres 11 de novembro (18.00 horas)
SÉRAIL    
(Francia, 1976)
Dirección: Eduardo de Gregorio. Guión: Michael Graham e Eduardo de Gregorio. Produción: Filmoblic, INA e Open Films. Fotografía: Ricardo Aronovich. Intérpretes: Leslie Caron, Bulle Ogier, Marie-France Pisier. Duración: 83 minutos.  
“Eduardo de Gregorio pertence a unha xeración de cineastas cinéfilos arxentinos emigrados nos anos 60, á que me sinto particularmente próximo. Intercambiamos as nosas películas a través de Santiago Palavecino e Edgardo Cozarinsky, e desde ese momento, mantemos unha relación Buenos Aires-París de admiración e aprendizaxe. Guionista de Jacques Rivette e Bernardo Bertolucci, entre outros, as súas películas como director permanecen algo demasiado ocultas para a xeración de mozos cineastas do meu país. A súa fermosa preocupación polo xogo, o tempo e o encadre é expresión do cine que máis disfruto. Por momentos, sinto estar pisando ou quizáis desexando pisar sobre as súas pegadas” (Matías Piñeiro).

Venres 11 de novembro (20.45 horas) e martes 15 de novembro (18.00 horas)
A PROPÓSITO DE BUENOS AIRES    
(Arxentina, 2006)
Dirección: Matías Piñeiro, Manuel Ferrari, Alejo Franzetti, Martín Kalina, Cecilia Libster, Francisco Pedemonte, Clara Picasso, Juan Ronco, Andrea Santamaría, Malena Solarz e Nicolás Zukerfeld. Guión: Matías Piñeiro, Manuel Ferrari, Alejo Franzetti, Martín Kalina, Cecilia Libster, Francisco Pedemonte, Clara Picasso, Juan Ronco, Andrea Santamaría, Malena Solarz, Nicolás Zukerfeld, Daniela Ale, Marina Califano, Hernán Hevia e Martín Lapissonde. Produción: Universidad del Cine. Fotografía: Fernando Lockett. Intérpretes: María Abadi, Mariana Chaud. Duración: 80 minutos.  
Experiencia de filme colectivo con todas as súas consecuencias a cargo de alumnos da Universidad del Cine, entre eles Matías Piñeiro. Unidade no fragmentarismo, anonimato nas diversas partes (cinco: trampas, cartos, deserto, luces, mortos), montaxe de Alejo Moguillansky nun relato cheo de ideas, capaz de amosar outro Buenos Aires e de dialogar co seu pasado.      

Martes 15 de novembro (20.45 horas) e mércores 16 de novembro (18.00 horas)
EL HOMBRE ROBADO    
(Arxentina, 2007)
Dirección e guión: Matías Piñeiro, sobre textos de Domingo F. Sarmiento e J.M. de Rosas. Produción: Pampero Cine e Universidad del Cine. Fotografía: Fernando Lockett. Intérpretes: María Villar, Romina Paula. Duración: 90 minutos.  
Mercedes traballa nun museo e Leticia noutro situado enfronte. Leticia decide entre Pablo e Andrés. Escolle a éste último. Mercedes quere deixar a Leandro pero é incapaz. Porén, escolle entre os obxectos do museo (de Música) e os cambia por outros. O seu mozo vende os orixinais nalgunha feira de San Telmo. En correspondencia coa trama, unha audaz narración de cruces, desencontros e traspasos, que remite na súa lograda posta en escea a Rivette ou Godard. Unha ópera prima na que o anacronismo deliberado e o romantismo amosan a súa utilidade estética.     

Mèrcores 16 de novembro (20.45 horas) e xoves 17 de novembro (18.00 horas)  
TODOS MIENTEN    
(Arxentina, 2009)
Dirección e guión: Matías Piñeiro. Produción: Alta Definición. Fotografía: Fernando Lockett. Intérpretes: Romina Paula, María Villar. Duración: 75 minutos.  
Un grupo de mozos instálase nunha casa illada da civilización. Un deles escribe unha novela mentres outros tentan  convertirse nunha banda de ladróns. Algúns namóranse, outros cren ou din facelo. Con sentido de humor e sutís recursos lúdicos, as tramas comezan a superpoñerse. Vitalista, de linguaxe depurada, afondando nas posibilidades do plano-secuencia, un título brillante.    

Xoves 17 de novembro (20.45 horas) e venres 18 de novembro (18.00 horas)
ROSALINDA    
(Arxentina-Corea do Sul, 2011)
Dirección e guión: Matías Piñeiro. Produción: Jeonju International Film Festival (Corea) e Universidad del Cine e Revolver Films. Fotografía: Fernando Lockett. Intérpretes: María Villar, Agustina Muñoz. Duración: 40 minutos.  
O Festival de Jeonju organiza cada ano o Jeonju Digital Project con tres directores elaborando una peza que constitúe unha longametraxe colectiva. Piñeiro cadra con Denis Côté e James Benning e realiza este persoal achegamento a Shakespeare. Nunha illa do Tigre, a crónica dos ensaios dunha representación teatral de Shakespeare, a obra Como gustéis. A actriz que interpreta o papel de Rosalinda elixe un mal momento –e un mal medio: un teléfono móvil- para arranxar asuntos sentimentais. Ou en palabras de Piñeiro: “Dous ritmos diferentes nun mesmo Corpo. O primeiro é dunha actriz e o segundo da súa personaxe: Luisa e Rosalinda comparten o mesmo corpo pero non o mesmo ritmo. Durante esa xornada no Delta, o amor fai estragos e os roles de actriz e personaxe confúndense entre o goce polo artificio e a angustia do incerto”.     

Venres 18 de novembro (20.45 horas)
CASTRO    
(Arxentina, 2009)
Dirección e guión: Alejo Moguillansky. Produción: Mariano Llinás e Laura Citarella. Fotografía: Gustavo Biazzi. Intérpretes: Edgardo castro, Julia Martínez Rubio. Duración: 85 minutos.  
“Presentada como película irmá de Todos mienten, Castro é o resultado do traballo dun dos directores arxentinos do que máis preto me sinto. Montaxista da maioría das miñas películas, pero sobre todo amigo, a súa preocupación pola musicalidade no cine me axuda a pensar as miñas propias películas dun xeito autónomo e orixinal. Alejo Moguillansky é a persoa da que máis aprendo de cine, porque está sempre por diante do que podo imaxinar. Todas as miñas películas debenlle a súa forma a el, e Castro en particular comparte con elas, un mesmo sistema de produción alternativo aos apoios económicos estatais, que permite a películas como éstas existir” (Matías Piñeiro).

Categoría: Novas
Etiquetas: