O CGAI COMEZA UN CICLO DE CINE E EMIGRACIÓN

20 / 11 / 2012

O Centro Galego de Artes da Imaxe comeza mañá mércores día 21 de novembro (18.00 e 20.30 horas) o ciclo organizado co Consello da Cultura Galega Cine e Emigración coa proxección de material galego procedente de NO-DO e o documento da emigración Tierra de nuestros mayores (1960) de Manuel Arís. O ciclo finaliza o 12 de decembro e, ademais do último traballo de Margarita Ledo, A cicatriz branca (2012), inclúe tres títulos sobre a migración cara Estados Unidos: os clásicos La puerta del cielo (1980) de Michael Cimino e Érase una vez en América (1984) de Sergio Leone e o filme mexicano Norteado (2009) de Rigoberto Pérezcano. A entrada a todas as sesións é de balde. CINE E EMIGRACIÓN

Organizado co Consello da Cultura Galega.

Ciclo promovido polo Consello da Cultura Galega co fío condutor das relacións cine-emigración e dous epicentros ben sinalados. Por unha banda, recollemos o apuntamento histórico autóctono facilitado a través das imaxes do NO-DO –un documental, Aires de mi tierra (1958) e unha nova sobre emigrantes en Vigo-, rexistro acaparador da imaxe documental no período da ditadura franquista, ou da longametraxe Tierra de nuestros mayores (1960), do pontevedrés afincado en Uruguai Manuel Arís, emblema do documento da emigración ou material de correspondencia cinematográfica galega destinado ao público residente en Latinoamérica. A última película de Margarita Ledo, A cicatriz branca (2012), contribúe a recuperar de xeito fascinante as pisadas, xestos, ecos e lugares dos fluxos migratorios galegos na Arxentina mesturando sabiamente ficción e fondo documental.
O outro motor deste ciclo pasa polo desprazamento físico, antropolóxico e vivencial aos Estados Unidos. Un filme premiado en Rotterdam e San Sebastián, Norteado (2009) de Rigoberto Pérezcano ou o percorrido sobrevivente desde México, e mais senllas pezas de culto que acaban de exhibir respectivamente a súa versión completa e a restaurada en prestixiosos certames (Venecia; Cannes e Locarno): La puerta del cielo (1980) de Michael Cimino e Érase una vez en América (1984) de Sergio Leone. O filme de Cimino, fermosa e poética superprodución, conducía á creba á United Artists ao tempo que era dolorosamente mutilado. Ofrece un relato que socava a idealización de Estados Unidos como terra de promisión co retrato do inmigrante (neste caso da Europa do Leste) entendido como paria e/ou chibo expiatorio. En Érase una vez en América, o inmigrante, aquí de orixe hebrea, aparece caracterizado de xeito complexo, abocado tantas veces á figura do arribista, o delincuente ou o home de negocios.  Leone, último filme da súa coherente traxectoria, finalizaba a ambiciosa triloxía “Once upon a time” -despois de Hasta que llegó su hora (1968) e ¡Agáchate, maldito! (1971)- cun retablo completo e memorable do século XX.  
 
Mércores 21 de novembro (18.00 e 20.30 horas)
Noticiario 930 A    
(España, 1960)
Dirección e produción: NO-DO. Duración: 1 minuto.  
Imaxes de emigrantes en Vigo.   

AIRES DE MI TIERRA    
(España, 1958)
Dirección: Alberto Carles Blat. Produción: NO-DO. Fotografía: Ismael Palacio. Duración: 10  minutos.  
O emigrante percorre Galicia logo dunha longa ausencia. Vistas e percorridos pola Coruña ou Santiago de Compostela.   

TIERRA DE NUESTROS MAYORES    
(España, 1960)
Dirección: Manuel Arís. Guión: Germán Fernández Fraga. Produción: Hispanoamericana Cine Producción. Fotografía: Luis Galán de la Tierra. Intérpretes: Amalia Sánchez Ariño. Duración: 79 minutos.  
O fillo que chega rico de América para visitar a nai. A anécdota serve para unha viaxe polas vistas, espazos, modos de vida e paisaxes de Galicia. O pontevedrés Manuel Arís filma outro dos seus títulos para goce da emigración radicada en Latinoamérica, un material histórico.    

Xoves 22 (20.30 horas) e venres 23 (18.00 horas) de novembro
HEAVEN’S GATE / LA PUERTA DEL CIELO     
(Estados Unidos, 1980)
Dirección e guión: Michael Cimino. Produción: United Artists. Fotografía: Vilmos Zsigmond. Intérpretes: Kris Kristofferson, Isabelle Huppert, Christopher Walken. Duración: 216 minutos.
En 1870, dous amigos, Averill e Irvine, conclúen os seus estudos en Harvard. Vinte anos despois, Averill é xerife federal e Irvine, alcoholizado, é membro dunha asociación involucrada nun conflito social e de terras con agricultores de orixe europea. O éxito d’El cazador (1978) fixo do director Michael Cimino (1939) un cineasta mimado e concedeulle unha enorme liberdade creativa para o seu seguinte filme. Western lírico e conmovedor que convén rehabilitar, unha rodaxe de catro meses e medio derivou en 220 horas de celuloide, un custo enorme, unha montaxe inconexa e un fracaso económico que levou á morte da United Artists e de parte do espírito do Novo Hollywood. Recuperación da montaxe do director cun elenco brillante, que, para alén dos protagonistas, inclúe a John Hurt, Sam Waterston, Brad Dourif, Joseph Cotten, Jeff Bridges ou Geoffrey Lewis.  

Mércores 5 (20.30 horas) e venres 7 (18.00 horas) de decembro
C’ERA UNA VOLTA IN AMERICA / ONCE UPON A TIME IN AMERICA / ÉRASE UNA VEZ EN AMÉRICA     
(Estados Unidos-Italia, 1984)
Dirección: Sergio Leone. Guión: Leonardo Benvenuti, Piero di Bernardi, Enrico Medioli, Franco Arcalli, Franco Ferrini e Sergio Leone, sobre a narración de Harry Grey The Hoods (1953). Produción: Arnon Milchan para The Ladd Company. Fotografía: Tonino Delli Colli. Intérpretes: Robert de Niro, James Woods, Elizabeth McGovern. Duración: 229 minutos.  
A curta e estimulante filmografía de Sergio Leone (1929-1989) remata con este proxecto. En estado de xestación desde 1967 -logo de que pasaran polo proxecto xentes tan heteroxéneas como Norman Mailer, John Milius, Gérard Depardieu ou Jean Gabin- a rodaxe comezaría por fin en xuño de 1982. Fresco total do século XX, a historia dun grupo de rapaces de orixe hebrea que acaban por se tornar na época da lei seca nunha importante banda criminal. A banda sonora do maxistral Morricone, o sólido e conxuntado reparto (Tuesday Weld, Burt Young, Joe Pesci, Danny Aiello, Treat Williams, William Forsythe, Jennifer Connelly), o sentido épico e poético de Leone contribúen a recuperar este filme maxistral recibido no seu momento de xeito desigual.    

Martes 11 de decembro (18.00 e 20.30 horas)
NORTEADO    
(México-España, 2009)
Dirección: Rigoberto Pérezcano. Guión: Edgar San Juan e Rigoberto Pérezcano. Produción: Tiburón Filmes e Mediapro. Fotografía: Alejandro Cantú. Intérpretes: Harold Torres, Alicia Laguna, Sonia Couoh. Duración: 95 minutos.  
Andrés chega á fronteira de México con Estados Unidos. En Tijuana descobre as dificultades da cidade e do pase dun país a outro. Minimalista e contida, Pérezcano nos afasta da denuncia inane ou da épica gratuita para conferirlle dignidade e autenticidade aos seus protagonistas. Premios nos certames de Rotterdam e San Sebastián.        

Mércores 12 de decembro (20.30 horas)
A CICATRIZ BRANCA    
(España, 2012)
Dirección e guión: Margarita Ledo. Produción: Nós P.C., Haddock Films e CRTVG. Fotografía: Pablo Cayuela. Intérpretes: Eva Veiga, Xabier Deive. Duración: 92 minutos.  
Na primeira metade  do século XX, milleiros de mulleres saíron saoas de Galicia cara a América. Moitas delas eran ilegais, con papeis que falsificaban a súa idade e mesmo a súa identidade. Historias ordinarias como a de Merce, destinada a servir e, entre lusco e fusco, despedida. Pasa tres días na Estación Constitución onde a sú vida entrenza coa de outras migrantes. A partir do real documental, un filme galego mosaico e palimpsesto capaz de agrupar materiais de diversa procedencia –incluso unha novela, Porta blindada, da propia cineasta- e de relacionar de xeito sutil uns elementos ou pezas con outras (imaxes, xestos, ton, espazos, música, lus, sons).

Categoría: Novas
Etiquetas: