O CGAC PROGRAMARÁ UN CICLO DE CINE AFGANO EN VERÁN

6 / 07 / 2011

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) reforza as súas actividades en xullo con diversos obradoiros, ciclos de cine e visitas guiadas.

Unha das actividades programadas é o ciclo de cine de Afganistán “Relatos de xénero e sociedade”, unha antoloxía realizada por Sandra Schäfer a partir das mostras Splice In (Kassel, Berlín e Hamburgo, 2007) e Second Take (Kabul, 2008). Repartido en tres sesións, o ciclo incluirá cintas documentais de recente produción dese país, unha selección de traballos do arquivo de Afghan Films realizados entre 1969 e 1990, filmes dirixidos por afganos no exilio, así como produccións procedentes de países como Tayikistán e Alemaña. Os pases, que terán lugar os xoves 21 e 28 de xullo e o 4 de agosto, inclúen, entre outros, títulos como 11.000 km desde Nueva York (Orzu Sharipov, 2005), Talabgar (Chalet A’lil, 1969), Sayeh (Nacir Alqas, 1990) ou 25 Darsad (Diana Saqeb, 2007).

Polo demais, a programación de verán do CGAC arrancará o 11 e 12 de xullo cun encontro co barcelonés Ignasi Aballí que, baixo o título “Lo visible y lo visual”, proporá un debate sobre a importancia e hexemonía do visual sobre os sentidos no mundo contemporáneo. En canto a obradoiros, haberá un de pintura expandida (13 e 14 de xullo, para nenos e nenas de 5 a 7 anos), impartido por Nieves Seara, quen repetirá con pintura expandida e tridimensionalidade (27 e 28 de xullo, para un público de 8 a 10 anos), e apaga a televisión, dirixido por Anabel González (19 ao 22 de xullo, para rapaces e razapas de 11 a 13 anos). Ademais, celebraranse visitas guiadas sen cita previa os fins de semana, nas que se fará un percorrido polas exposicións do centro.

Categoría: Novas
Etiquetas: