CELÉBRASE A I MOSTRA CINEMATOGRÁFICA GALEGA NO PAÍS VASCO

4 / 11 / 2011

Dende hoxe, venres 4 ata o 19 de novembro vaise celebrar nas tres capitais vascas (Bilbao, Vitoria-Gasteiz e San Sebastián), a I Mostra Cinematográfica Galega no País Vasco, baixo o subtítulo “Galicia, un escenario de cinema”. Conformarana tres proxeccións: Mar Libre, de Dani de la Torre; Reliquias, de Toño López; e 18 comidas, de Jorge Coira.  

Mar libre, de Dani de la Torre, ambiéntase na Costa da Morte, a finais do século XVIII, e xira en torno á historia de amor que protagonizan o fillo dun pescador e a filla dun rico industrial, en medio dunha grande revolta social. A outra é Reliquias, de Toño López, unha historia de intriga ambientada na Galicia do século XII, que se desenvolve nun convento no que se producen unha serie de misteriosos crimes que trata de resolver un veterano das cruzadas ao servizo dun bispo. O terceiro título que se proxectará é o filme 18 comidas, de Jorge Coira, unha serie de historias que se desenvolven ao longo dun único día, a través de dezaoito comidas que pretenden facer partícipe ao espectador de algúns deses momentos que poden cambiar unha vida.

As proxeccións da Mostra terán lugar no Centro Galego de Vitoria-Gasteiz os venres 4, 11 e 18 de novembro, e na Aula Magna da Facultade de Letras da Universidade do País Vasco na mesma cidade, os días 10 e 17 de novembro. En ambos lugares, haberá unha festa popular con Magosto os días 10 e 11. En Bilbao, serán na Aula 208 da Facultade de Ciencias Sociais e Humanas da Universidade de Deusto, os días 9 e 16 de novembro. En San Sebastián, a actividade levarase a cabo na Sala Arrasate da Kutxa, os sábados 5, 11 e 19 de novembro. Nas tres cidades, a Mostra clausurarase cun coloquio no que participarán como invitados o director de 18 comidas e Vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual, Jorge Coira, e o actor Xosé Barato.

Categoría: Novas
Etiquetas: