CELEBRACIÓN DO CENTENARIO DE ÁLVARO CUNQUEIRO NA FUNDACIÓN GRANELL

28 / 06 / 2011

Hoxe día 28 de xuño ás 19:30 horas, na terraza do Pazo de Bendaña, sede da Fundación Granell, acollerase un acto de homenaxe a Cunqueiro co gallo da celebración do centenario do seu natalicio. O acto correrá a carga da Asociación cultural para o desenvolvemento sen fronteiras, da man do seu grupo de teatro.

9 actrices farán unha panorámica da obra do grande escritor galego nun percorrido pola súa prosa, poesía e polo seu teatro. O espectáculo estará pois dividido en tres partes, correspondentes aos xéneros literarios que cultivou o autor. Na parte correspondente ao teatro dramatizarase a coñecida peza A noite vai coma un río.

A Fundación Granell, coma dende o comezo da súa andaina,  deu apoio e visibilidade a iniciativas de corte social e cultural xeradas na cidade de Compostela, como é posto de  manifesto neste caso.

A Fundación  acolle dende o ano 1998, durante a celebración do primeiro Maratón de lectura anual da Fundación Granell as iniciativas do grupo de teatro da asociación, á fronte da cal está María Montaña.  Dende este momento, contribúen coa súa participación á dinamización do evento literario. A mais da súa participación nos maratóns, o colectivo compostelán participa activamente en outras actividades da Fundación, como a celebración do Natalicio de Eugenio Granell, ou presentan iniciativas culturais, como neste caso, que son acollidas  na Fundación.

A Asociación Cultural Implicadas para o desenvolvemento sen fronteiras, ten como fin fundamental a reintegración da terceira idade na sociedade actual a través de distintas vías, como a formativa, -imparten curso de informática e materias varias…- a creativa, -a través do grupo de teatro, entre outras actividades- ou a mellora da calidade de vida dos nosos maiores por medio na animación socio cultural ou a preparación física.

Para máis información poden consultar a súa páxina web www.acsf.org.es

Categoría: Novas
Etiquetas: