Luis Felipe Blasco, guionista e deseñador do videoxogo da superprodución española de animación, Planet 51, imparte o vindeiro 17 de xuño o primeiro Seminario de Guión de Videoxogo que se celebra en terras galegas.

O videoxogo é a industria audiovisual que máis creceu en España nos últimos cinco anos. O pasado ano 2010, mentres que o cinema facturou en salas 640 millóns de euros, a facturación da industria do videoxogo ascendeu a case o dobre, 1.245 millóns de euros, xerando máis de 1.500 empregos directos e 3.500 empregos indirectos. A demanda de profesionais cualificados para traballar no noso país no deseño e creación de videoxogos disparouse no último lustro, nembargantes resulta paradoxal que a penas haxa centros especializados nesa formación, e os poucos que hai -carreiras universitarias de recente creación, postgrados e masters- están totalmente focalizados cara deseñadores, debuxantes, modeladores ou enxeñeiros informáticos, porén a penas hai cursos de formación sobre o desenvolvemento de contidos e historias para videoxogos, é dicir, de guión.

O Seminario sobre a escrita do Guión de Videoxogo, que leva por título o revelador nome de “Videoxogo. Fase 0: Guión”, está organizado pola Asociación Galega de Guionistas (AGAG), unha agrupación que aglutina aos principais guionistas tanto de televisión como de cinema da nosa terra, e forma parte dunha estratexia divulgativa da mesma para achegar, tanto a profesionais como a afeccionados ou curiosos, o know-how das máis novidosas e puxantes manifesiacións audiovisuais do noso tempo tales como os videoxogos, as obras transmedia, corssmedia ou as producións crowdfunding. Este seminario non é, polo tanto, máis que a primeira dunha longa listaxe de conferencias que se irán celebrando ao longo dos próximos meses e que traerán a Galiza o máis destacado das últimas novidades no que a comunicación e entretemento audiovisual se refire.

A ponencia correrá a cargo de Luis Felipe Blasco, un dos poucos experimentados guionistas de videoxogo a nivel nacional –no en van, é unha profesión que está a dar as súas primeiras pegadas- que conta entre os seus créditos o guión do videoxogo da maior superprodución española da historia, Planet 51, filme que recaudou máis de cen millóns de dólares a nivel mundial, videoxogo que foi desenvolvido pola productora Pyro Studios, unha das empresas pioneiras neste eido en España, creadora da famosísima saga Commandos, que a día de hoxe constitúe o meirande éxito internacional do videoxogo español. Tamén foi guionista e deseñador dos videoxogos patrios Alter Ego (Starco Studios) e Meatball Marathon (Indigo). Actualmente imparte clases de guión de videoxogo no prestixioso Master de Creatividade e Guión da Universidade Rey Juan Carlos/Globomedia.

Ao longo das catro horas que durará o seminario -que terá lugar o vindeiro 17 de xuño de 2011 na sede da SGAE-Arteria Noroeste (rúa das Salvadas, 2) en Santiago de Compostela- percorreranse aqueles puntos que Luis Felipe Blanco considera fundamentais para poder converterse nun guionista de videoxogo de éxito. A exposición arrincará cunha introducción ao concepto de videoxogo, seguida dunha explicación das súas peculiares características como contido audiovisual, unha breve historia e unha descrición dos distintos tipos de Videoxogos. Continuará coa análise daqueles videoxogos que precisan de guión e do papel do guionista nos mesmos, así como cunha descrición do traballo, das dificultades, necesidades, know-how e habilidades específicas que cómpren. A conferencia rematará cunha abordaxe dos distintos niveis de guión que implica a creación dun videoxogo, unha ollada á industria en España e un prognóstico de cara onde camiña o sector.

Quen sabe si deste seminario sairá o creador do próximo Call of Duty? Ou o guionista do God of War dos vindeiros anos? Quen sabe si o autor do novo Grand Theft Auto comeza a súa carreira profesional acudindo a este pioneiro seminario? Nunca se sabe. Só hai que pulsar o botón Start e deixar que a imaxinación faga o resto.

Para máis información sobre “Videoxogo. Fase 0: Guión”, I Seminario de Guión de Videoxogo consultar a páxina de facebook da Asociación Galega de Guionistas na seguinte ligazón http://www.facebook.com/notes/agag-asociación-galega-de-guionistasscreenwriters-guild-of-galicia/seminario-agag-organiza-un-seminario-deguión-de-videoxogo-por-primeira-vez-en-g/169455589782015.