A memoria anual da Academia Galega do Audiovisual, coñecida como Os Papeis da Academia, publícase hoxe con textos de María Yáñez, Brais Romero, Cibrán Tenreiro e fotos de Tamara de la Fuente en formato revista web que se pode consultar en papeisdaacademia.org. Un dos temas de portada desta publicación -centrada na historia do audiovisual en Galicia- é unha reportaxe que xira arredor de Pilar Sueiro, Marta Villar, Luisa Veira, Beatriz Legerén, Margarita Ledo e Encarna Alonso, mulleres que desde distintos ámbitos técnicos e artísticos, e tamén desde a produción e a investigación, foron imprescindibles nos inicios do cinema e a televisión en Galicia.
Outro tema de portada é a conversa que Brais Romero mantén con tres investigadores que comezaron a súa labor académica nesta década: Marta Pérez, Isabel Sempere e Iván Villarmea, na que falan de identidade, subsistencia, difusión e, sobre todo, cinema galego. A esta entrevista súmanselle tamén voces como a de Adrián Estévez, un dos membros máis activos da Galipedia, que nos fala sobre o funcionamento e normas que rexen a información que atopamos na wiki sobre o audiovisual galego, un álbum de momentos históricos do audiovisual galego contemporáneo e un concurso online para que todo o mundo poida poñer a proba os seus coñecementos sobre o audiovisual.
A actualidade vén marcada polas palabras de Melania Cruz e Iván Marcos, gañadores dos Mestre Mateo deste ano á mellor interpretación protagonista e actores que prometen unha carreira máis sólida e interesante nos próximos anos. Tamén haberá un lugar para o que está por vir cun repaso ás rodaxes e estreas de cine e televisión que se esperan para o 2019, un repaso aos filmes con talento galego pasaron con éxito por festivais internacionais centrados en vertentes ben diferentes do cinema e o mellor que puidemos ver nos que celebramos en Galicia.

MelaniaCruzIvanMarcos10┬®TamaradelaFuente

MelaniaCruzIvanMarcos01┬®TamaradelaFuente

E, por suposto, as crónicas multimedia dos Premios Mestre Mateo e María Luz Morales, da Semana das Músicas do Audiovisual (SEMUA), do encontro “Lugares en común para a educación e o audiovisual”, o Gifaton e máis doutras actividades que desenvolveu a AGA neste ano xa case pasado, así como unha entrevista a Miriam Devesa, coordinadora de proxectos da Academia.Os Papeis da Academia contan co patrocinio do Concello da Coruña e coa colabroación da Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo.