ARRINCA A SEXTA EDICIÓN DE OFESTIVALON CON CURTAS TRAÍDAS DE MÁIS DE DEZ PAÍSES

28 / 07 / 2010

OFestivalON 2010 quedará inaugurado mañá ás 21 horas, cando o Cine Teatro se vista de gala para recibir a actores, directores, personalidades de A Mariña, ademais da curta convidada que dará o pistoletazo de saída a esta edición: “Dous homes e un suicidio”, de Iria López. Ademais, o festival contará con proxeccións durante tres días de cortometraxes de máis de dez países. A pesares de que a apertura comezará no Cine Teatro, ás 22 horas, os asistentes desprazaránse a unha festa, na que os participantes da quinta edición de A Toda Mecha poderán falar cos actores elixidos tralo casting realizado a semana pasada. Pouco tempo despois, recollerán o material para comezar a gravación das curtas express na vila lucense, xa que a competición por conseguir o premio á mellor curtametraxe será cada vez máis intensa.Esta nova edición traerá ademais unha programación moi complexa, xa que aparte das xa coñecidas proxeccións da Sección Oficial, nas que participaron máis de cincocentas curtas na preselección, contará cunha serie de actividades paralelas. A Sesión Vermú consistirá nunha serie de charlas-coloquio, dirixidas por profesionais do ámbito audiovisual, como Iria López, que participará o xoves ás 13 horas no Cantón dos Moreno e Omar Rabuñal, que estará o venres no mesmo sitio. Nestas falarase non só dos traballos que ambos directores teñen realizado, senón tamén de diversos temas de corte audiovisual que lles interesan ós cidadáns.Por outra banda, as curtas convidadas que participarán nesta edición serán as denominadas “Artabriños 2010”, resultantes da campaña de promoción turística de Ferrol – Eume e Ortegal, “Chámalle como queiras”. Tamén se proxectará O sobriño, de Omar Rabuñal e dúas miniseries feitas polos alumnos da Escola de Imaxe e Son de Lugo: “Cero Vinte” e “Fuga de descerebrados”.

Categoría: Novas
Etiquetas: