O APÓSTOLO CONVÉRTESE NA PRIMEIRA PELÍCULA DE ANIMACIÓN QUE COMPETIRÁ NO FESTIVAL DE CINE DE MOSCÚ

6 / 06 / 2012

A película de animación en stop-motion estereoscópica O apóstolo, de Fernando Cortizo, vai facer historia, ao converterse na primeira dese xénero que competirá no Festival Internacional de Cine de Moscú, un dos de serie A do mundo, que celebrará a súa 34ª edición do 21 ao 30 de xuño. 

España vai ter presencia, un ano máis, na sección oficial do 34º Festival de Cine de Moscú. Será con O apóstolo, un filme dirixido por Fernando Cortizo que, segundo a súa produtora Artefacto Producciones, fará historia, xa que será o primeiro de animación que compita no principal apartado do certame ruso. O apóstolo é o único representante español entre os 17 filmes anunciados a concurso, de momento, nesta sección. Os seus rivais serán o mexicano Fecha de caducidad, de Kenya Márquez, o polaco 80 Millions, de Waldemar Krzystek, os italianos A.C.A.B., de Stefano Sollima, e Magnifica presenza, de Ferzan Ozpetek, o iraní Growing in the Wind, de Rahbar Ghanbari, os rusos Horde, de Andrei Proshkin, e Rita’s Last Fairy Tale, de Renata Litvinova, a coprodución entre Letonia e Rusia Gulf Stream Under the Iceberg, de Yevgeny Pashkevich, a coprodución entre Estonia, Bielorrusia e Letonia Lonely Island, de Peeter Simm, o finlandés Naked Harbour, de Aku Louhimies, o húngaro The Door, de Istvan Szabo, o croata Canibal Vegetarian, de Branko Schmidt, o británico Junkhearts, de Tinge Krishnan, o búlgaro July, de Kiril Stankov, o chino A Cherry on a Pomegranate Tree, de Li Chen, e a coprodución entre Corea del Sur e Filipinas Fire in Hell, de Lee Sang-woo. Outros 9 filmes, ningún español, exhibiranse na competición Perspectives.

O apóstolo foi a primeira película de animación en stop-motion estereoscópico rodada en Europa. No proxecto, que se levou a cabo en Galicia, participaron máis de 200 profesionais, entre os que destacan animadores e modelmakers internacionais con experiencia en filmes como Coraline, Evasión en la granja, Matrix ou El señor de los anillos; o compositor estadounidense Philip Glass, nominado a tres Oscar, que compuxo a banda sonora; ou os actores Jorge Sanz, Geraldine Chaplin, o falecido Paul Naschy, Carlos Blanco, Pico e Luis Tosar, que poñen voces ás personaxes. Esta trama que mestura suspense, humor e fantasía nunha historia ambientada no Camiño de Santiago medieval presentarase o 25 de xuño na capital rusa. Desta forma, Artefacto Producciones arrancará a promoción internacional do que é a súa primeira longametraxe. Esta é a segunda vez que esta cinta, innovadora tanto pola técnica empregada como polo sistema de rodaxe, consegue entrar a competición na sección oficial dun festival que nunca antes seleccionara filmes de animación. En abril pasado loitou pola Biznaga de Oro no de Cine Español de Málaga.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: