ÁNXELA BUGALLO, ACTRIZ NO ON&OFF

5 / 08 / 2008

A Conselleira de Cultura e Deporte visitou en Ribadeo as últimas gravacións de curtametraxes da sección A Toda Mecha do Festival On&Off, participando como unha actriz máis do reparto. O departamento dirixido por Bugallo apoia a través da Axencia Audiovisual Galega un Festival que estes últimos días deixou patente a súa importancia para a posta en valor do audiovisual e a cultura do país.
A Conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, visitou en Ribadeo as últimas gravacións de curtametraxes da sección A Toda Mecha do IV Festival Creativo de Curtas On&Off. Bugallo mantivo unha entrevista co alcalde ribadense, Fernando Suárez Barcia, para logo pasar a sumerxirse na gravación dunha das catorce curtametraxes que se prepararon estes días.

A Conselleira participou na rodaxe como un membro máis da equipa de gravación, poñéndose diante das cámaras dos rapaces para gravar unha secuencia. Xoán Mariño, Coordinador Xeral do Festival, acompañou á Conselleira nesta incursión cinematográfica, que pon de manifesto o apoio do departamento dirixido por Bugallo a unha iniciativa única en Galicia que se consolida con cada nova edición como un referente a nivel nacional.

Coa internacionalización que se está a poñer en marcha este ano, increméntase aínda máis a posta en valor de Galicia como creadora e difusora de cultura en xeral, e de cultura audiovisual en particular, valor que fomenta o Festival On&Off e que se reforza coa presenza da Conselleira in situ para apoiar a iniciativa, na que colabora a través da Axencia Audiovisual Galega.

A visita de Ánxela Bugallo pechouse coa entrega por parte de Mr. Misto Films dun agasallo do Festival, o característico misto que é a seña de identidade do certame.

Categoría: Novas
Etiquetas: