AMAL IMPREGNA DE CULTURA ÁRABE TODOS OS RECUNCHOS DE COMPOSTELA

27 / 10 / 2011

Dende o pasado luns 24 ata o sábado 29 de outubro, o Festival Amal chega a tódolos recunchos de Compostela, tanto colgando nos establecementos da zona vella carteis con curiosidades sobre o mundo árabe, como a través do padal coa celebración da Semana Gastronómica de Cociña Árabe, e sobre todo a través dos filmes e profesionais que se achegan ata a cidade.

Se por algo destaca Amal, ademais de por as súas películas e actividades, é polo feito de achegar aos directores desde numerosas cidades do mundo a Compostela, dándolle a oportunidade aos espectadores de falar con eles e debater calquera aspecto das súas producións.

 

Os directores do Festival de Cine Amal falan co público das súas películas

Se por algo destaca Amal, ademais de por as súas películas e actividades, é polo feito de achegar aos directores desde numerosas cidades do mundo a Compostela, dándolle a oportunidade aos espectadores de falar con eles e debater calquera aspecto das súas producións.

Marc Almodóvar mantivo un coloquio co público logo da proxección da súa película onte pola tarde. Comentou sobre o Festival Amal que “ofrece a oportunidade de achegar ao pobo galego unha realidade tan próxima pero á vez tan afastada”. Manifestou que sobre os conflitos do mundo árabe a xente opina por mor do que ve nos medios ou contan os políticos, pero, dixo, “no documental non saen falando os grandes analistas: fala a xente, o Pobo, e sente a súa forza, a súa tensión e emoción”.

Felipe Laxe foi o encargado de manter un coloquio distendido co público de “Todos vós sodes capitáns”, o filme que dirixiu o seu irmán Oliver. Felipe cre “que o espectador que come telexornais con culler de pau ten unha imaxe de Marrocos como un país onde impera a anarquía, a rudeza e ata certa crueldade. En certa medida é certo, e ata iso paréceme que fai parte do seu encanto, pero hai sobre todo un Marrocos no que o mátiz de calquera xesto, expresión ou mirada pódeche conmover moi profundamente”, e iso é o que trata de ensinar o seu irmán Oliver Laxe en “Todos vós sodes capitáns”.

 

As mulleres, protagonistas da xornada de hoxe en Amal

Chegado o ecuador da semana do Festival Internacional de Cine Amal, a organización valora moi positivamente a resposta do público galego, nacional e internacional. Nenos, non tan nenos, maiores, máis maiores… galegos, ingleses, alemáns, árabes ou franceses. Para todos estanse celebrando actividades e proxectando películas.

Ademais das proxeccións habituais, para mañá destacamos dous pratos fortes. Por unha banda teremos en Santiago a unha das produtoras de “Son of Babylon”, cinta de 90 minutos dirixida por Mohamed Ao-Daradji, que se estreou este mes nos cines españois. A proxección será ás 22,00 h da noite e, ao seu fin, todos os asistentes poderán manter un coloquio cunha das súas produtoras.

Ademais, a Galería Caroní (Rúa do Vilar, 21) será o escenario de celebración dun coloquio conducido por mulleres e centrado no papel da muller no mundo árabe. Ana Staton, Directora da Fundación Araguaney será a condutora do coloquio. Unha cita na que se reunirán Andreas Horvath, co-directora de ?Atracción Árabe?, Yasmine Ao Massri, presidenta do xurado; Emma Lustres, membro do xurado; Chelo Loureiro, delegada de CIMA Galicia; Francisca Pleguezuelos, Dra. Fundación Legado Andalusí e Rosa Oubiña Solla, Portavoz de Igualdade do Grupo Parlamentario Popular na Xunta.

En cada proxección os espectadores poden votar do 1 ao 5 segundo o grao de satisfacción obtido logo de ver a película. Nas proxeccións de onte pola tarde, o público valorou moi positivamente “This is my land, Hebrón”, de Giulia Amati e Stephen Natanson. Este último estivo en Santiago e mantivo un coloquio co publico da súa película.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: