Alejandro Pardo, profesor na Facultade de Comunicación da Universidade de Navarra (UNAV), estará o martes 23 e o mércores 24 no Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA), título propio da Universidade da Coruña que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, para falar sobre a produción audiovisual e a dirección de proxectos empresariais desde o punto de vista do produtor executivo.

Pardo é profesor titular de Produción de Cine e TV e de Dirección de Proxectos Audiovisuais e durante as sesións que impartirá no MPXA fará un repaso das fases da produción en cine e televisión e analizará a situación actual dos mercados audiovisuais e os efectos da dixitalización na industria. Na Facultade de Comunicación da UNAV, tamén desempeñou o cargo de Director do Departamento de Cultura e Comunicación Audiovisual (DCCA) e actualmente é o Coordinador do Grao de Comunicación Audiovisual.

Membro fundador do grupo de investigación “Europe-Hollywood”, que estuda as relacións económicas e culturais entre Europa e Estados Unidos en materia audiovisual, Pardo é tamén autor de varios libros sobre o sector, entre os que destacan David Puttnam, un productor creativo e El oficio de producir películas. El estilo Puttnam. Nesta ocasión, Pardo aproveitará a súa estancia en A Coruña para facer a presentación da súa última publicación: El Señor de los Anillos: del libro a la pantalla, da que é coautor e coeditor.

Pola súa parte, María García-Castrillón, coordinadora internacional de Ida y Vuelta (Grupo Boomerang TV), fará o venres 26 unha análise do modelo de produción americana e deterase en aspectos como a programación das cadeas xeralistas fronte ás cadeas de cabo, as súas audiencias e a organización das tempadas en cada unha delas. Ademais, centrará parte da súa clase en falar das tendencias actuais na televisión estadounidense e establecerá unha comparativa entre as produtoras de USA e as de Europa. 

Tras cursar o MPXA en 2000/01, María García traballou como coordinadora de ventas internacionais en Markab Creativos (produtora e financeira audiovisual) e en Latido (axencia de ventas internacionais de Cine Latido). Tamén ten desempeñado funcións de desenvolvemento de proxectos nas produtoras galegas Continental Producciones e Voz Audiovisual. Desde outubro de 2007 ocupa o cargo de coordinadora internacional no departamento de I+D de Ida y Vuelta, onde se encarga da elaboración de informes de tendencias, das análises de guión e de series de ficción para a súa posible adaptación a España e do seguimento pormenorizado da produción internacional, sobre todo europea e americana.