AGADIC ANUNCIA A CONVOCATORIA DE AXUDAS AUTOMÁTICAS AO AUDIOVISUAL NO 2009

2 / 01 / 2009

A Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) amosa a súa gran satisfacción polo anuncio da convocatoria de axudas automáticas ao audiovisual por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Trátase dun feito histórico no eido das axudas ao audiovisual dando reposta a unha antiga reivindicación do sector audiovisual galego. Miguel Martín, director da AGADIC anunciou esta mañá no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago que a nova convocatoria publicarase entre o día 23 e o 24 do mes de febreiro.
Segundo se presentou hoxe, as axudas automáticas irán destinadas á amortización dos custos de produción de longametraxes cinematográficas, telefilmes e documentais de interese cultural, gastos que contarán cun orzamento de 600.000 euros. AGAPI solicitou a inclusión dos telefilmes documentais dentro dos formatos subvencionables por esta liña de axudas, aínda que con contías menores.

A AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) anunciou que este ano o orzamento das axudas ao sector audiovisual ascende a un total de 2.700.000 euros. A cifra divídese entre as axudas automáticas, que contarán con 600.000 euros; e as axudas anticipadas, con 2.100.000 euros. Estas axudas sobre proxecto contan coas liñas de subvención á produción audiovisual en lingua galega, cun orzamento de 1.100.000 euros; as axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais, con 250.000 euros; as axudas a contidos interactivos, con 150.000 euros; as bolsas de creación audiovisual para a promoción do talento, con 400.000 euros e as axudas á curtametraxes, con 200.000 euros.

A publicación das axudas comezará o 16 de febreiro coa convocatoria das bolsas de creación e continuará ao día seguinte, o 17, coas axudas á produción audiovisual. As axudas ao desenvolvemento de proxectos, contidos interactivos e curtametraxes publicaranse entre o 19 e o 20 de febreiro, e, finalmente, as axudas automáticas chegarán o día 23 ou o 24 de febreiro.

Máis información na web de AGAPI, no teléfono 981 577 747 e no e-mail: administracion@agapi.org

Categoría: Novas
Etiquetas: