AGADIC E ADDICT IMPULSARÁN OS CONTACTOS EMPRESARIAIS ENTRE AS SÚAS INDUSTRIAS CREATIVAS

13 / 06 / 2011

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Agência para lo Desenvolvimento de las Indústrias Criativas (Addict) de Portugal, e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, redactaron un protocolo de colaboración transfronteiriza, a través do que buscan facilitar e dinamizar os intercambios e contactos empresariais entre os axentes culturais da eurorrexión.

O acordo, polo que se establece un marco xeral de colaboración cara a realización de proxectos conxuntos, será firmado no marco do encontro Portugal Criativo que, baixo a organización de Addict, desenvolverase do 16 ao 18 de xuño en Oporto, e que contará coa asistencia do director de Agadic, Juan Carlos F. Fasero. Ademais da promoción do intercambio de experiencias e de proxectos de colaboración entre as industrias culturais e creativas de ambos territorios, as tres entidades definirán unha metodoloxía común para a identificación dos axentes implicados, co obxectivo final de habilitar unha base de datos e un directorio nos ámbitos de música, escena, audiovisual e edición, entre outros, que permita obter un cálculo integrado da importancia económica das industrias culturais e creativas no ámbito da eurorrexión. A través deste protocolo, Agadic, Addict e a Agrupación de Cooperación Territorial comprométense tamén a impulsar canles de comunicación que favorezan un maior coñecemento mutuo das actividades que, nos ámbitos das súas respectivas competencias, se desenvolvan a ambos lados da fronteira.

Promoverase igualmente a posta en común de temáticas de interese para as industrias culturais de ambos países no marco dun foro a través do que optimizar o seu traballo no contexto da cooperación transfronteiriza, toda vez que, na actual conxuntura, esta colaboración maniféstase como unha vía eficaz cara a mellora da competitividade empresarial e o desenvolvemento de novos produtos e servizos. A través desta iniciativa dáse un paso adiante no proceso de intercambio e cooperación co Norte de Portugal, que se viu reforzado no período 2009-2011 a través do programa cultural europeo Creativa, impulsado por Agadic e a Direccão Regional de Cultura del Norte del Ministerio da Cultura portugués, con financiamento a cargo dos fondos FEDER. Neste caso, Agadic colabora coa Addict portuguesa como plataforma que agrupa a máis de 100 asociados en diferentes ámbitos das industrias creativas, e cuxa prioridade é favorecer o coñecemento, a información, a promoción e a coordinación do sector cara o desenvolvemento do emprendedurismo e da economía creativa.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: